Este mércores, 15 de decembro, o Sergas ten citados uns 15.000 nenos e nenas de entre 11 e 9 anos para recibiren a primeira dose da vacina pediátrica contra o coronavirus, das que a Xunta xa dispón dende o pasado luns, cando recibiu do Ministerio de Sanidade un primeiro lote de 60.000 doses. Este nova fase do proceso de vacinación chega mentres os datos epidemiolóxicos apuntan a que Galicia xa albisca o pico da presente vaga outonal da COVID-19, coas maiores taxas de incidencia concentradas, precisamente, entre menores de 12 anos.
Nos últimos sete días con datos completos o Sergas diagnosticou unha media duns 950 casos novos por xornada. As áreas sanitarias de Ourense e Vigo encabezan unha incidencia acumulada cuxa suba segue tendendo a frear, pero que polo momento aínda se incrementa. A 14 días rolda os 450 casos novos por cada cen mil habitantes e a sete está en torno aos 250.
Os datos apuntan a que, ao ritmo actual, cabe agardar o pico da vaga para dentro de, aproximadamente, unha semana
O indicador coñecido como razón de taxas, que permite avaliar se a incidencia tende a crecer ou a decrecer, indica con claridade o devandito freo no ritmo de incremento. Cando a división entre a incidencia acumulada dunha xornada entre a do mesmo día da semana anterior dá como resultado máis de 1, supón que a incidencia aumenta. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, esta taxa segue no terreo do crecemento tanto a 14 como a 7 días, pero está cada vez máis preto da zona de decrecemento. Deste xeito, se non se produce un cambio brusco de ritmo nos próximos días, cabe agardar que o pico da vaga chegue dentro de, aproximadamente, unha semana.
Este panorama epidemiolóxico, caracterizado tamén pola confirmación de novos casos da variante ómicron en Galicia (o Sergas confirmou xa 18), rexístrase en vésperas do inicio da vacinación infantil. Nese colectivo de menores de 12 anos a incidencia acumulada rolda en Galicia os 850 casos novos por cada cen mil persoas a 14 días, segundo os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade (a Xunta facilita esa desagregación por idades ao Estado, pero non a divulga.
Ao tempo, e mentres continúa a administración de doses de reforzo da vacina a maiores de 60 anos, entre as persoas de maior idade as taxas de incidencia son notablemente máis baixas. Destaca especialmente o grupo de 70 a 79 anos, no que non só se moderou o crecemento da incidencia, senón que xa comezou a descender.
As persoas ingresadas con test positivo roldan as 300, menos da metade que no pico da vaga do outono de 2020
Mentres isto sucede, as persoas ingresadas nos hospitais galegos con test positivo do coronavirus seguen aumentando, pero a un menor ritmo intersemanal. Ás seis da tarde do pasado luns eran case 300, algo menos da metade que no pico de hospitalización na vaga outonal de 2020, cando aínda non comezara a vacinación. O incremento intersemanal é de 47 persoas, mentres que hai sete días o Sergas rexistraba un aumento intersemanal de 91 persoas a respecto do mesmo día da semana anterior. As persoas coa COVID en unidades de coidados intensivos roldan o medio cento. [Galicia suma oito veces menos mortes coa COVID que no outono de 2020 coa metade dos casos que daquela]
No que atinxe ás cifras de mortalidade, a media a sete días de persoas falecidas coa COVID rolda as 2,5 por xornada e o total asacende a 2.706 mortes. No outono de 2020, con cifras de incidencia inferiores ás actuais, Galicia chegou a rexistrar unha media a sete días dunhas doce mortes por xornada.