O Diário da República de Portugal publicou este 29 de novembro a concreción das novas normas para o control da COVID impulsadas polo Goberno do país veciño no que atinxe ao control das fronteiras e, máis concretamente, no referido aos requisitos para as viaxes terrestres, os que máis impactan en Galicia. Segundo o inicialmente publicado, dende o 1 de decembro e ata o 9 de xaneiro ía cumprir certificar un test negativo para viaxar ao país veciño con independencia de que a persoa que viaxe estea ou non vacinada. Finalmente, nalgúns casos será dabondo con amosar o certificado de vacinación.
Finalmente, non esixirá certificar un test negativo a toda a cidadanía europea que conte con certificado de vacinación, só a quen proceda de zonas sinaladas como de maior risco no 'semáforo' COVID
O Ministerio de Exteriores de España, a través do seu Consulado Xeral en Lisboa, ratificara a interpretación sobre a esixencia de test negativo á luz das normas publicadas polo Executivo de António Costa para "cidadãos provenientes de países classificados com um nível de risco elevado, designadamente quando se encontrem no nível vermelho ou vermelho escuro da classificação" do Centro Europeo para o Control e Prevención de Enfermidades. "Non abonda co certificado de vacinación", subliñaba Exteriores.
Pero, na mañá deste martes, o Goberno de Portugal introduciu un matiz. "Os cidadãos oriundos dos países da UE considerados de risco baixo ou moderado devem ser portadores" do certificado COVID "nas modalidades de vacinação, teste ou recuperação", indica. Pero continúa esixindo test negativo (mediante certificado COVID ou dun laboratorio) a quen proceda de fóra da UE e tamén "aos países considerados de nível de risco vermelho ou vermelho escuro". No caso galego, daquela, cabería deducir que continuará sendo preciso certificar test negativo, xa que Galicia se atopa en vermello no semáforo de risco da UE.
Portugal di ao Eixo Atlántico que considera todo o territorio do Estado español como "grau de risco intermédio", polo que para viaxar dende territorio galego sería válido o certificado de vacinación
Pero hai máis matices. Os que achegou o Ministerio da Administração Interna ao Eixo Atlántico despois de que a entidade que agrupa concellos galegos e portugueses pedise aclaracións ao respecto. Nunha resposta datada neste 30 de novembro, o Goberno portugués sinala que considera que todo o territorio do Estado español está "com um grau de risco intermédio (cor de laranja)". Daquela, a quen chegue de Galicia "será exigida a apresentação do Certificado Digital Covid da UE" e só quen non o teña "deverá apresentar um teste PCR realizado nas últimas 72 horas ou um teste rápido de antigénio nas últimas 48 horas" con resultado negativo.
Esta versión non cadra, non obstante, coa divulgada polo Consulado Xeral de España en Lisboa. Este departamento diplomático indica que o Ministerio de Asuntos Exteriores español "confirma que para o cruce da fronteira terrestre a esixencia de test para quen proveña só é aplicable ás comunidades autónomas en nivel de risco vermello ou vermello escuro". Daquela, non habería un único criterio para todo o Estado.
Controis aleatorios
A diferenza doutros momentos da pandemia, non existirá un peche físico de fronteiras nin serán controlados a priori todos os vehículos. "A Guarda Nacional Republicana e o Serviço de Estrangeiros e Fronteiras realizam operações de fiscalização aleatórias nos pontos de passagem na fronteira", especifica a orde.
No caso de que nun deses controis descubran que a persoa que viaxa non conta co test negativo ou con certificado de vacinación ou recuperación, abondan as autoridades portuguesas, os axentes enviarana a facer un test nun laboratorio avalado polo Estado portugués que "deve, preferencialmente, situar-se num raio de 30 km do local da fiscalização, devendo os cidadãos aguardar neste local até à notificação do resultado". Se o resultado for positivo, as autoridades determinarán "o confinamento obrigatório do cidadão afetado, em estabelecimento de saúde, no domicílio ou, não sendo aí possível, noutro local definido pelas autoridades competentes".
Os matices introducidos este martes tamén atinxen ao persoal transfronteirizo (veciñanza que vive nunha beira da raia pero traballa na outra). A orde inicial indicaba que quedaban fóra da obriga de presentar test negativo "Os trabalhadores transfronteiriços, entendendo-se como tal aqueles que exercem atividade profissional regular até 30 km da fronteira, e os trabalhadores de serviços essenciais, nomeadamente trabalhadores da área de transportes, de emergência e socorro, segurança e de serviços de urgência". Agora, sinal que este persoal "deve apresentar o Certificado Digital em qualquer das três modalidades" e se non o ten, certificado específico de test negativ.
A AECT Rio Minho cuestiona que Portugal vaia alén do acordado a nivel europeo e non acepte como válido o certificado de vacinación para viaxar
A situación do persoal transfronteirizo foi un dos motivos de preocupación expresados este luns pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho), que xunta concellos de Galicia e do norte de Portugal. Para o seu vicedirector, Uxío Benítez, deputado de Cooperación Transfronteiriza da Deputación de Pontevedra, era preciso deixar claro que este persoal non tería que someterse a un control diariamente.
Alén disto, non obstante, Benítez cuestionara tamén que un Estado membro da UE esixise "outras certificacións" que non fosen o propio pasaporte COVID, que no conxunto da Unión vén equiparando vacinación, test negativo ou precuperación. "De que vale o pasaporte se se lle dá máis garantía a un test de antíxenos que a unha vacinación avalada a nivel europeo?”, cuestionara.