Convivir con dúas pandemias: as persoas con obesidade teñen un 78% máis risco de ingreso en UCI coa COVID

Un mercado da Coruña, onde adquirir alimentos frescos, durante a pandemia © Concello da Coruña

A incidencia da obesidade non diminúe pero a mensaxe non chega á poboación. Os avances científicos tardan décadas en chegar á clínica e os riscos aumentan coa chegada da COVID-19 e as peores expectativas coa combinación de ambas enfermidades

Antes de que a palabra pandemia fose case un sinónimo da COVID-19 no noso vocabulario, os científicos xa falaban de pandemias e, en concreto, advertían dunha pandemia silenciosa: a obesidade. ″A Organización Mundial da Saúde xa dixo hai anos que a obesidade era unha pandemia. O que pasa é que esa información non chega por motivos obvios, pois a mortalidade non é igual de espectacular que no caso da COVID″, sinala o médico Carlos Diéguez, director do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS)  .

Ambas pandemias están moi relacionadas, pois está demostrado que a obesidade é un factor de risco potente para a evolución da COVID-19. Un estudo da Sociedad Española de Obesidad (SEEDO) e a Sociedad Española de Endocrinología y Nutrición (SEEN) mostra que as persoas con exceso de peso teñen un 46% más risco de contaxiarse do coronavirus que as persoas cun peso considerado normal, un 113% máis de probabilidades de hospitalización pola COVID e un 78% máis de oportunidades para acabar ingresando nunha UCI se padecen esta outra enfermidade. Así mesmo, estes datos conclúen que con ambas patoloxías o risco de mortalidade é un 48% superior.

Carlos Diéguez, director CiMUS da Universidade de Santiago de Compostela © CIBEROBN

"Hai causas xenéticas que fan que a xente coma máis, e non hai un fármaco para todos os casos de obesidade", di o director do CiMUS Carlos Diéguez

″Unha persoa con obesidade ten o que chamamos unha inflamación de baixo grao, e cando lle cae enriba a COVID todo se dispara moito máis. Ademais, acostuman a ter problemas respiratorios per se, ademais son persoas cunha tendencia ás tromboses, que non axuda no desenvolvemento da COVID tampouco. A obesidade é unha pandemia per se, pero o feito de estar obeso afecta tamén á hora de enfrontar a pandemia da COVID″, detalla Carlos Diéguez, profesor na Universidade de Santiago de Compostela.

Repetimos a idea de que a obesidade é unha pandemia, mais na sociedade non prendeu esta idea e mantéñense prexuízos, como se fose unha cuestión escollida. ″Cando se publica algo sobre obesidade, intento ver os comentarios da xente, e frases como ′é obeso porque quere′ ou ′pois que deixe de comer′ están moi establecidas no conxunto da sociedade. E, realmente, non é exactamente así. Sabemos que hai causas xenéticas que fan que a xente coma máis, e non hai un fármaco para todos os casos de obesidade, pero si para unha mutación xenética rara que cun tratamento permite que a persoa volva ter un apetito considerado normal″, explica Diéguez.

"A menor nivel socioeconómico, maior tendencia á obesidade, porque é máis barato comer alimentos pouco saudables que saudable", salienta o científico

Doutra banda, aparte do substrato biolóxico que xoga un papel importante na obesidade, hai factores ambientais decisivos para o desenvolvemento desta patoloxía. ″Inflúen moitas cousas, por exemplo, o nivel socioeconómico. Sabemos que a menor nivel socioeconómico, maior tendencia á obesidade, porque é máis barato comer alimentos pouco saudables que saudables. Comer verduras frescas ten un custo maior que outros produtos cos que te podes fartar por un euro″, salienta o científico. Ademais, a menor poder adquisitivo, máis dificultades para acudir a ximnasios ou instalacións deportivas.

O coronavirus provocou un cambio nas nosas vidas que vai máis alá do período de confinamento decretado para frear a incidencia da pandemia. ″Mudaron moito os hábitos e non estou convencido de que os bos hábitos que podíamos ter en canto á práctica de deportes ou o exercicio individual se recuperasen. Non temos confinamento, pero si unha situación especial″, indica Carlos Diéguez. Un estudo da SEEDO realizado nos dous primeiros meses do confinamento domiciliario recolle que o 49,8% da poboación do Estado gañou peso, a maioría (o 86,6%) entre un e tres quilos. O perfil con máis risco de engordar, segundo traslada este traballo, é o dunha muller nova cun baixo nivel de auto coidado en relación co peso e cun sobrepeso previo ao confinamento.

Un xantar nun restaurante CC-BY-SA Jay Wennington/Unsplash

Carlos Diéguez conta que entre eses factores ambientais que influencian a nosa conduta tamén están a familia ou o mesmo a veciñanza coa que conviva unha persoa. ″O ′efecto halo′ indica que se ti tes obesidade, é máis fácil que a túa familia tamén a teña. Isto quere dicir que se estás nun ambiente no que os teus amigos teñen obesidade, é máis doado tamén que ti a desenvolvas″, debulla.

″En países nos que hai moita máis mobilidade da xente, con cambios de domicilio máis frecuentes que aquí, sábese que nun barrio no que haxa moitas persoas con obesidade é moi probable que as persoas que cheguen novas tamén sexan obesas, e viceversa. De feito, sabemos que inflúe todo o entorno porque incluso se es obeso e tes unha mascota, a posibilidade de que ese animal desenvolva unha obesidade tamén é moito máis alta″, engade.

O 16,5% da poboación galega maior de 18 anos ten obesidade, segundo os datos do Ministerio de Sanidade

Unha incidencia que non deixa de medrar

Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidad (do ano 2020), que analizan o índice de masa corporal, en Galicia o 16,5% da poboación maior de 18 anos ten obesidade; unha porcentaxe moi similar á do conxunto do Estado, o 16%. Non hai cifras tan actualizadas no caso dos menores (entre dous e 17 anos de idade), pero o Ministerio recolle que, en base a un índice internacional de medición da obesidade infantil, en 2017 en Galicia o 6,2% tiña obesidade, sendo a maioría nenos e rapaces. Catro puntos por debaixo da media do Estado, cun 10,3% de obesidade entre os 2 e os 17 anos nese mesmo ano.

Unha enquisa da SEEDO do mes de marzo deste ano revela que unha de cada catro persoas de entre 16 e 30 anos do Estado teñen sobrepeso ou obesidade. Neste sentido, a enquisa demostra que a xuventude é consciente de que isto supón un problema de saúde, mais os seus hábitos favorecen a aparición e o mantemento da obesidade. O 61% da rapazada consume comida procesada a diario, pouco máis do 15% realiza deporte todos os días e preto dun 40% recoñece estar máis de seis horas ao día diante dunha pantalla.

Unha bandexa de comida rica en graxas e azúcares CC-BY-SA Christopher Williams/Unsplash

Carlos Diéguez critica que o Sistema Nacional de Salud do Estado "non reembolsa os tratamentos específicos contra a obesidade"

A incidencia da obesidade aumenta ano a ano e Carlos Diéguez recoñece que a mensaxe dos expertos non está a chegar de forma eficiente á poboación. "Temos dúas esperanzas: unha, que eventualmente consigamos chegar con todas estas mensaxes e outra, que novas terapias nos axuden a controlar o problema", di. 

Con todo, o científico constata unha falta de vontade política por aportar solucións ao incremento da obesidade por unha clara visión a curto prazo da sanidade pública. Ademais, Diéguez salienta que o Sistema Nacional de Salud (SNS) do Estado "non reembolsa os tratamentos específicos contra a obesidade, a pesar de ser unha patoloxía moi preocupante. Só o fai en casos moi especiais. E hai terapias que comezan a chegar ao mercado, pero se isto se consolida haberá doentes que poidan acceder a estes tratamentos e outros que non". 

Incluso, como describe o tamén director científico do CIBEROBN –o centro de investigación biomédica en rede da obesidade e a nutrición– hai farmacéuticas que están a rexistrar algúns fármacos beneficiosos para o tratamento da diabetes e a obesidade como terapias contra a diabetes, pois esas si están financiadas polo SNS e, desa maneira, saben que poden atopar un mercado para os seus produtos. 

Medidas como a anunciada polo Ministerio de Consumo sobre a prohibición da publicidade dirixida ao público infantil de alimentos e bebidas procesadas ricas en sales, azucres e graxas a partir de 2022 poden ser un gran de area para diminuír a obesidade na xuventude, pois canto antes comece, antes chegan o resto de patoloxías asociadas. 

"Son medidas na liña das adoptadas por Tony Blair no Reino Unido cando prohibiu as máquinas de vending nas escolas, xa que estaban cheas do que chamamos comida lixo. Todo o que sexa evitar que a poboación infantil, que é a máis vulnerable, sexa bombardeada por anuncios de comida non saudable é algo que só pode traer beneficio", afirma. 

O investigador do CiMUS Rubén Nogueiras, responsable de avances no coñecemento do fígado graxo non alcohólico © USC

Da investigación á clínica

Desde o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas seguen a avanzar en diferentes vías para atacar o desenvolvemento da obesidade. "O grupo de Miguel López desenvolveu un enfoque para dirixirse a unha diana terapéutica que se chama AMPK, que en estudos preclínicos en animais foi un éxito e foi obxecto de editoriais a nivel internacional en revistas de alto prestixio. E outro exemplo é o grupo de Rubén Nogueiras, que traballa coa enfermidade hepática, das comorbilidades máis preocupantes a nivel mundial", sinala Diéguez. 

De novo, o problema está nos ritmos e nos tempos, pois o científico asevera que "pasan un mínimo de 10 ou 15 anos" desde que identifican un tratamento que funciona ben nos estudos preclínicos ata que conseguen levalo de facto á práctica clínica con doentes. "Coa COVID todas as axencias reguladoras tiñan a información en tempo real, fixeron o esforzo de ir analizando os datos e non esperar a que estivera todo. Houbo, sobre todo coas vacinas, un interese xeral de darlle prioridade totalmente entendible. Ademais de que houbo un esforzo mundial e non houbo límites orzamentarios. Espero que isto nos sirva para ser máis eficaces no futuro, pois isto abriu novas vías para o desenvolvemento de estratexias terapéuticas", destaca.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.