No Profit on Pademic pretende xuntar un millón de sinaturas para presentar á Comisión Europea que poña fin aos monopolios das vacinas da COVID
"Todo o mundo merece protección frente á COVID-19" é a mensaxe que lanza a iniciativa cidadá europea No Profit on Pandemic (Que ninguén se lucre coa pandemia) que reclama a liberalización das patentes das vacinas contra a COVID-19 para asegurar que cheguen a toda a poboación mundial.
No Profit on Pandemic aglutina a 375 sindicatos, ONG e asociacións na que participan multitude de organizacións da sociedade civil como a CIG, UGT, CCOO, CGT, CSIF, Médicos del Mundo, Ofam España, a Federación de Asociaciones para la Defensa de la Sanidad Pública ou Farmamundi, e formacións políticas como Unidas Podemos, Anticapitalistas ou Esquerra Republicana del País Valencià.
"O financiamento público debería aprobarse só baixo a garantía de que o produto final terá dispoñibilidade e un prezo accesible", defenden
O obxectivo desta campaña é recoller un millón de sinaturas para presentar unha proposta lexislativa á Comisión Europea que poña fin aos monopolios das vacinas da COVID. Consideran que a institución europea ten que facer todo o que estea nas súas mans para que os tratamentos e vacinas contra a pandemia se consideren un ben público global, completamente accesible para todos e todas.
A iniciativa critica que "vivimos no mundo do Apartheid das vacinas" e que "as compañías farmacéuticas
están a obter millóns de beneficios" coa produción destes inxectables. "Unha ameaza colectiva require solidaridade, non lucro privado. O financiamento público debería aprobarse só baixo a garantía de que o produto final terá dispoñibilidade e un prezo accesible. Non se debería permitir que o Big Pharma saquee os nosos sistemas de seguridade social", defende Non Profit on Pandemic.
Así mesmo, a campaña europea considera que "durante unha pandemia, a investigación e as tecnoloxías deberían compartirse de xeito amplo, rápido, por todo o mundo". Pois salientan que "unha compañía privada non debería ter o poder de decidir quen ten acceso a tratamentos nin vacinas, nin a que prezo".
Por iso, aseguran que liberalizar as patentes é a maneira para evitar que unha soa compañía acumule o poder e o monopolio sobre produtos farmacéuticos considerados esenciais. As patentes –argumentan– limitan a dispoñibilidade das vacinas e incrementan o seu custo para as persoas que as precisan.