Aprobada a vacinación infantil da COVID mentres o virus provoca en Galicia un terzo da hospitalización que hai un ano

Mostras de pacientes para a realización de test da COVID, nun laboratorio do Sergas CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Case 350 casos novos por cada cen mil habitantes a catorce días e na contorna dos 200 a sete días. Son as cifras de incidencia acumulada coas que Galicia entrou na segunda semana deste decembro de 2021, indicadores moi semellantes aos acadados nos días posteriores á ponte da Constitución de hai un ano e tamén moi parecidos aos de finais de outubro daquel 2020. 

Daquela, en Galicia rexían numerosas restricións sobre a vida social e económica abeiradas no segundo estado de alarma pola pandemia e, sobre todo, a vacinación aínda non comezara. Agora, rexístranse estes indicadores mentres a Comisión de Saúde Pública do Consello Interterterritorial de Saúde -composto polo Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas- dá o seu visto e prace á vacinación contra a COVID da infancia de entre 5 e 11 anos, unha vez que a poboación por riba desa idade xa está vacinada, no caso galego, en máis dun 93%.

A ampla cobertura da vacinación, que nas vindeiras semanas se verá incrementada coa inmunización do novo grupo autorizado -para administralas, o Sergas prevé utilizar tamén os grandes recintos do resto da campaña de inmunización-, é clave para que a repercusión hospitalaria da suba da incidencia siga sendo menor que noutras vagas. Ata tres veces menos.

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, os datos de novos ingresos hospitalarios de persoas coa COVID que ofrece o Ministerio de Sanidade -o Sergas só informa do total de hospitalizacións ás seis da tarde de cada día- amosa un incremento dende finais de novembro, ata a contorna das vinte diarias. Cando, en novembro de 2020, as cifras de incidencia eran semellantes ás actuais, Galicia chegou a superar os 60 novos ingresos ao día.

⬇️

O groso de novas hospitalizacións de persoas coa COVID son pacientes maiores de 60 anos

Ao poñermos o foco no acontecido dende principios do outono é posible observar, ademais, como o groso das novas hospitalizacións das últimas semanas son de persoas maiores de 60 anos. Neste sentido, as autoridades sanitarias veñen advertindo da maior vulnerabilidade deste grupo de poboación que, malia á vacinación, pode ver descompensadas outras patoloxías previas se entra en contacto co virus.

A foto fixa diaria dos hospitais que ofrece o Sergas tamén ratifica o incremento e amosa que a ocupación por pacientes COVID é de arredor dun terzo da que se rexistraba nas devanditas semanas de 2020. Ás seis da tarde do luns, 6 de decembro, eran 246 persoas (91 máis que unha semana antes), das que 35 estaban na UCI (sete días antes eran 27).

Galicia rexistra unha media a 7 días dunhas 1,4 mortes de persoas coa COVID. En novembro de 2020, con incidencias semellantes ás actuais e sen vacinas, eran máis de 10

Nas últimas semanas, a Consellería de Sanidade vén evidenciando que a preocupación a respecto da presión hospitalaria ligada á COVID non é equiparable á de anteriores vagas precisamente pola vacinación. Non obstante, a Xunta admitía este luns certa preocupación polas áreas sanitarias con maior incidencia, Ourense e Vigo.

O impacto da vacinación é clara nas cifras de hospitalizacións e aínda o é máis na mortalidade. Nos últimos sete días con datos completos, Galicia rexistrou unha media dunhas 1,4 mortes de persoas coa COVID. Naquela vaga de novembro de 2020 superaba amplamente as dez mortes diarias na media a sete días.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.