O pasado setembro, o Tribunal Supremo avalou á Xunta para esixir o certificado COVID (de vacinación, recuperación da doenza ou proba negativa) para acceder a locais hostaleiros e mais para pubs e discotecas, revertendo así a negativa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a este requisito. Dende aquela, o Goberno galego reintroduciu esta esixencia en ámbitos de lecer como pubs e discotecas ou nos albergues turísticos a partir dos 12 anos de idade. Máis recentemente, implantouna tamén para as visitas a pacientes hospitalizados, decisión que xa recibiu aval xudicial.
Con estes antecedentes, o vicepresidente primeiro do Goberno galego e mais o conselleiro de Sanidade reuníronse no serán do pasado luns con representantes de parte do sector hostaleiro e, tras a xuntanza, anunciaron o "acordo" de reintroducir o certificado COVID en restaurantes, bares e cafetarías "ante o aumento dos contaxios nas últimas semanas". Para o que agora a Xunta pedirá permiso ao TSXG ser´para "solicitalo nos restaurantes durante todo o seu horario de apertura e nos bares e cafetarías, a partir das 21.00 horas".
Para entrar en vigor, o novo requisito precisa o aval do Tribunal Superior de Xustiza
Defende a Xunta que, con esta medida, súa pretensión é "garantir a seguridade sanitaria" sen que cumpra reducir horarios ou reducir límites de ocupacións. Así dan por cumprido o "compromiso co sector para que a necesidade de garantir a seguridade sanitaria se poida compatibilizar co mantemento da actividade económica da hostalería e o turismo".
Nas últimas semanas, algunhas voces expertas -entre elas, a do responsable de Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade, o doutor Fernando Simón- veñen amosando os seus receos sobre a eficacia do certificado COVID como medida para frear posibles subas da incidencia. Si o ven efectivo, no entanto, como medida para promover a vacinación en parte das persoas que poidan ser remisas a ela.
Alén da esixencia do certificado COVID, que se implantará se a xustiza o permite, a Xunta anuncia tamén "axustes" nas ocupacións máximas non dos locais hostaleiros, senón das mesas e das súas agrupacións. Así, reduce minimamente o límite de 10 persoas por mesa en interiores e 20 nas terrazas e prevé recuperar o límite de 8 baixo teito e 15 no exterior "por mesas ou agrupacións de mesas".
As novas medidas chegan cando o 93% da poboación galega susceptible de ser vacinada xa recibiu a pauta completa e mentres o Consello Interterritorial de Saúde revisa os protocolos COVID estatais
Todo isto sucede nun contexto no que en Galicia o 93% da poboación susceptible de ser vacinada (toda a maior de 11 anos) xa recibiu a definida como pauta completa. Adicionalmente, algo máis da metade das persoas maiores de 70 anos teñen xa posta a terceira dose, a considerada de reforzo.
Como pano de fondo atópase tamén a revisión dos protocolos estatais contra a COVID no seo do Consello Interterritorial de Saúde (que xunta o Ministerio de Sanidade coas comunidades autónomas). E, dende o comezo desta semana, tamén a negativa do Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi a permitir que o Goberno vasco introduza o certificado COVID para acceder a negocios coma os hostaleiros, veto que o Executivo de Íñigo Urkullu non vai recorrer ante o Supremo.