Pediatras aseguran que a situación non é de alarma pero sinalan que a incidencia de virus respiratorios como o causante da bronquiolite adiantaron a súa presencia cunha "lixeira repunta" coa baixada da COVID
Volveron as catarreiras e os constipados. Despois de máis de ano e medio do comezo da pandemia da COVID-19, e coas restricións en vías de desaparición, xa están aquí os catarros dos nenos e nenas, que acaban chegando tamén aos adultos ao seu redor. ″A emerxencia da COVID e a preocupación que ocasionou disfrazou a posibilidade de que se lle dera importancia ao resto dos virus, pero xa na primavera tardía, alá polo mes de maio, houbo unha repunta non agardada de casos de virus respiratorio sincitial e bronquiolitis″, explica Josep Sirvent, pediatra e especialista da unidade de Pneumoloxía infantil do Hospital Materno-Infantil da Coruña.
″É que os virus non desaparecen, e nos nenos e nenas menos. Os virus respiratorios nos nenos teñen un carácter de reserva natural e, polo tanto, cando por ecoloxía a COVID vai de capa caída, parece que temos máis problemas cos outros″, engade. Co comezo do curso escolar notouse unha lixeira repunta de casos de virus respiratorios, pero Sirvent asegura que a situación non se achega ao colapso de asistencia ″nin moito menos″.
Con todo, o especialista en patoloxías respiratorias na infancia incide en que non se pode desprezar a repercusión destes virus: ″Cando son habitualmente os picos do virus respiratorio sincitial, en decembro e marzo, chegamos a ter problemas de camas no hospital. Agora non estamos nesa situación, pero si que chama a atención que xa no mes de outubro contabilizamos varios casos e incluso temos algún caso ingresado″.
"Podemos importar parte dos costumes que teñen na cultura asiática, que poñen a máscara nos picos de circulación de virus no inverno", di o pneumólogo Josep Sirvent
O comportamento dos virus cos que xa conviviamos antes da chegada deste coronavirus mudou, en parte, coa pandemia. Josep Sirvent sinala que isto tamén sucede no caso dos virus respiratorios, que viron como o coronavirus ocupaba todo o espazo: ″Os virus, que son moi listos –por dicilo dalgunha maneira–, escondéronse, pero non desapareceron. E agora que teñen oportunidade porque o coronavirus está á baixa, aínda que non sexa estritamente a época na que dan máis guerra, comezan a dar máis problemas″.
″Debemos interiorizar o uso de máscaras, o lavado de mans e a distancia como algo que veu para quedar″, avanza o pediatra do hospital da Coruña. ″Non digo que haxa que empregar sempre a máscara, pero falo de importar parte dos costumes que teñen na cultura asiática, que poñen a máscara cando os niveis de contaminación do aire son elevados ou nos picos de circulación de virus respiratorios no inverno. Tomar medidas nestes momentos penso que é algo que debe quedar entre os nosos costumes a partires de agora″.
"O feito de que coa COVID non puideran acudir nenos malitos á gardería nin aos colexios favoreceu que practicamente desapareceran o resto dos virus respiratorios", sinala Amparo Rodríguez, presidenta da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria
Trátase de aprender a convivir mellor cos virus, agora que como sociedade os temos máis presentes. ″Teríamos que interiorizar que estas medidas que nos pareceron normais co coronavirus son útiles para defendernos″, apunta Sirvent. O pneumólogo infantil propón o uso da máscara voluntario ″sen que nolo teñan que impoñer por lei ou poñer a un policía detrás para que nos vixíe″ en momentos de colapsos hospitalarios por casos de gripe, por exemplo.
Comezo do curso escolar
″O feito de que coa COVID non puideran acudir nenos malitos á gardería nin aos colexios, e esa distancia nos parques e coas persoas enfermas, favoreceu que practicamente desapareceran o resto dos virus respiratorios. Pero o que temos agora é o normal. Comezan as larinxites e sabemos que xa hai casos de virus sincitiais aínda que acostuman a chegar máis tarde″, confirma Amparo Rodríguez Lombardía, presidenta da Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria, desde a súa consulta no centro de saúde Castrillón da Coruña.
″Agora mesmo a incidencia da COVID para os pediatras é anecdótica e seguimos cos mesmos protocolos, que os imos aplicando como podemos porque temos un montón de nenos e nenas con posibles COVID aos que non sempre habería que facerlles o test de antíxenos, pero facémosllo. Moitos xa entran na consulta dicindo que non queren que lles metas o palito″, agrega a pediatra.
″Noto que os papás están un pouco máis preocupados. Hai que deixar claro que ningún neno vai quedar sen ver nas consultas de Pediatría", asegura Rodríguez Lombardía
Neste sentido, o pneumólogo infantil fai fincapé en que ″todos os nenos menores de 3 anos se infectaron algunha vez na vida polo virus respiratorio sincitial. Son poucos os que fan unha bronquiolite grave que teña que ser atendida a nivel hospitalario, ou incluso ingresar en coidados intensivos″, pero iso non significa que se poidan ″desprezar″ fronte á emerxencia da COVID. ″Temos que insistir ás familias que cando os nenos e nenas teñan síntomas –aínda que sexan leves– non os leven ao colexio para evitar tanto brotes de coronavirus como a transmisión destas outras enfermidades, que probablemente provoquen máis dificultades de conciliación que a propia COVID″, sinala a doutora Lombardía.
Os virus respiratorios máis comúns neste momento na infancia son os rinovirus e os enterovirus, con síntomas dun arrefriado común e bronquite, máis ou menos graves. ″Noto que os papás están un pouco máis preocupados. Hai que deixar claro que ningún neno vai quedar sen ver nas consultas de Pediatría. Hai compañeiros que xa teñen as consultas desbordadas, non é o meu caso, veremos o que pasa coa chegada da gripe. Pero os catarros leves hai que tratalos coma sempre, na casa, e se hai febre ou outros datos de alarma por suposto que hai que contactar co centro de saúde″, defende a pediatra.
"Alarmámonos polos casos de meninxite pero non falamos dos casos da COVID, que incluso en nenos que a pasaron de forma leve, despois dan síntomas de COVID persistente", apunta Sirvent
A COVID na infancia
″Escoito moito que ten pouca importancia a COVID na infancia porque a maioría dos nenos e nenas son asintomáticos ou teñen síntomas leves. Levamos 130 mortos menores de 10 anos por COVID-19 en España. Probablemente serían nenos con outras patoloxías, si, pero hai que ser moi botado para adiante para desprezar a un virus que chega a ocasionar estes problemas″, afirma o pneumólogo infantil Josep Sirvent.
O especialista do Hospital Materno-Infantil da Coruña aclara que non é preciso esaxerar a importancia do coronavirus, mais non se debe minusvalorar: ″Alarmámonos polos casos de meninxite ou de sepse meningocócica. Temos unha vacina e pedimos que lla poñan aos nosos fillos. E resulta que en Galicia non temos máis dunha ducia de casos destas enfermidades ao ano. Pero non falamos dos casos da COVID, que incluso os nenos que a pasaron de forma leve poden dar síntomas de COVID persistente".
"O dos menores de 12 anos é o grupo de poboación coa incidencia más alta da COVID", afirma o pediatra e pneumólogo infantil
″A incidencia da COVID en España baixou en todos os grupos de idade, tamén no dos menores de 12 anos, pero nestes momentos é o grupo de poboación coa incidencia más alta da infección″, argumenta Sirvent, que non entende como outros compañeiros de profesión poden ″desprezar″ a vacinación dos menores de 12 anos.
″Agardo polo pronunciamento dos expertos e da Axencia Europea do Medicamento, que me merecen toda a confianza, e se me din que os menores de 12 anos, ata os 5 ou ata os 3, son o grupo seguinte no que se demostrou a seguridade da vacina e que se deben vacinar, pois entón haberá que proceder á vacinación e non especular″, asevera, para lembrar que ″os nenos son o reservorio natural dos virus no ser humano″.