O Sergas notificou este 24 de novembro 378 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores, período no que procesou 4.718 probas PCR, a maior cantidade nunha xornada dende finais do pasado agosto. En termos de días naturais completos, en Galicia está a diagnosticarse unha media duns 285 casos por xornada nos últimos sete días.
Estas cifras dan lugar, neste remate de novembro, a unhas taxas de incidencia acumulada a 14 días na contorna dos 106 casos novos por cada cen mil habitantes nunha tendencia que, cando menos de momento, segue a ser claramente ascendente. A última vez en que confluíran todas estas circunstancias tanto epidemiolóxicas como ambientais en canto a época do ano, o outono, Galicia rexistraba tres veces máis hospitalizacións e a mortalidade de persoas coa COVID era seis veces superior. Daquela aínda non se administrara unha soa vacina e as restricións eran moito maiores.
Como amosa o cadro sobre estas liñas, as actuais incidencias acumuladas a 14 días -segundo o dato do último día completo dispoñible, o 22 de novembro sitúanse un chisco por baixo dos 107 casos novos por cada cen mil habitantes e tendencia ascendente. Cadra con 76 persoas coa COVID hospitalizadas e unha media diaria a 7 días de 0,57 falecementos de pacientes con diagnóstico positivo por coronavirus.
En outubro de 2020 a incidencia da COVID-19 a 14 días tamén roldaba os 106 casos novos por cada cen mil habitantes, como na actualidade, pero a mortalidade era seis veces superior. Daquela aínda non comezara a vacinación
Hai algo máis dun ano, nos primeiros días de outubro de 2020, a incidencia acumulada a 14 días era un chisco inferior e Galicia rexistraba 234 hospitalizacións de persoas coa COVID, algo máis do triplo. A cifra segue sendo igualmente moi superior mesmo tomando como referencia a cifra de ingresos notificada este mércores polo Sergas para o día 23, cun total de 98, menos da metade que daquela.
As cifras de hospitalización si son agora superiores ás do pasado xullo, cando Galicia roldaba tamén os 106 casos novos por cada cen mil habitantes. Non obstante, a diferenza a respecto daqueles días non só é ambiental -o verán, con máis actividade ao aire libre-, senón tamén a respecto da distribución por idades dos novos casos. Segundo datos do Ministerio de Sanidade, daquela a incidencia aumentaba, sobre todo, polo gran número de casos rexistrados entre poboación moza que aínda non estaba vacinada, mentres que agora están moito máis distribuídos entre todas as capas de idade, favorecendo a circulación dunhas a outras.
A actual ocupación hospitalaria é aínda máis inferior que nos días do pasado marzo en que a incidencia a 14 días tamén roldaba os 106 casos novos por cada cen mil habitantes, pero con tendencia descendente. Naquela altura, aínda entre ecos da vaga posterior ao Nadal e ao Aninovo, había 400 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus.
A UE recomenda doses de reforzo para toda a poboación adulta
Todo isto sucede nun contexto no que o 85% da poboación total galega (polo tanto, o 93% da maior de 11 anos, a incluída na campaña de vacinación" xa recibiu a considerada como pauta completa das vacinas contra a COVID máis do 60% da poboación maior de 70 anos xa ten posta a terceira dose, considerada como de reforzo. A estas doses adicionais referiuse este 24 de novembro o Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades (ECDC, polas siglas en inglés), recomendándoas para o conxunto da poboación adulta do continente.
A axencia sanitaria da UE pide "pechar urxentemente a fenda de inmunidade" en países con baixas coberturas da vacinación e recomenda doses de reforzo en toda a poboación adulta
Nun comunicado da súa directora, Andrea Ammon, a axencia sanitaria da Comisión Europea prognostica fortes incrementos de incidencia da COVID entre decembro e xaneiro "a non ser que sexan aplicadas medidas de saúde pública en combinación con continuar os esforzos por incrementar a vacinación no conxunto da poboación". Sempre en referencia a toda a Unión, o ECDC lamenta que aínda haxa grupos poboacionais con coberturas da vacina "inferiores aos desexados" en varios países, polos que cómpre "centrarse urxentemente en pechar esa fenda na inmunidade".
Esta axencia da UE subliña que "incrementar a cobertura da vacinación" en toda a poboación diana, "especialmente na máis anciá, a vulnerable e no persoal sanitario" debe continuar sendo "a prioridade para as autoridades de saúde pública", se ben os Estados membros deben "considerar" tamén administrar unha terceira dose a "todas as persoas adultas de 18 e máis anos", priorizando "a poboación maior de 40 anos". Trátase, especifica, de "incrementar a protección contra a infección" e esquivar unha potencial "diminución da inmunidade" e contribuír así a reducir "a transmisión" do virus e "evitar hospitalizacións e mortes".
Recomenda que esa terceira dose se xeneralice cando xa transcorresen, cando menos, seis meses dende a administración da pauta completa ordinaria. Paralelamente, pide manter "medidas non farmacolóxicas", que a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, resume na necesidade de manter distancias de seguridade e o uso da máscara.