O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia deu este venres o seu visto e prace á Xunta para esixir a presentación do certificado COVID (de vacinación, de test negativo ou de enfermidade superada) como requisito para acceder aos restaurantes durante todo o día e nos bares e cafetarías dende as nove da noite. Unha vez logrado o permiso, o Goberno galego publicou no DOG a orde que fai oficial a nova restrición, en vigor dende as 00:00 deste sábado, 27 de novembro, e polo momento ata o 18 de decembro.
A obriga de amosar o certificado COVID en restaurantes todo o día e nos bares pola noite está en vigor dende este 27 de novembro e, como mínimo, ata o 18 de decembro
Alén de detallar as condicións específicas da medida, a Consellería de Sanidade tamén introduce na orde parte dos argumentos cos que a xustificou ante o TSXG, que esencialmente se remite á doutrina fixada polo Tribunal Supremo o pasado setembro para validala. Entre eses argumentos figura un informe da Dirección Xeral de Saúde Pública datado no pasado 24 de novembro segundo o cal "máis do 65%" das persoas coa COVID que requiriron ingreso na UCI dende o 30 de outubro e ata esa data en Galicia "estaba sen vacinar".
Aínda que a Xunta non revela estes datos sistematicamente en bases abertas e series completas, si vén ofrecendo referencias en declaracións públicas que agora debulla un chisco máis. Así, especifica tamén que, entre as persoas que tiveron que ser atendidas en "unidades de críticos" coa COVID nese período, "eran significativamente máis novas" as persoas non vacinadas que as que si recibiran a vacina, con 67,9 anos de media fronte a 73,9.
Sanidade subliña que xa manexa datos que acreditan que "o risco de ingreso de persoas non vacinadas é maior" se contraen a COVID e tamén "evidencia de que a vacinación diminúe o risco de transmisión"
Neste contexto, o Goberno galego resalta que, tendo en conta que a poboación vacinada é moita máis que a que non o está (algo máis do 85% do total da poboación de Galicia ten posta a pauta completa e máis do 60% de habitantes maiores de 70, a dose de reforzo), "pode dicirse que o risco de ingreso de persoas non vacinadas é maior" aínda que existan "variacións por grupos de idade". Así, especifica, o risco multiplícase por 14 "no grupo de 12 a 34 anos", de 35 a 65 anos é "18 veces máis elevado" e "no grupo de 65 máis anos é de 9 veces máis, pero tamén teñen 9 veces máis risco de falecemento".
Deste xeito, e dado que "existe evidencia de que a vacinación diminúe o risco de transmisión da infección de enfermidade grave e de hospitalización" e de que, "sen chegar a ter o efecto que ten sobre a prevención da enfermidade grave, non é en absoluto desprezable" o seu impacto "en canto ao número de posibles contaxios", defende a aplicación do certificado COVID nestes ámbitos". Por teren potencialmente máis risco de contaxio pero tamén, admite, por ter un "efecto indirecto no fomento da vacinación" das persoas que voluntariamente non se vacinaron ata agora, "aínda que non é o obxectivo principal das medidas".
Neste sentido, Sanidade detalla que "non se debe esquecer que estamos ante actividades non esenciais, que non se limita o acceso ás terrazas, e que, en último termo, se posibilita o acceso cun certificado de realización de proba diagnóstica de infección activa, de fácil obtención na actualidade". Por este motivo, xustifica, "as cargas que se impoñen a este pequeno grupo de poboación", ademais de "estaren sanitariamente xustificadas, son proporcionadas, e poden ser absoltas coa súa propia conduta". Non en van, conclúe, "en Galicia calquera persoa non vacinada pode acudir en sistema de cita libre ou aberta ao Servizo Galego de Saúde e ser vacinada".
Todo isto sucede nun contexto no que, segundo os datos máis recentes, nos últimos sete días con datos completos en Galicia se diagnosticou unha media diaria próxima aos 350 casos novos da COVID, coas áreas sanitarias de Ourense e Vigo á cabeza da incidencia. Para o global do país, a incidencia acumulada a 14 días rolda os 133 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días, os 90 nun contexto no que, non obstante, o incremento da incidencia tende a trazar un ritmo máis lento nas últimas xornadas.