A Xunta aproba a esixencia de certificado COVID (de vacinación, proba negativa ou enfermidade superada) para acompañantes de pacientes ingresados nos hospitais. O conselleiro de Sanidade sinala que o Goberno galego "estuda" pedilo "noutras contornas" aínda non concretadas. [Imaxe: Praza.gal / Cedida]
Fálase
Non foron 35 anos de coma, senón un grave accidente en 1979 con secuelas prolongadas durante décadas nas que alternou fases de catatonía con momentos de lucidez. GCiencia detalla o caso do escritor Manel Monteagudo (José Manuel Blanco) e as propias explicacións que o autor ofreceu publicamente sobre a súa doenza e circunstancias persoais anos antes de saltar a multitude de medios de comunicación coa versión divulgada nas últimas semanas. O propio José Manuel Blanco introduciu estes matices no seu relato este venres en declaracións aos medios.
O Congreso aproba o nomeamento dos novos maxistrados do Tribunal Constitucional despois do pacto entre PSOE e PP para a selección de candidatos, entre os que figura Enrique Arnaldo, que incumpriu o Estatuto do Congreso na etapa na que foi coordinador xurídico de varias comisións da Cámara baixa. O pleno do Congreso tamén aprobou o nomeamento de Ángel Gabilondo [na imaxe ©PSOE], ex portavoz do Grupo Parlamentario Socialista na Asamblea de Madrid e ex Ministro de Educación, como Defensor del Pueblo.
Entre as maxistradas que se incorporan ao Constitucional, que leva máis de dous anos con estas vacantes, están tamén Concepción Espejel –que se recusou no caso da Gürtel–, Inmaculada Montalbán e Juan Ramón Sáez. No momento da votación na Cámara, os grupos soberanistas abandonaron a sesión, entre eles o BNG, en sinal de protesta.
A Audiencia de Lugo ordena reabrir o caso da Maruxaina ao entender que se comprometeu a intimidade das mulleres gravadas ouriñando. Hai unhas semanas o xuíz instrutor do caso reiterara que non vía delito nesas gravacións.
Asociacións da patronal do transporte anuncian un paro da actividade nas súas empresas para vésperas de Nadal como protesta contra o Goberno de España. Este paro patronal está programado do 20 ao 22 de decembro e, segundo estas organizacións empresariais, "só un cambio radical e urxente" en diferentes políticas a respecto do sector podería evitalo.
O Goberno de España e a UE publican o documento coas condicións dos fondos europeos de recuperación pola COVID. Feijóo acusou esta mañá a Pedro Sánchez de ocultalo e esixiu ao PSdeG que o revelase. Entre os compromisos adquiridos figura incrementar o período de cálculo das pensións. Pódese consultar íntegro nesta ligazón.
Investigan a morte do ex conselleiro delegado do estaleiro Hijos de J. Barreras nun hotel de Madrid. Segundo adiantou El Mundo e publica Faro de Vigo, o cadáver de José Rosado, cargo de confianza do expresidente do estaleiro vigués Douglas Prothero –The Ritz-Carlton Yacht Collection–, foi atopado nunha habitación do Westing Palace de Madrid sen signos de violencia. O falecido, de orixe portorriqueña, formaba parte do consello de administración de Barreras [na imaxe © Hijos de Barreras un cruceiro en construción] e cesou do so seu cargo no mes de xullo, como o resto do equipo de Prothero.
Jácome destitúe o persoal eventual dos grupos da oposición do Concello de Ourense (3 do PSdeG, 1 do BNG e 1 de Ciudadanos). O líder de DO, que goberna en bipartito co PP, di sentirse "liberado para poñer en práctica" a "crenza" de que "o persoal eventual é persoal de alcaldía" tras recentes desencontros co resto de grupos.
A Asocación de Persoal de Residencias de Galicia (TreGa) mobilízase este luns en Vigo para "seguir denunciando as condicións laborais" que padecen e subliñar aspectos como que "estamos sen convenio colectivo dende o 31 de decembro de 2019". Tamén, advirten, algunhas empresas do sector non abonaron "os 300 euros para as traballadoras que estiveron en primeira liña" fronte á COVID malia "anunciáreno a bombo e platillo".
Ana Pontón abre a XVII Asemblea Nacional do BNG apelando a que sexa “un paso no camiño” para que a Xunta teña “unha presidencia nacionalista”. “Superamos o escepticismo, aos que nos citaban en pretérito, e hoxe o BNG é a segunda forza de Galiza”, di a voceira nacional. [Imaxe: CC-BY-NC-SA BNG]