A vacinación cambiouno todo: seis gráficos para ler a nova realidade da COVID en Galicia

Doses de vacinas contra a COVID nun recinto de vacinación masiva do Sergas e evolución das hospitalizacións de persoas co coronavirus en Galicia CC-BY-SA Foto: Moncho Fuentes / Xunta | Montaxe: Praza.gal

Este domingo, 14 de novembro, o Sergas notificou que entre as seis da tarde do venres e a mesma hora do sábado rexistrara 136 casos novos da COVID-19, a cifra máis elevada nun destes períodos de vinte e catro horas dende o 11 de setembro. En termos de días naturais, os 146 casos novos rexistrados o pasado venres son tamén a maior cantidade nunha soa xornada dende o 10 de setembro.

As subas de casos novos rexistrados nos últimos días deben ser postas en perspectiva, tanto en termos numéricos como na comparación con períodos sen cobertura da vacina e con moitas máis restricións

As cifras de casos novos rexistrados e, en consecuencia, as taxas de incidencia acumulada aumentan nos últimos días ata chegar, polo momento, á contorna dos 40 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días. Cómpre, non obstante, poñer esta suba en perspectiva. Tanto en termos puramente numéricos en relación ao resto da pandemia como, sobre todo, tendo en conta a radical mudanza que na situación xeral supón o feito de que o 85% do total da poboación de Galicia estea xa vacinada, mesmo cunha parte aínda pendente das doses de reforzo.

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, que desagrega a incidencia acumulada por grupos de idade dende o comezo da que ata agora foi a última gran vaga da COVID-19, esa forte repunta do pasado verán concentrouse, sobre todo, nos grupos de idade que chegaron aos meses estivais sen estaren cubertos aínda pola vacinación, porque aínda non lles chegara a quenda. En comparación con aquelas semanas de xullo e agosto, os incrementos das últimas semanas son practicamente inapreciables no mesmo gráfico. E sono, ademais, nun contexto con restricións á actividade social e económica notablemente máis escasas que daquela.

⬇️

Se achegamos a lupa á parte final do gráfico, dende mediados de setembro e ata a actualidade, o incremento si é evidente e con relativas disparidades entre grupos de idade. Os datos máis recentes do Ministerio de Sanidade (o Sergas dispón deles e transmíteos ao Estado, pero non os publica) amosan que as taxas máis elevadas se rexistran entre a infancia menor de 12 anos, o único grupo non incluído na campaña de vacinación, con cifras practicamente idénticas ás das persoas de 40 a 49 anos, ambos un chisco por riba dos 40 casos novos por cada cen mil persoas a 14 días a finais da pasada semana e abeirando os 60 a comezos desta.

Na banda contraria están agora a infancia e mocidade de 12 a 19 anos e as persoas maiores de 80 anos. Este grupo máis mozo está vacinado xa practicamente por completo e a poboación máis anciá está pasando nas últimas semanas polas doses de reforzo, toda vez que as autoridades sanitarias estiman que neses grupos de idade a inmunidade pode resentirse, tanto pola idade mesma como por outras doenzas.

Menor risco de presión nos hospitais pola menor posibilidade de enfermidade grave

O Sergas reitera o chamamento á vacinación de persoas que aínda non o fixesen mentres administra as doses de reforzo

O ascenso de casos novos nas últimas semanas -ao contrario que noutros puntos do continente- é, daquela, relativamente escaso en comparación co que acabaron sendo as anteriores vagas da pandemia. En calquera caso, as autoridades sanitarias veñen resaltando que a propia vacinación fai que as incidencias acumuladas xa non sexan o guieiro máis fiable por si soas a causa, precisamente, da ampla extensión da vacinación.

Os 2,29 millóns de persoas que xa recibiron a pauta completa da vacina contra a COVID-19 en Galicia equivalen ao 85% da poboación total e ao 93% da poboación diana, a maior de 11 anos. Nese total inclúense as algo máis de 100.000 que recibiron a vacina monodose de Janssen e que dende este 15 de novembro comezarán a recibir a dose de reforzo prescrita polo Consello Interterritorial de Saúde.

Mentres se administran esas doses de reforzo e mais as adicionais para a poboación maior de 70 anos (o que requerirá da reapertura dalgúns centros de vacinación masiva por parte do Sergas), as porcentaxes de vacinación ordinaria superan o 90% en todos os grupos de idade agás entre a poboación de 20 a 29 anos e de 30 a 39. Este último grupo apenas supera o 80% e o propio Sergas reitera o chamamento para completar a inmunización, se ben parte dese 20% restante está tamén composto por persoas que residen fóra de Galicia e si recibiron a vacina nos seus lugares de residencia.

A todos estes datos que apuntan a unha realidade mesmo sen dar a pandemia por finalizada hai que sumar os indicadores que máis importancia teñen na actualidade para os gobernos e tamén para o persoal médica que supervisa a situación da COVID-19: a tradución dos novos casos en ingresos hospitalarios. E todo apunta, cando menos polo momento, a que o propio efecto da vacinación segue a amortecer este impacto, mesmo tendo en conta os lixeiros incrementos dos últimos días que, como no caso da incidencia, apenas son apreciables graficamente se son postos en perspectiva co acontecido o pasado verán e, máis aínda, en comparación co resto da pandemia.

⬇️

Ao poñermos o foco nas últimas semanas, son excepcionais os días con máis de media ducia de ingresos hospitalarios de persoas coa COVID en toda Galicia

Se, tamén neste caso, realizamos o exercicio de poñer o foco nas últimas semanas (dende o 15 de setembro) o que din os datos é que son excepcionais os días con máis de media ducia de novos ingresos de persoas coa COVID-19 nos hospitais galegos. Entre elas, segundo os datos do Ministerio de Sanidade (o Sergas tampouco facilita información de novas hospitalizacións, senón só a foto fixa do total de persoas ingresadas cada día, nin desagrega por idades), abonda a poboación maior de 60 anos.

Neste sentido, nas últimas semanas algunhas voces dende o ámbito sanitario veñen sinalando a necesidade de completar a vacinación en persoas mozas que aínda estean pendentes de facelo para así reforzar a protección grupal á poboación máis vulnerable por mor da súa idade. Neste sentido, estas mesmas voces apuntan a que o panorama actual da COVID-19 comeza a semellarse máis na nosa contorna -coas diferenzas obvias- ao doutros virus respiratorios, xa que a protección das vacinas provoca que o groso de hospitalizacións se rexistren entre persoas de avanzada idade ás que o coronavirus descompensa outras patoloxías.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.