Feijóo receita contra a suba xeral de prezos que o BNG vote contra os Orzamentos do Estado e apoie os plans do PP

Feijóo amosa unha publicación que, di, contén os proxectos que apoia a Xunta para recibir fondos europeos, durante a sesión de control CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O Parlamento acolleu este mércores a primeira sesión de control ao presidente da Xunta posterior ás primarias do PSdeG e á Asemblea Nacional do BNG que, por esta orde, as dúas formacións celebraron nas últimas dúas semanas con resultados dispares para quen veñen encabezando dende 2020 os grupos da oposición parlamentaria ao PP: Ana Pontón, reforzada no seu liderado no Bloque, e mais Gonzalo Caballero, que perdeu a elección interna fronte a Valentín González Formoso.

Feijóo reclama ao BNG que apoie as súas "baixadas de impostos" e cualifica o IPC de "imposto"

Como era esperable, Alberto Núñez Feijóo incluíu mencións implícitas a ambos procesos nas respostas ás preguntas formuladas no pleno polo voceiro socialista e a portavoz nacional do BNG. No caso de Pontón, que cuestionou o presidente polos seus plans para afrontar as subas xeneralizadas de prezos -en Galicia, a maior en trece anos e superior á media estatal, segundo os datos máis recentes-, suxeriu que tras o acontecido "o domingo", en referencia á asemblea, o Bloque debería afrontar esta problemática optando por votar en contra dos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 e no seu lugar, apoiar os plans do PP tanto en Galicia como no Estado.

Ana Pontón formula unha pregunta a Feijóo durante a sesión de control © Parlamento de Galicia

"Poucas cousas preocupan máis" na actualidade a un bo número de familias galegas que "chegar a fin de mes" ou unha factura da luz que, a xuízo de Pontón, podería rebaixarse se a Xunta apoiase implantar unha tarifa eléctrica galega. No entanto, para Feijóo as mudanzas poderían chegar se o BNG "concreta a súa políica económica e as súas alianzas", concretamente se "vai apoiar os Orzamentos Xerais do Estado" ou, no seu lugar, "unhas contas públicas equilibradas e as axudas que lle damos ás familias", en referencia ás contas da Xunta.

Pontón: "Cremos que hai que axudar na reactivación, pero as súas receitas xa fracasaron"

"Por suposto, baixemos os impostos", agregou o presidente da Xunta antes de referirse á suba do índice de prezos ao consumo (IPC) como "o imposto máis caro e máis inxusto de todos os impostos" e acabar denominándoo "imposto de prezos ao consumo". Para Pontón resulta "sorprendente" que o titular da Xunta "veña dicir que o problema é que o BNG non apoia as políticas do PP". "Nós -agregou a líder soberanista- cremos que hai que axudar na reactivación, pero é que as súas receitas xa fracasaron".

"O que nos vén propoñer", continuou a voceira do primeiro grupo da oposición, é "baixar os impostos aos que máis teñen" e "nós cremos que os que máis teñen son os que teñen que achegar máis". Do mesmo xeito, agregou, o BNG seguirá a ter a "man tendida para que usemos a riqueza eléctrica" de Galicia para "beneficiar ás familias" aínda que "semelle que a única persoa que non o entende é vostede", se cadra, ironizou, porque "o que lle pega son as portas xiratorias" . "O que lle pido", retrucou Feijóo na súa quenda de peche, "non é que apoie" as contas do PP, senón que "non apoie as do Partido Socialista", aínda que escasos minutos antes fixera ambas cousas.

Gonzalo Caballero diríxese a Feijóo durante a sesión de control © Parlamento de Galicia

Feijóo responde a Caballero que os proxectos da Xunta para os fondos da UE están "publicados" e son "coñecidos", aínda que só revelou algúns

O debate entre Pontón e Feijóo chegou despois de que, na súa quenda, Gonzalo Caballero reprochase ao presidente que "deixase sen executar 4 de cada 10 euros" de fondos europeos en anos anteriores e lle reclamase, outra volta, maior transparencia a respecto dos plans da Xunta para os proxectos financiados cos fondos europeos de recuperación. No inicio, Caballero manifestara o seu "compromiso inquebrantable" con Galicia e o Parlamento e a súa vontade de "seguir traballando" no que semellou unha referencia en clave interna ao seu futuro político inmediato tras as primarias.

Ao responder, Feijóo reclamou do voceiro socialista que revele as "condicións" que a UE impón ao Estado para recibir os fondos e pediu coñecer o que denomina como "contrato" secreto do Goberno de Pedro Sánchez coa Comisión Europea, na liña do expresado case simultaneamente por Pablo Casado no Congreso. Ese documento foi feito público este mesmo mércores, escasas horas despois do debate. Asegurou, ademais, que todo os proxectos que impulsa a Xunta están "publicados" e son "coñecidos", aínda que en rigor só divulgou algúns, caso do plan para unha fábrica de fibras téxtiles -en alianza cunha competidora de Ence- ou outros proxectos en materia sanitaria ou de automoción.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.