O Sergas notificou este 1 de decembro 704 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. En termos de días naturais, está a detectar unha media próxima aos 500 diarios nas últimas sete xornadas, o que deixa a incidencia acumulada a 14 días un chisco por riba dos 200 casos novos por cada cen mil habitantes. É un nivel moi semellante ao de hai agora un ano, cando este indicador trazaba unha leve liña descendente dende principios de mes, xusto o contrario do que sucede agora.
O Sergas detecta actualmente unha media a 7 días próxima aos 500 casos novos por xornada
Naquela altura, as vacinas contra o coronavirus eran aínda unha esperanza sen data definida nesta parte do mundo -a primeira autorizada, a de Pfizer-BioNTech, recibira o visto e prace da UE a finais de decembro- e, en Galicia, o Servizo Galego de Saúde rexistraba unha media diaria a sete días dunhas 8 mortes de persoas coa enfermidade. Actualmente -e malia ao lixeiro incremento nos últimos días- son arredor de oito veces menos.
A diferenza do que acontecía antes da vacinación, as curvas de casos detectados e mortes non aumentan a ritmos semellantes
Como amosan os gráficos sobre estas liñas, a gran diferenza entre os outonos de 2020 e 2021 -ambos plasman o período entre o inicio da estación outonal e finais de novembro- é que, no previo á vacinación, a curva de incidencia e de falecementos realizaban trazos semellantes. Agora, con máis do 85% da poboación total de Galicia vacinada (e en plena administración das doses de reforzo, primeiro a maiores de 70 anos e xusto a continuación, a persoas de 60 anos en diante), o incremento da incidencia non se traduce, na mesma medida, nun incremento das mortes.
As cifras de novas hospitalizacións que ofrece o Ministerio de Sanidade apuntan a que en Galicia son arredor dun terzo das de hai un ano
Neste contexto, no que ademais as restricións á vida social e económica son moito menores que daquela, tamén é significativa a mudanza no número de casos que chegan aos hospitais. As cifras de novos ingresos que ofrece o Ministerio de Sanidade (o Sergas transmíteas ao Estado, pero non as divulga) apuntan a que neste outono son arredor dun terzo a respecto de hai un ano.
A foto fixa da ocupación hospitalaria que a Xunta si ofrece cada día (pechada ás seis da tarde da véspera) indica que actualmente hai unhas 170 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 e que hai un ano eran 461. Naqueles días, as persoas coa COVID que precisaban asistencia na UCI eran unhas 70 e agora son unha trintena. Estas cifras teñen como pano de fondo o dato revelado a pasada semana pola Xunta a través do DOG, segundo o cal o 65% das persoas ingresadas na UCI co coronavirus dende finais de outubro e ata o 24 de novembro non estaban vacinadas.
Nun sentido semellante, aínda que sen achegar datos tan concretos, expresábase este mércores o conselleiro de Sanidade. En resposta a preguntas da prensa, Julio García Comesaña destacou que, malia seren "unha porcentaxe pequena" sobre o conxunto da poboación (apenas un 15%, que inclúe a infancia menor de 12 anos, aínda non incorporada á inmunización), supoñen "un número importante de casos" sobre o total.
Sanidade advirte de que, malia seren "unha porcentaxe pequena" da poboación, as persoas sen vacinar supoñen "un número importante de casos" sobre o total
Neste sentido, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, resaltou durante o mesmo acto -sobre o Día Internacional contra a Sida- que a vacinación xa permite afirmar que "as porcentaxes de ingresos cambiaron, claramente". Así, por exemplo, Comesaña ve "un exemplo claro" da importancia da vacinación nunha "persoa de 32 anos sen vacinar" que acudiu a urxencias, deu positivo na COVID e "chegou á UCI".
Este panorama xeral, abonda Sanidade, é o que permite que, cando menos de momento, o Goberno galego non valore unha intensificación das restricións alén de ver con bos ollos recomendacións como as recentemente sinaladas polo Ministerio, de cara a limitar o número de persoas que participen en eventos festivos ligados ao Nadal. Tamén está a considerar, admite, estender a máis ámbitos a esixencia de certificado COVID de vacinación, test negativo ou recuperación como requisito de acceso.