A COVID 'toca fondo' en Galicia, que afronta a segunda metade do outono co 85% da poboación vacinada

Vacinación simultánea contra a gripe e terceira dose contra a COVID para maiores de 80 no centro de saúde Monte Alto - A Torre da Coruña o pasado 25 de outubro CC-BY-SA Sergas

O Sergas notificou este mércores, 27 de outubro, 59 casos novos da COVID-19, os detectados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. Durante as vinte e catro horas do luns, día 25, rexistrou 66 casos novos, a maior cifra nun día natural dende o 21 de setembro (86).

Só cinco concellos galegos rexistraron 10 ou máis casos da COVID en sete días; nas últimas dúas semanas foron apenas nove

Esta foto fixa, sen o seu contexto, podería convidar a pensar nun escenario de empeoramento brusco ou de regreso a escenarios xa superados. Non obstante, o panorama adquire moitos matices cunha ollada máis ampla que teña en conta onde se localizan eses novos casos, as cifras de incidencia acumulada a 7 e 14 días, os indicadores hospitalarios e a combinación de todos eles co feito de que a vacinación chegue xa ao 85% da poboación.

Con datos pechados a 26 de outubro, en só cinco concellos (A Coruña, Ourense, Vigo, Ferrol e Barbadás) se rexistraran máis de 10 ou máis casos novos da COVID nos últimos sete días. Ademais, no caso de Barbadás (11) cómpre ter en conta que se concentran un centro de atención á discapacidade.

Nos últimos 14 días, os concellos con 10 ou máis casos novos detectados son apenas nove (os cinco mencionados e mais Santiago, Pontevedra, Caldas de Reis e Lugo). Tres deles, (Caldas, Barbadás e Lugo) superan a decena de casos detectados a 14 días por marxes moi estreitas (rexistran 14, 13 e 12, respectivamente). En Caldas, ademais, 8 están ligados a un centro educativo.

Na banda contraria destes municipios sitúanse os 308 concellos que rexistraron menos de 10 casos novos da COVID-19 nos últimos 7 días. Entre eles figuran 242 que na última semana non tiveron caso novo ningún. Abrindo o rango de análise ata 14 días, son 304 os concellos con menos de 10 casos novos e entre eles, 213 que permanecen a cero nese período. 

Daquela, máis de 755.000 persoas (case o 30% da poboación) reside en concellos que non rexistraron caso ningún da COVID nas últimas dúas semanas e máis de 946.000 (o 35%), en municipios libres da COVID nos últimos sete días. Mentres, os cinco concellos con 10 ou máis casos detectados na última semana supoñen algo máis da cuarta parte da poboación galega e os 9 que superan ese limiar a dúas semanas suman o 37% do total de habitantes do país.

Unhas 33 infeccións activas diagnosticadas ao día

Alén da súa distribución xeográfica, outro aspecto relevante para dotar de contexto a estas cifras é a súa comparación co resto da pandemia e, máis concretamente, co tempo en que a capacidade diagnóstica do sistema sanitario -dende hai aproximadamente un ano- é equiparable á actual. 

Malia o levantamento do groso das restricións, as taxas de incidencia acumulada a 7 e 14 días seguen sendo as máis baixas e estables dende que hai datos comparables alén de alteracións puntuais

Mesmo tendo en conta os 66 casos novos detectados o pasado luns 25, a media de infeccións activas diagnosticadas a sete días en Galicia rolda as 33. Estes números dan lugar a unha incidencia acumulada a 7 días duns 8,7 casos novos por cada cen mil habitantes e a 14 días, de algo máis de 15

Se ben é certo que a incidencia a 7 días é máis da metade que o indicador a 14 días, o que apunta a ascenso, non o é menos que o impacto da COVID en Galicia continúa transitando polos seus niveis máis baixos dende que hai datos comparables. Eses niveis tan baixos, precisamente, provocan que calquera lixeira alteración implique un certo ascenso. En certo xeito, estes indicadores semella que xa tocaron fondo.

Este período, que é tamén o máis estable en máis dun ano, é tamén o de menores restricións dende o comezo da pandemia. Non en van, volvéronse celebrar diversos eventos masivos e foron levantadas boa parte das limitacións ás actividades sociais e económicas baixo teito.

A menor ocupación hospitalaria en máis dun ano

As persoas ingresadas con test positivo da COVID son apenas unha vintena

Alén de contextualizar os indicadores de casos novos detectados e as correspondentes taxas de incidencia, cómpre ter en conta ademais que estas cifras por si soas pesan cada vez menos á hora de afrontar a pandemia por parte das autoridades sanitarias, tanto en Galicia como no resto do Estado. A razón é que, ante a gran extensión da vacinación, consideran a ocupación hospitalaria por casos COVID (os casos que derivan en enfermidade grave dabondo como para requirir un ingreso) como un termómetro máis fiable.

Os datos do Sergas indican que, ás seis da tarde do martes, as persoas ingresadas con test positivo do coronavirus nos hospitais galegos eran 24, o que supón continuar nos niveis máis baixos dende o verán de 2020. Esta cifra é 7 ingresos inferior á de hai unha semana e incúe 5 persoas na UCI. Mentres, a media diaria de falecementos de persoas coa COVID a 7 días segue por baixo de 1.

O 85% da poboación vacinada e doses adicionais

A campaña ordinaria de vacinación contra a COVID está completa ao 93%

Non é posible contextualizar por completo ningún destes indicadores sen atender tamén aos datos de vacinación. Segundo datos do Sergas, a 26 de outubro eran case 2,3 millóns de persoas as que xa recibiran a pauta completa da vacina, o que implica practicamente chegar ao 85% da poboación total de Galicia e superar o 93% dos habitantes maiores de 11 anos, o grupo diana da campaña de inmunización. Todos os grupos de idade agás dous (20-29 e 30-39) superan o 90% de cobertura.

Nestes datos non se inclúen, non obstante, as doses de reforzo que xa están a ser administradas á poboación maior de 80 anos de xeito combinado coa vacina contra a gripe (o grupo de 70 a 80 recibirá a terceira dose por separado). Tampouco as doses adicionais que, segundo o decidido esta semana pola comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial de Saúde, terán que poñer a partir do 15 de novembro as persoas que recibiron a vacina monodose de Janssen (unhas 120.000 en Galicia).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.