Galicia comeza novembro con mínimas oscilacións na incidencia da COVID malia á fin do groso das restricións

Asistentes á feira de Santos de Monterroso, que congregou milleiros de persoas este 1 de novembro, e mapa de casos COVID por concellos actualizado con datos desa mesma data CC-BY-NC-SA Praza.gal

Hostalería coa ocupación ao 100%, eventos deportivos practicamente cheos, concertos, feiras e multitude de encontros públicos e privados de todo tipo. Das festas do San Froilán ás San Lucas ou á feira de Santos pasando por cinemas e teatros ao fútbol de Primeira División do Celta ou aos partidos na casa do Obradoiro e do Breogán. Todos, sen apenas máis restricións que as da lexislación básica estatal sobre o uso de máscara.

Son só algúns exemplos do gradual regreso á normalidade en diversos ámbitos da vida social e económica do país dende a fin do groso das restricións da Xunta pola COVID-19, aprobada a finais de outubro. Xa transcorreu máis dun ciclo epidemiolóxico dende estas últimas decisións a respecto de ocupacións máximas en actividades interiores e os datos de incidencia acumulada do coronavirus apenas rexistran mínimas oscilacións máis ligadas a focos puntuais que a empeoramentos xeneralizados ou mudanzas bruscas de tendencia.

Malia á celebración de múltiples actos masivos e ao levantamento de limitacións, só cinco concellos rexistraron dez ou máis casos novos da COVID nos últimos sete días

Boa mostra disto é que, cos datos pechados a 1 de novembro polo Sergas, son só cinco os concellos galegos que rexistraron máis de 10 casos novos do coronavirus nos últimos sete días (A Coruña, Barbadás, Ferrol, Ourense e Vigo), os cales suman pouco máis da cuarta parte da poboación galega. Ao abrirmos o foco ás últimas dúas semanas a situación tamén é favorable, cunha ducia de concellos con 10 ou máis casos detectados (Ourense, Vigo, Ferrol, Barbadás, Santiago, Pontevedra, Oleiros, Caldas, Ames, Cambre, O Carballiño e Lugo).

Na banda contraria a estes concellos con dez ou máis casos están os 208 que non rexistraron ningún nas últimas dúas semanas e os 240 libres da COVID nos últimos sete días. Todo isto sucede nun contexto no que, na liña dos datos da pasada semana, a incidencia da COVID-19 semella que xa tocou fondo e traza lixeirísimos ascensos que a deixan en algo menos de 12 casos novos por cada cen mil habitantes a 7 días e uns 18 a 14 días.

Tras lixeiros ascensos, a incidencia a 14 días rolda os 19 casos novos por cada cen mil habitantes e as persoas ingresadas con test positivo da COVID roldan a trintena

Como adoito, cómpre ter en conta que os datos epidemiolóxicos son xa inseparables da alta cobertura da vacinación e por iso as taxas de incidencia acumulada teñen cada vez menos peso para as autoridades á hora de tomar decisións á respecto da pandemia. Sanidade atende cada vez máis ás cifras de ocupación hospitalaria, que seguen transitando polo seu período máis estable dende o verán de 2020, cando o sistema sanitario contaba con menor capacidade diagnóstica e cando, ademais, a sociedade no seu conxunto saía dos efectos do confinamento domiciliario.

Mesmo tendo en conta que durante a ponte festiva se tramitaron menos altas hospitalarias das habituais -como sucede habitualmente en días non laborables-, as persoas ingresadas con test positivo do coronavirus nos hospitais galegos son apenas unha trintena, apenas 7 máis que unha semana antes, segundo os datos pechados ás seis da tarde do 1 de novembro, os cales irán liberándose do efecto dos festivos en vindeiras xornadas. Só seis delas estaban na UCI.

O outro indicador asistencial de referencia para a Xunta, o dos casos positivos activos, experimentou nas últimas xornadas lixeiros incrementos. A estabilidade nas cifras de casos novos das últimas semanas en niveis moi baixos provoca que as escasas oscilacións incrementen este indicador sen que, cando menos polo momento, caiba falar de repuntas de relevancia. Ás seis da tarde do luns, 1 de novembro, eran 530 e sete días antes, 450. [A serie completa de casos activos por áreas sanitarias, nesta ligazón]

O 85% da poboación con pauta completa

Todo isto sucede nun contexto no que practicamente o 85% da poboación total de Galicia está xa vacinada con pauta completa contra a COVID-19. O Sergas céntrase actualmente en administrar as doses de reforzo para os colectivos indicados -caso das terceiras doses para maiores de 80, administradas conxuntamente coa vacina contra a gripe-, ás que se engadirán dende mediados de mes as doses adicionais para as algo máis de 100.000 persoas que en Galicia recibiron a vacina monodose de Janssen. O grupo de idade con menor cobertura da vacina, segundo datos do Sergas, segue sendo o da poboación de 30 a 39 anos (con datos parcialmente condicionados pola poboación residente no exterior), que así e todo supera o 80%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.