O impacto da tensión familiar pola COVID na infancia, o reto social pendente para despois da pandemia

Nenos xogando nunha escola infantil pública da Coruña CC-BY-SA Ana Varela/Xunta

Percíbense síntomas de ansiedade na infancia na casa e na escola, así como máis condutas sedentarias. ″Os nenos e nenas son un síntoma do que os coidadores adultos ao seu redor están a vivir″, asegura o psicólogo Valentín Escudero

″Os cativos son os grandes esquecidos da pandemia da COVID-19″. Esta sentenza, coas súas múltiples variacións, resoa na cabeza de todas e todos desde hai meses. Aos poucos, vaise recuperando o que chamamos normalidade e, mentres, os nenos e nenas permanecen nunha especie de limbo, pois para eles as normas seguen a ser bastantes estritas mentres as barras dos bares, como quen di, volven estar cheas. Que lles estamos a transmitir aos máis pequenos –como sociedade– e que consecuencias pode ter todo isto?

″Nos centros de ensino estamos a ver nenos e nenas que presentan síntomas de ansiedade. Tivo que ser moi duro como neno convivir cunha familia que está a padecer a enfermidade, outras o medo a padecela, a incerteza laboral... Ademais, perderon as súas rutinas diarias, que foi das cousas máis duras que tiveron que pasar. Pero creo que estamos a tempo de recuperar o perdido no plano do desenvolvemento das habilidade sociais que minguaron, e creo na grande capacidade de resiliencia que teñen os nenos e nenas. Con todo, penso que nos centros temos que traballar ese acompañamento para procurar o benestar emocional porque foi moito tempo″. Así observa a situación Rosa Suárez, mestra de Infantil nun colexio da zona centro de Santiago de Compostela.

Nenos e nenas coas súas mestras nunha escola infantil da rede Galiña Azul © CIG-Administración Autonómica

"Escoitáronse moitos berros polas condicións nos bares, mentres os nenos seguían sen parque. Deuse por feito que eles se tiñan que aguantar", salienta Lali Felpeto, nai de dous nenos

″Os nenos asumiron con normalidade cousas polas que os adultos aínda están a protestar. Escoitáronse moitos berros polas condicións nos bares, mentres os nenos seguían sen parque. Deuse por feito que eles se tiñan que aguantar, e parecía que só nós –os adultos– estabamos a perder cousas″, conta Lali Felpeto, nai de dous nenos, que forma parte da directiva da Anpa dun centro público de Santiago. ″Os nenos precisan de socializar, adaptáronse ao que había. Eu fixen manualidades ata o fin... pero non é iso: eles precisan aos seus iguais. E os rapaces non poden xogar nin vivir na tecnoloxía″, engade.

Neste contexto, o psicólogo Valentín Escudero, director do programa de tratamento de menores da Xunta e a Fundación Universidade da Coruña (FUAC), confirma que ″os nenos están tendo unha exposición moi prolongada″ ás incertezas e restricións derivadas da pandemia e que está demostrado cientificamente que o tempo de exposición é importante. ″É dicir, que se unha situación de tensión é moi prolongada veremos síntomas de ansiedade nos nenos. Ademais, o sistema de protección principal dos nenos son as familias, e en moitos casos están a enfrontar aínda as consecuencias da pandemia. Falta moito e as consecuencias económicas poden ser peores″, confirma.

Como expresan os nenos a ansiedade?

Sucede cos adultos que, moitas veces, chegamos a banalizar o que hai detrás da palabra ansiedade. Isto non pode suceder cos máis pequenos, xa que non saben o que é. ″Os nenos e nenas simplemente a expresan co seu comportamento e as súas emocións. Non teñen a capacidade reflexiva –no sentido de facer unha representación simbólica do que lles pasa– de saber o que sucede. Eles expresan e os adultos ao seu coidado ven que se portan mal ou que teñen certo descontrol, preocúpanse de se teñen déficit de hiperactividade ou cognitivo, e moitas veces acoden á consulta externa de Psicoloxía infantil porque intentan pór orde e non o conseguen″, sinala Escudero, que forma parte da Unidade de Investigación en Intervención e Coidado Familiar da Universidade da Coruña.

"Temos que traballar moitísimo o desenvolvemento das competencias emocionais e da autoestima positiva para minimizar as repercusións disto", di a mestra Rosa Suárez

Nos colexios manteñen os ′grupos burbulla′ seguindo o protocolo COVID da Consellería de Educación, polo que interactúan na aula e no patio cos compañeiros da súa aula, pero non saen todos xuntos ao recreo coma na ′vella normalidade′. ″Non podemos relaxarnos no plano emocional. Temos que estar aí porque igual non estamos a ver cousas latentes. Temos que traballar moitísimo o desenvolvemento das competencias emocionais e da autoestima positiva para minimizar as repercusións disto″, asevera Rosa Suárez, quen explica como a preocupación inicial que tiñan na volta ás aulas despois do confinamento diminuíu, mais incide en que as consecuencias poden agromar co tempo: ″Moitos nenos non tiñan conexión a internet e ficaron illados, outros non tiñan quen os acompañara... Todos se viron privados do dereito ao xogo e o esparcimento. E non facemos 'clic' e rematou, isto deixa o seu pouso e hai que saír de aí da mellor maneira posible″.

Extracto do 'Plan de Benestar Emocional' que propón a Xunta ás escolas CC-BY-NC-SA Xunta

"Houbo nenos que quedaron no sofá, a golpe de tele. Cantos nenos que non son moi extravertidos viviron isto dunha maneira e agora lles custa moito saír?", pregúntase Lali Felpeto

″Os botellóns están a diario pero os nenos seguen sen celebrar os aniversarios″, critica Lali Felpeto. No seu caso, describe como no confinamento o seu fillo maior, de 13 anos, tiña capacidade para comunicarse cos seus amigos; mais o pequeno, de oito anos, non. ″E realmente se respira que houbo nenos que quedaron no sofá, a golpe de tele, porque é normal, os días eran largos. Pero é que iso está realmente sen analizar. Cantos nenos que non son moi extravertidos viviron isto dunha maneira e agora lles custa moito saír? Hai moitos que agora prefiren estar na casa, as nais e os pais comentámolo″, debulla, para incidir en que durante ano e medio ″aos máis pequenos se lles ofertou a canle de Disney ou o Netflix, todo para estar sentado no sofá sós, e isto a algúns lles pasará factura″.

Que poden facer as súas nais, pais e coidadores?

″Os nenos e nenas son un síntoma do que os coidadores adultos ao seu redor están a vivir″, certifica Valentín Escudero, quen tamén ve a escola como un espazo que pode aportar moito para o desenvolvemento das emocións dos cativos, así como para a aprendizaxe do por que das restricións pola COVID. Asemade, o psicólogo ve que nas casas se viviu ″unha especie de experimento social″ que aínda está por ver como afecta ás relacións entre as persoas. ″O que me preocupan son as tensións que pode haber aí porque os nenos son un catalizador da tensión e dos medos que poidan existir nos fogares″, asegura.

″A sensación de normalidade que poida haber nos adultos que son os seus referentes é a que lles dá tranquilidade aos nenos″, defende o psicólogo Valentín Escudero

Neste sentido, Lali Felpeto conta que na porta do colexio se comparten as preocupacións sobre os ″medos novos″ dos máis pequenos a raíz de ″ver a enfermidade na tele a todas horas″. ″Notarase máis co tempo? Vailles afectar ao carácter?″, pregúntanse, pois moitas familias están a ver eses síntomas de ansiedade nos cativos. Con todo, Valentín Escudero razoa que aos pequenos lles afectan máis as circunstancias internas do seu fogar, cousas como ver discutir aos pais ou nais. ″A sensación de normalidade que poida haber nos adultos que son os seus referentes é a que lles dá tranquilidade aos nenos″, defende Escudero.

Na escola logran verbalizar as emocións a través de xogos como os que propón a Xunta nunha iniciativa para este curso ou como se reflexa nas indicacións do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia para centros de ensino. ″Primeiro temos que darlles a posibilidade de que falen das súas emocións, e despois axudalos a xestionalas e calibralas para que saiban que non hai emocións malas nin boas″, describe Rosa Suárez. Na súa aula, o acompañamento tamén o traballan para que saia deles mesmos, para que cando vexan que outro neno non se atopa ben lle pregunten ″que podo facer eu para que ti te sentas mellor?″. ″O que mellor funciona é escoitalos con moita atención e darlles responsabilidades″, conclúe a mestra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.