Comeza a vacinación infantil contra a COVID coa poboación menor de 12 anos á cabeza da incidencia en Galicia

Tiago, de 7 anos, recibe a vacina da COVID no hospital Clínico de Santiago, este 15 de decembro de 2021 CC-BY-SA Sergas

Este 15 de decembro de 2021 comezou en todo o Estado a campaña de vacinación contra a COVID-19 para a infancia de entre 5 e 11 anos. No caso de Galicia, o Sergas citou para esta xornada uns 15.000 nenos e nenas, a maioría de 9 a 11 anos, e tamén algúns por baixo desa idade aos que priorizou por outras razóns de sáude.

Tiago, un neno de 7 anos, foi dos primeiros en recibir a súa dose e a súa imaxe foi a elixida por Sanidade para ilustrar a importancia da vacinación infantil. A súa nai, Carmen, animou "a todas as nais a que traian os seus fillos a vacinarse" nun contexto de expectativa por parte das autoridades sanitarias ata comprobar a porcentaxe de familias que atenden á chamada [DOCUMENTO | O consentimento informado para a vacinación contra a COVID da infancia entre 5 e 11 anos]

Tiago, de 7 anos, foi un dos primeiros en recibir a vacina contra a COVID-19 no inicio da campaña pediátrica CC BY-SA Imaxe: Sergas | Montaxe: Praza.gal

A vacinación infantil comeza nun contexto no que Galicia albisca o pico da vaga outonal da COVID, toda vez que o ritmo de incremento da incidencia acumulada segue a frear. Nos últimos sete días con datos completos, o Sergas diagnosticou unha media diaria próxima aos mil casos e a taxa de incidencia acumulada a 14 días está un chisco por baixo dos 500 casos novos por cada cen mil habitantes.

O Sergas detectou unha media diaria duns mil casos nos últimos sete días, pero a moderación no ritmo de incremento da incidencia acumulada permite albiscar o pico da vaga outonal

Por idades, como veñen amosando dende hai semanas os datos do Ministerio de Sanidade (a Xunta dispón deles e transmíteos ao Estado, pero non os divulga), o grupo con maior incidencia acumulada a 14 días en Galicia segue sendo precisamente o que agora se incorpora á vacinación, o da infancia menor de 12 anos. Supera os 860 casos novos por cada cen mil persoas neste período, pero tamén tendendo a frear.

Neste contexto, os casos activos ligados a centros de ensino (que inclúen alumnado e profesorado, sen que a Xunta desagregue por colectivo ou idades) volven ascender e chegan aos 2.640 (a semana anterior eran 1.910), dos que apenas 39 corresponden a escolas infantís. O total de casos activos en Galicia era de 13.331 ás seis da tarde do pasado martes.

Na banda contraria da incidencia atópanse as persoas maiores de 80 anos. Tamén resulta significativo o grupo de 70 a 79 anos, cuxa incidencia acumulada xa comezou a descender nunhas semanas nas que, ademais, estivo a recibir a dose de reforzo da vacina. A esa tendencia descendente semellan unirse tamén agora os maiores de 80.

Co freo no incremento da incidencia como pano de fondo, a tendencia nas cifras de hospitalización de persoas coa COVID vai na mesma dirección. As 271 que había ingresadas ás seis da tarde do martes eran unha vintena máis que sete días antes, o que afonda na liña de moderación do incremento intersemanal. Na vaga outonal de 2020, con incidencias acumuladas inferiores á actual, Galicia chegara a rexistrar máis de 600 persoas ingresadas coa COVID. Daquela, a vacinación aínda non comezara.

A vacinación percíbese nas cifras de hospitalización e o mesmo ocorre coas de mortalidade. A media a sete días rolda agora as tres mortes por xornada de persoas co coronavirus, un incremento a respecto de semanas anteriores que así e todo segue moi lonxe das máis de 12 que chegaran a rexistrarse neste indicador hai un ano. O total sitúase así en 2.710 dende o comezo da pandemia en Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.