As vacinas xa cambiaron a situación da pandemia nos países economicamente desenvolvidos. O seu impacto en territorios con alta cobertura, caso de Galicia (máis do 85% da poboación total con pauta completa) xa se traduce en menores cifras de enfermidades graves, ingresos hospitalarios e mortes malia incrementos de incidencia como os actuais, que o Goberno galego xa insire na denominada "sexta vaga".
A Axencia Europea do Medicamento dá o visto e prace á vacinación da infancia de 5 a 11 anos coa vacina de Pfizer-BioNTech e a Xunta di estar en disposición de comezar a administrala nas vindeiras semanas se así o dispón o Consello Interterritorial
Este é o contexto no que as autoridades europeas sinalan as súas seguintes metas para dar freado de vez á COVID. A primeira bosquexouna o Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades (ECDC, polas siglas en inglés) o pasado mércores, recomendando a extensión xeral das terceiras doses das vacinas para "todas as persoas adultas de 18 e máis anos", priorizando "a poboación maior de 40 anos".
A segunda concretouna este xoves a Axencia Europea do Medicamento (EMA) que, ademais de concordar con esa extensión das doses de reforzo, deu o seu visto e prace á primeira autorización para vacinar á infancia de 5 a 11 anos. Foi coa aprobación da recomendación de que poida ser administrada a vacina de Pfizer-BioNTech, que no caso destas idades se comporá dunha inxección cun terzo da dose que reciben as persoas de 12 e máis, obtendo a mesma resposta inmune. A Xunta sinala que, se así o dispón o Consello Interterritorial de Saúde, sería posible emprender esta vacinación nas vindeiras semanas.
Todo isto sucede mentres Galicia rexistra algo máis de 300 casos novos da COVID ao día nas últimas xornadas, o cal provoca que a incidencia acumulada a 14 días xa rolde os 120 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días estea na contorna dos 80. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o indicador máis inmediato (a 7 días) amosa que o groso deste incremento se concentra na área sanitaria de Ourense (case 200 casos novos por cada cen mil habitantes nos últimos 7 días con datos completos) e, en menor medida, na de Vigo (case 100).
O groso do incremento dos casos detectados sitúase nas áreas sanitarias de Ourense e Vigo e as maiores incidencias a 14 días en Galicia rexístranse na infancia non vacinada e mais nos grupos de idade de persoas adultas menos cubertas pola vacinación
Os incrementos non son homoxéneos territorialmente e tampouco por idades. Ao achegarmos o foco aos últimos dous meses -dende as semanas consideradas como fin da anterior vaga-, os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade (a Xunta dispón deles e transmíteos ao Estado, pero non os publica) amosan que as maiores incidencias acumuladas a 14 días están en Galicia xustamente no grupo de idade non vacinado, as nenas e nenos menores de 11 anos. Séguenos os dous grupos con menos cobertura da vacinación dentro dos situados na poboación diana (40-49 e 30-39 anos). Na banda baixa están as persoas de 12 a 19 anos e a poboación maior de 80.
Neste contexto, o Servizo Galego de Saúde prevé finalizar o ano coa administración de terceiras doses á poboación maior de 60 anos xa rematada. Polo momento, está xa en marcha para maiores de 70 anos e a súa cobertura con tres doses acada xa en Galicia o 65,5%
Mentres todo isto sucede, o número de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 en Galicia aumenta, pero segue sendo inferior á doutras vagas. Ás seis da tarde do pasado mércores, 24 de novembro, eran 105 os ingresos de pacientes coa COVID, 51 máis ca unha semana antes. Doce deles estaban na UCI.
Neste sentido, o presidente da Xunta evidenciaba este xoves tras a reunión semanal do seu Goberno que, cando menos de momento, non existe ningún problema de "saturación" nos hospitais a causa do virus e "ningún risco de colapso de UCI". Aínda que "o lóxico" é que se seguen aumentando os casos novos detectados tamén o fagan os ingresos, matiza Alberto Núñez Feijóo, o Sergas non prevé "en ningún caso", situacións como as de anteriores vagas grazas, precisamente, ao parapeto da vacinación.
O impacto das vacinas tamén é obvio nas cifras de falecementos de persoas coa COVID. Cando, no outono de 2020, as incidencias acumuladas en Galicia eran semellantes ás actuais, o Sergas rexistraba unha media diaria a 7 días dunhas catro mortes. Actualmente, ese indicador está en 0,57. O total sitúase en 2.664 persoas falecidas con test positivo do coronavirus.