"Tedes tests de antíxenos? Que día recolledes as probas de detección de coronavirus en saliva? Onde podo facer unha PCR sen estar citado?". Nas últimas semanas o rápido aumento do número de casos de COVID, certificando a importancia da sexta vaga da pandemia, a chegada da nova variante ómicron (máis contaxiosa pero aparentemente con efectos individuais menos graves) e a proximidade das festividades de Nadal levaron a unha demanda moito maior de probas de detección, moitas veces non dispoñibles.
Moitas persoas que sospeitan estar contaxiadas, por ter compartido espazos de ocio ou traballo con casos positivos, buscan unha confirmación da súa situación ante a posibilidade de contaxiar a amizades e familiares
Moitas persoas podían sospeitar ou temer estar contaxiadas, por ter compartido espazos de ocio ou traballo con casos positivos, e buscaban unha confirmación da súa situación ante a posibilidade de contaxiar a amizades e familiares nestas datas de encontros sociais e gran mobilidade.
Esta maior demanda de probas de detección incrementouse ademais polos crecentes atrasos nos procesos de rastrexo de contactos estreitos de persoas positivas, de xeito que moitos destes posibles infectados nunca foron citados para a realización da súa correspondente PCR.
A realización de moitos máis tests levou a que nos últimos sete días o Sergas detectase case 10.000 casos novos da COVID-19, unha cifra que de seguro continuará en ascenso este venres, ás portas dos encontros familiares do día 24 e 25. Entre estes milleiros de novos positivos unha ampla maioría son asintomáticos, segundo os datos comunicados polo Ministerio de Sanidade, e de igual xeito o número de casos graves -que necesitaron hospitalización- está a ser de momento reducido. Este carácter asintomático é unha boa nova, xa que non se trata de casos graves e, ademais, non aumentan a saturación do sistema sanitario, pero por outra banda incrementa o risco de contaxio a persoas vulnerables.
A maioría dos novos casos detectados son asintomáticos
Durante as últimas semanas as opcións para a realización de probas de detección de Covid-19 sen estar citado polo SERGAS como contacto estreito ou posible positivo limitábanse aos tests de antíxenos, que moi rapidamente se esgotaron nos puntos de venda, e tamén aos tests de detección en saliva que se distribúen nas farmacias e que son enviados dende toda Galicia a Vigo para a súa análise.
Nestes espazos foi continua este xoves a imaxe de longas fileiras e importantes espera para a realización destas probas
Nos últimos días comezaron a habilitarse espazos para a realización de probas sen cita en varios hospitais galegos, primeiro en Vigo e Pontevedra, despois en Compostela e dende este xoves en máis lugares, sumando un total de 14 puntos, aos que hai que sumar os aeroportos e estacións de tren, neste caso unicamente para os viaxeiros e viaxeiras.
Nestes espazos foi continua este xoves a imaxe de longas fileiras e importantes espera para a realización destas probas. Foi o caso de Vigo, con centos de persoas a agardar na esplanada do Náutico, de Burela, de Lugo, de Monforte ou de Santiago de Compostela, onde este mércores a espera para a realización dunha proba sen cita no Hospital Clínico chegou ás catro horas. Nalgúns lugares, ademais, informacións erróneas sobre os os horarios reservados para as persoas sen cita levaron a moitos a facer cola sen poder finalmente acceder ao servizo, como sucedeu no Covid-Auto do Ventorrillo, na Coruña.
A Xunta adquiriu medio millón de tests para responder á demanda
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou este xoves nunha entrevista na radio pública vasca que a Xunta vén de adquirir medio millón de tests para facer fronte nas vindeiras semanas á crecente demanda de probas de detección.
Os 24 lugares de realización de probas de detección gratuítas
Neste momento están habilitados 24 espazos para a realización de cribados de detección en Galicia. 8 deles corresponden aos tres aeroportos (A Coruña, Compostela e Vigo) e ás cinco estacións de tren con conexións ferroviarias de alta velocidade coa Meseta (A Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense); nestes lugares ofrécese a realización de test de antíxenos voluntarios a todos os viaxeiros e viaxeiras.
Neste momento están habilitados 24 espazos para a realización de cribados de detección en Galicia
Ademais, en centros sanitarios e outras instalacións está a facilitarse a realización de probas PCR e tests de antíxenos, tamén de forma gratuíta. Son os seguintes: na Coruña no Covid-Auto do Ventorrillo, en Cee no Hospital Virxe da Xunqueira, en Ferrol na Escola Politécnica de Enxeñaría, en Lugo no Edificio da Delegación Territorial de Sanidade, en Burela na Casa do Mar, en Monforte no Hospital Comarcal, en Santiago no Hospital Clínico e no Auditorio Vidal Bolaño, en Ribeira no Hospital do Barbanza, en Ourense na Casa da Xuventude, en Verín no Hospital comarcal, no Barco de Valdeorras no Hospital comarcal, en Pontevedra no Hospital provincial, en Vilagarcía na Sala de exposicións do Auditorio e en Vigo na Esplanada do Real Club Naútico.
Cómpre ter en conta, ademais, que na xornada do 25 estes puntos permanecerán pechados e que algúns tamén o farán o día 26. Así mesmo, o venres 24 a maior parte pechará a media tarde, co obxectivo de facilitar que o persoal sanitario celebre a cea de Noiteboa coas súas familias e amizades.
Os tests de detección en saliva, dende hai meses de balde nas farmacias
A outra opción sempre dispoñible é a realización dunha proba de detección do SARS-CoV-2 en saliva en ducias de farmacias de toda Galicia, unha posibilidade que funciona de dende hai meses pola implicación dos distintos colexios oficiais de farmacéuticos. As mostras de saliva recóllense os luns e os mércores e envíanse a Vigo para a súa análise.
Os tests de saliva recóllense de balde os luns e mércores nas farmacias
Habitualmente os resultados coñécense nun prazo máximo de 48 horas (se é positivo a comunicación adoita ser máis rápida), aínda que o gran número de probas enviadas nos últimos días está facendo que nalgúns casos estes prazos se alonguen a tres días, cando menos. Ademais, a elevada demanda fixo que en moitas farmacias algunhas persoas ficasen sen a posibilidade de recoller o seu kit e entregar a súa mostra, dado que cada establecemento conta cun cupo máximo de envíos, que esta semana foi amplamente ultrapasado.
Nos últimos días o Goberno galego puxo estas probas de detección en saliva a disposición dos nenos e nenas entre 5 e 11 anos
As probas de detección en saliva teñen unha fiabilidade moi elevada, semellante á das PCR con mostras nasais. Tamén é elevada a fiabilidade dos tests de antíxenos, pero só se a hipotética infección se produciu entre 5 e 10 días antes.
Nos últimos días o Goberno galego puxo estas probas de detección en saliva a disposición dos nenos e nenas entre 5 e 11 anos e que están aínda iniciando o proceso de acceso á vacina. Son, en total, 150.000 tests dispoñibles, dos que 24.000 foron xa retirados da farmacia polas familias ou enviados para a súa análise.