As normas do Sergas para as visitas no hospital con certificado COVID: controis aleatorios e un test como alternativa

Certificado COVID do Sergas nun teléfono móbil e accesos ao Clínico de Santiago CC-BY-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza.gal

O Goberno galego vén apostando dende hai semanas, igual que outros Executivos tanto no Estado como no resto de Europa, polo certificado COVID como medida para afrontar a actual vaga da pandemia, marcada polo incremento de casos detectados, mais tamén por un menor impacto hospitalario e de mortalidade grazas ao impacto da vacinación, que xa cobre ao 85% do total da poboación galega. Mentres a Xunta xa traballa na extensión deste requisito a outros eidos, xa o ten en marcha -con aval xudicial- en eidos como a hostalería ou os pubs e discotecas, así como nas visitas a persoas ingresadas nos hospitais.

O novo protocolo fixa que o certificado COVID sexa requirido á persoa que acompañe o paciente no momento do ingreso e ás visitas, de xeito "aleatorio"

Aínda que a decisión de esixir o certificado COVID no ámbito das visitas hospitalarias data de principios de novembro, foi o día 24 do pasado mes cando o Sergas o plasmou no seu Plan de actuación asistencial no ámbito hospitalario en situación de normalidade progresiva fronte ao virus SARS-CoV-2. Ademais de reiterar requisitos xa coñecidos (como a obriga de portar máscara ou que, "preferiblemente", sexan menores de 70 anos ou non teñan problemas inmunolóxicos), detalla a regulamentación da "exhibición e control" do certificado de vacinación, test negativo ou recuperación da doenza.

Esta actuación, di o protocolo, "será levada a cabo" en "todas as unidades de hospitalización" como "mera comprobación ou verificación", sen almacenar dato ningún e "mantendo o obrigado segredo". "Controlarase nas unidades de hospitalización convencional a todos os acompañantes no momento do ingreso do paciente" e, no caso das visitas, esa comprobación será "aleatoria, no momento en que sexa máis axeitado e factible para cada centro". No caso das UCI, a comprobación será para "todos os acompañantes e visitas" ao chegaren.

Se quen visita a persoa ingresada non dispón do certificado COVID, non cumpre os requisitos para telo e se nega a facer un test, "invitaráselle a abandonar a unidade de hospitalización"

Se as visitas ou acompañantes non dispoñen do certificado pero cumpren os requisitos para telo, o protocolo vén indicar que o persoal lles lembrará onde poden obtelo (no sitio web ou na aplicación móbil do Sergas, no centro de saúde ou nunha farmacia). Se non están vacinadas, non teñen acreditado un test negativo ou a recuperación da COVID, "só se permitirá o acompañamento ou visita" se a persoa en cuestión "realiza, voluntariamente, unha proba diagnóstica" do coronavirus e o resultado é negativo.

Neste caso, especifica, "para a realización dunha PCR poderase acudir ao servizo de admisión" do hospital ou "A outro que determine o centro" e así "solicitar unha cita para a súa realización no COVID auto". Tamén "habilitarán un procedemento áxil para a realización dun test de antíxenos". Se a persoa non ten certificado COVID, non cumpre os requisitos para telo e "non acepta voluntariamente" facer un test, "invitaráselle a abandonar a unidade de hospitalización", conclúe.

O sindicato SATSE rexeita que este control sexa realizado polo persoal de enfermaría porque cre que son "funcións do persoal de seguridade"

O contido deste protocolo suscitou receos no sindicato de enfermaría SATSE. Aínda que non o especifica, a organización considera que, de facto, é o persoal de enfermaría o que pasa a ter encomendadas unhas "funcións de control" que "exceden as súas competencias". A xuízo de SATSE, esta é "unha clara ofensa ao traballo destas profesionais, xa sobrecargadas e infradotadas", ás que agora a Xunta impón o que consideran "funcións propias de persoal de seguridade ou mesmo policiais". 

Esta organización sindical asegura que ultima "medidas de reclamación xudicial ante a posible obriga das enfermeiras de realizar tales funcións de control e vixilancia das visitas". Esixen,a o tempo, que a Consellería de Sanidade "aclare de inmediato este apartado do plan".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.