Anatomía dunha vaga da COVID inédita: uns 200 casos ao día, unha trintena de concellos e o parapeto das vacinas

Administración de doses de reforzo da vacina contra a COVID na Cidade da Cultura e mapa de incidencia por concellos a 21 de novembro CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza.gal

Nos últimos sete días con datos completos, o Servizo Galego de Saúde diagnosticou algo máis de 200 casos novos da COVID-19 cada día, cifra que tende a incrementarse cara aos 300 mentres os modelos preditivos que manexa a Consellería de Sanidade apuntan a que Galicia rozará o limiar dos 400 diarios nesta mesma semana. O groso dos novos casos concéntrase nunha trintena de concellos encabezados en cifras brutas por Vigo, Ourense e A Coruña.

Na maioría dos concellos que concentran o groso dos casos novos nos últimos días, a campaña de vacinación está completada a máis do 90%

Hai escasos meses, estes números que dan lugar a unha incidencia acumulada a 14 días xa próxima aos 100 casos novos por cada cen mil habitantes e algo máis de 60 a 7 días traerían consigo, con total probabilidade, o anuncio de restricións da Xunta en diversas actividades sociais e económicas, así como limitacións ao contacto entre persoas non conviventes. Pero o parapeto da vacinación permite que, cando menos de momento, isto non suceda e que as circunstancias desta vaga sexan, en boa medida, inéditas no conxunto da pandemia.

Máis da metade da poboación galega maior de 70 xa recibiu a dose de reforzo

Como amosa a táboa sobre estas liñas, neses algo máis de trinta concellos que rexistraron 10 ou máis casos novos do coronavirus nos últimos 7 días son maioría os que teñen cuberta a campaña de vacinación en máis dun 90%. Isto implica que boa parte das persoas que dan positivo teñan minguada a súa potencial capacidade de contaxio en tempo e intensidade, así como moitas menos posibilidades de desenvolveren unha enfermidade grave.

A nivel global galego, a proporción de persoas con pauta completa segue equivalendo ao 85% da poboación total e ao 93% da maior de 11 anos, a incluída na campaña de vacinación. Ademais, o Ministerio de Sanidade achegou este luns outro dato relevante: o 50,5% da poboación galega maior de 70 anos (apenas dúas décimas menos que a media estatal) recibiu xa a terceira dose de vacina, a denominada como "de recordo".

Como vén sendo habitual, as devanditas cifras de casos novos deben ser postas en perspectiva tanto numérica como tendo en contra outros aspectos. A última vez que Galicia atravesou o limiar duns 200 casos novos diarios a 7 días en sentido ascendente, a principios de xullo, as restricións da Xunta eran moito maiores e, sobre todo, a poboación vacinada con pauta completa era pouco máis do 50%.

Os incrementos das últimas semanas séguense reflectindo no que segue sendo o indicador de referencia para a Xunta, cando menos en termos da súa comunicación pública: os casos positivos activos. Ás seis da tarde do domingo eran 2.696, algo máis do dobre que unha semana antes, pero aínda lonxe do acontecido en vagas anteriores (o pico do pasado verán estivo por riba dos 18.000).

Dada a combinación de todos os devanditos factores: escasas restricións sectoriais e extensión da vacinación, as autoridades sanitarias continúan á expectativa para comprobar non só canto durará o incremento de casos, senón a súa tradución en ingresos hospitalarios. Ás seis da tarde do domingo -cifra que adoita estar un chisco distorsionada polo feito de que durante as fins de semana se tramitan menos altas- eran 76 as persoas ingresadas nos hospitais galegos con test positivo do coronavirus, vinte e tres máis que unha semana antes.

A ocupación hospitalaria segue sendo inferior a anteriores vagas e o mesmo sucede cos falecementos de persoas coa COVID. A media diaria a 7 días segue por baixo de 1 e o total oficial dende o comezo da pandemia é de 2.662 persoas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.