A OMS subliña as "considerables incertezas" sobre ómicron e o mundo rico axítase en vésperas do segundo Nadal coa COVID

Mostras para a realización de test da COVID, nun centro sanitario galego, e evolución da incidencia a 7 por áreas sanitarias no outono de 2021 CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

"Mentres non estea vacinada toda a poboación mundial, non estaremos libres da COVID-19", polo que "non só é unha cuestión de humanidade e solidariedade, aínda que xa só por isto nos debería preocupar". A pasada primavera, cando a denominada variante Delta do coronavirus acaparaba titulares e faladoiros baixo o alcume de "variante india", tamén agromaban -aínda que con menos ruído-, as voces expertas que evidenciaban os riscos da desigualdade no acceso á vacinación.

A comezos do outono, as autoridades sanitarias de diversos Estados do mundo rico comezaron a apostar pola administración de doses de recordo ou reforzo das vacinas, primeiro para colectivos vulnerables en termos de saúde e despois, para poboación xeral. Naquela altura, diversas voces volveron advertir de que, con independencia da especial atención a persoas inmunodeprimidas ou con doenzas específicas, a solución seguía sendo necesariamente global. "Non é aceptable que vaiamos por unha terceira dose da vacina contra a COVID cando a metade do planeta non ten acceso a elas", resumía para Praza.gal Xosé María Torres, farmacéutico e voceiro de patentes da ONG Farmamundi.

Este é o pano de fondo co que, nos últimos días, os países de rendas volven vivir na axitación entre titulares sobre unha "nova variante". Trátase da B.1.1.529, denominada oficialmente como ómicron pola Organización Mundial da Saúde. Detectouse inicialmente en Sudáfrica é considerada como "variante de preocupación" polas "múltiples mutacións" que presenta. Nas súas primeiras análises, a OMS non deixa de subliñar as "considerables incertezas" que aínda existen sobre ela, as cales requiren semanas de estudo e observación antes de tirar conclusións, toda vez que "aínda non está claro" se é "máis transmisible" ou se "causa unha enfermidade máis severa".

A Organización Mundial da Saúde subliña que o impacto da variante ómicron "aínda non está claro" e confía en ter máis datos en vindeiras semanas. Resalta que é "de vital importancia que as desigualdades no acceso ás vacinas sexan urxentemente abordadas"

Tamén resalta a OMS que existen "incertezas considerables" sobre se ómicron podería, "potencialmente", presentar algún risco de "escape" inmune a respecto das vacinas actualmente existentes. Neste sentido e malia ás incógnitas aínda en estudo, esta organización global subliña que os "esforzos" deben seguir centrándose en "acelerar a vacinación" alí onde vai máis atrasada, priorizando á poboación de máis risco por idade ou enfermidades previas. "É de vital importancia que as desigualdades no acceso ás vacinas sexan urxentemente abordadas para garantir que os grupos vulnerables en todas partes, incluído persoal sanitario e maiores, reciban a primeira e segunda dose, xunto o acceso equitativo ao tratamento e diagnóstico", resume.

Mentres a OMS insta a mellorar o acceso ás vacinas, pide acougo ata contar con investigacións máis profundas sobre ómicron e lembra que "o uso de máscara, a distancia física, ventilar espazos pechados, evitar multitudes e a hixiene de mans" seguen sendo "clave para reducir a transmisión" con independencia da variante, as partes do mundo economicamente máis desenvolvidas recuperan restricións ás viaxes. Comezando, precisamente por penalizar precisamente aos Estados africanos que detectaron a devandita variante. 

A cuestión desta variante aínda en estudo mestúrase en análises políticas, mediáticas e económicas co incremento de casos detectados dende hai semanas, por exemplo, en boa parte de Europa, onde conflúen factores como o aumento de actividades en espazos pechados ao avanzar o outono, o levantamento de restricións ou, nalgúns Estados, a baixa vacinación malia á ampla dispoñibilidade de doses. Todo, en vésperas dunhas festas de Nadal e Aninovo no que se incrementarán os contactos interpersoais e no que, precisamente, a existencia e extensión das vacinas (con máis do 85% da poboación total vacinada en Galicia) fai que, malia todo, o escenario sexa radicalmente distinto ao de hai un ano.

En Galicia, co 85% da poboación vacinada, o Sergas vén diagnosticando unha  media duns 440 casos novos na última semana mentres o ritmo de incremento da incidencia tende a frear

No caso de Galicia, ese ascenso vénse producindo dende finais de outubro e chega, polo momento, ata a contorna dos 440 casos casos novos da COVID diagnosticados, de media, cada un dos últimos sete días con datos completos. A partir das cifras divulgadas polo Sergas é posible calcular que actualmente a incidencia acumulada a 14 días rolda os 180 casos novos por cada cen mil habitantes e que o indicador a 7 días, o máis inmediato, está arredor dos 115.

Como amosan os gráficos sobre estas liñas, nese indicador de incidencia máis inmediata seguen destacando as cifras das áreas sanitarias de Ourense e Vigo por riba das demais. A nivel galego, non obstante, tamén é salientable a coñecida como razón de taxas, a división das incidencias acumuladas de cada día coas da mesma xornada da semana anterior, o cal indica se a incidencia tende a diminuír ou a aumentar e a velocidade desa baixada ou subida. Nos últimos días, o ritmo de incremento das incidencias tanto a 7 como a 14 días (por esta orde) tende a frear.

Menos hospitalizacións que hai un ano, máis que o pasado xullo con incidencias similares

⬇️

A influencia da vacinación fai que as autoridades sanitarias outorguen ás incidencias acumuladas un valor máis relativo á hora de tomar decisións sobre a pandemia e se fixen máis na tradución dos novos casos en ingresos hospitalarios. As cifras de prevalencia que o Sergas ofrece a diario (total de persoas hospitalizadas coa COVID ás seis da tarde de cada día) indican que na tarde do domingo eran 140, 64 máis que unha semana antes e delas, 26 estaban na UCI. Esta foto fixa está influída, non obstante, polo feito de que durante a fin de semana son tramitadas menos altas.

O groso das novas hospitalizacións de persoas coa COVID rexístranse entre maiores de 50 anos

Así e todo, para obter un retrato máis preciso da situación cómpre ter en conta que o Sergas non informa sobre as cifras de novas hospitalizacións, un dato que si transmite ao Estado e que, á súa vez, o Ministerio de Sanidade difunde cuns días de demora. Eses datos, representados nos gráficos sobre estas liñas amosan que se ben as hospitalizacións tenden a aumentar (con ata 21 hospitalizacións novas o pasado día 23) e que as cifras estatais tardarán aínda uns días en completarse, seguen sendo moitas menos que hai un ano, cando aínda non existía a protección das vacinas.

É tamén significativo que as cifras de ingresos son superiores ás das semanas do pasado verán en que as incidencias acumuladas eran semellantes ás actuais. Unha das posibles explicacións a esta diferenza é que, mentres que a vaga estival impactou sobre todo entre poboación moza que aínda non estaba vacinada (e aínda así, por idade, menos susceptible a desenvolver unha enfermidade que precise hospitalizacións), a actual está a ser máis transversal en canto a idades, contribuíndo a descompensar doenzas previas en pacientes de máis idade. Non en van, os datos oficiais indican que o groso de novas hospitalizacións de persoas coa COVID son de persoas maiores de 50 ou mesmo de 60 anos nun contexto no que a propia Xunta revelou que o 65% das persoas ingresadas na UCI co coronavirus no que vai de novembro non estaban vacinadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.