Dende o pasado novembro e ata hai escasos días, a infancia menor de 12 anos veu encabezando a incidencia acumulada da COVID-19 en Galicia. Os contaxios neste grupo de idade, o último en ser incorporado á vacinación -en marcha para nenas e nenos de 5 a 11 anos dende o pasado 15 de decembro- teñen especial impacto nos datos de casos activos do coronavirus ligados ás aulas. Mentres, a infancia de 5 a 11 anos que xa recibiu unha dose da vacina en Galicia xa rolda o terzo do total.
A información sobre a COVID nas aulas é necesariamente incompleta dende que a Xunta a ofrece por varias razóns. A fundamental, porque os datos non diferencian entre alumnado e profesorado e ademais, Sanidade e Educación limítanse a informar sobre casos activos sen especificar as altas, o que impide coñecer as cifras de casos novos. A estas limitacións engadíronse o feito de que, no curso 2021-22, o Goberno galego pasou de ofrecer datos ao respecto aos medios de comunicación todos os días lectivos a facelo só un día á semana.
Sempre tendo en conta os devanditos condicionantes, o último balance divulgado pola Xunta amosa que o primeiro trimestre escolar finalizou con algo máis de tres mil casos da COVID-19 activos ligados ao ensino. A práctica totalidade (2.997) son de colexios e institutos e os 62 restantes, de escolas infantís.
A rapidez da vacinación e a escaseza de poboación infantil propician que menos de 50.000 nenas e nenos que xa recibiron a primeira dose supoñan o 31,4% do grupo de 5 a 11 anos e que Galicia lidere, xunto a Extremadura, a inmunización pediátrica no conxunto do Estado
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o trimestre finaliza cun número de casos da COVID-19 entre profesorado e alumnado notablemente superior ao de hai un ano. Isto sucede despois de que, entre setembro e novembro, fosen moi inferiores aos de doce meses antes, cando aínda non comezara a vacinación. O actual incremento está moi ligado á evolución epidemiolóxica xeral, cunha vaga outonal máis serodia que en 2020.
Esa coincidencia coa situación xeral reflíctese tamén na relación de centros educativos que a Xunta sinala como "casos destacados" no impacto da COVID. Así, no remate do primeiro trimestre o colexio con máis casos rexistrados era o Apóstol Santiago de Vigo (28), seguido do colexio Labor da mesma cidade (26) e do tamén vigués colexio Las Acacias-Montecastelo (25). Tamén contaban con algo máis dunha vintena de casos colexios na Coruña, Brión, Vigo, Ames, Oleiros ou Soutomaior.
Con este pano de fondo, os primeiros datos públicos do Ministerio de Sanidade sobre o o avance da vacinación pediátrica amosaban este 22 de decembro que, a día 20, practicamente un terzo da poboación galega de 5 a 11 anos (48.877 nenas e nenos) xa recibira a primeira dose da vacina. A rapidez da vacinación, engadida á escaseza de poboación infantil en territorio galego, propicia que menos de 50.000 persoas supoñan o 31,4% deste grupo de idade e que Galicia lidere xunto a Extremadura (32,5%) o proceso de vacinación pediátrica, que na mesma data estaba ao 17,8% na media estatal.
O grupo de 20-29 supera en incidencia á infancia non vacinada
A incidencia acumulada xa baixa na poboación maior de 60 anos, que maioritariamente recibiu a terceira dose da vacina
Neste remate do curso escolar, non obstante, a infancia menor de 12 anos deixou de ser o grupo con maior incidencia acumulada da COVID-19 en Galicia. Isto sucede non só polo relativo freo no crecemento dos novos casos entre nenos e nenas, senón tamén polo pronunciado avance deste indicador no grupo de 20 a 29 anos, que con datos do 21 de decembro se situaba xa por riba dos mil casos novos por cada cen mil persoas, fronte aos 990 do grupo infantil.
Na banda contraria seguen estando as persoas de 70 a 79 anos e tamén as de 60 a 69 anos. Ambos grupos, que xa maioritariamente recibiron a dose de reforzo da vacina, trazan nos últimos días liñas á baixa na incidencia acumulada. Aínda que máis tímidos, tamén amosa sinais de descenso o grupo da poboación maior de 80 anos que, non obstante, segue sendo o que ten menor incidencia acumulada, con pouco máis de 100 casos novos por cada cen mil persoas.