A suba dos prezos en Galicia é a maior en trece anos e supera a media estatal

Unha torre de alta tensión nunha localidade galega e fragmento dunha factura da luz CC-BY-SA Foto: Juantiagues | Montaxe: Praza.gal

Case todo é máis caro que antes da pandemia. A sensación a pé de rúa fica máis que ratificada cos datos oficiais dende principios de ano e así volve suceder coas cifras do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) que o INE e mais o IGE veñen de facer públicas para o pasado mes de setembro. A suba dos prezos en Galicia e no conxunto do Estado é a maior en trece anos, pero no caso galego é máis pronunciada, ata superar a media estatal.

Na liña do que xa prevía, o Instituto Galego de Estatística certifica que os prezos ao consumo pecharon o pasado setembro un 4,6% por riba dos dun ano antes. Cómpre retroceder ata finais do verán de 2008, xusto cando a quebra do banco estadounidense Lehman Brothers precipitou a crise financeira internacional, para atopar escaladas dos prezos tan pronunciadas. Os anteriores picos rexistráranse na primavera de 2011 e a principios de 2017.

Os datos estatais quedan unhas seis décimas por baixo da suba galega do IPC. As tendencias, así e todo, son practicamente idénticas. Dende a implantación xeral en España do euro, o máximo séguese situando no verán previo á gran recesión e o mínimo, no verán de 2009, cando en plena crise financeira internacional os prezos caían a un ritmo próximo ao -2% interanual.

Unha ollada aos datos máis ao detalle confirma que gran parte desta escalada dos prezos ten a súa orixe no recibo da luz e nos combustibles. En ambos casos, os prezos soben máis en Galicia que na media estatal: a escalada de luz, gas e combustibles, así como doutros gastos asociados á vivenda, supera o 17% interanual, mentres que o total estatal queda un chisco por baixo do 15%. Derivado destes, os prezos do transporte soben arredor do 10% e os alimentos, case un 3%

O impacto da suba en Galicia é tamén obvio ao comparalo co resto de comunidades autónomas. Só hai unha, Castilla-La Mancha, na que a escalada interanual dos prezos fose maior que a galega, cun 4,8% máis fronte ao 4,6% de Galicia. A menor suba en setembro é a de Canarias (+3,2%). Neste contexto, o IGE prevé que os prezos continúan á alza e calcula que outubro finalizará cun incremento do IPC na contorna do 5,7% interanual.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.