Concentracións en 20 cidades e vilas convocadas pola CIG berran “non á estafa da luz”

Concentración convocada pola CIG en Vigo contra o prezo da electricidade © BNG

O sindicato lembra as sucesivas propostas que vén lanzando nos últimos tempos para abaratar a electricidade e favorecer a industrialización

A CIG convocou este domingo concentracións en 20 cidades e vilas de toda Galicia en protesta ante “o imparábel medre da factura da luz e a impunidade coa que actúan as eléctricas” e nas que volveu reclamar a implantación dalgunha das diversas medidas que o sindicato vén propoñendo nos últimos anos. Foi un berro de “non á estafa da luz” no que o sindicato recibiu o apoio doutros colectivos sociais e formacións políticas como o BNG ou Anova.

Segundo avanzou hai uns días o secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, as mobilizacións débense ao “nulo papel que tanto o goberno galego como o español están a facer para garantir, con políticas públicas, o acceso á electricidade do conxunto do pobo en condicións asequibeis”. Fronte a esas acusacións de inacción que dan ás empresas eléctricas “un marco regulatorio e tarifario acorde aos seus exclusivos intereses”, a CIG lembra diversas iniciativas que tentou impulsar sen éxito nos últimos anos no Parlamento de Galicia como a creación dunha tarifa eléctrica galega, a recuperación das centrais hidroeléctricas ou as súas propostas para a industria electrointensiva

Carril denunciou ademais que a actual alza nos prezos da electricidade ten lugar nun momento no que Galicia, di, atópase diante dun novo proceso de “colonización enerxética” que “no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras e montes” da man do sector eólico, “mentres se mantén a moita xente na pobreza enerxética e comarcas enteiras de Galiza camiño da desertización social e industrial, sen plans alternativos de ningún tipo de reindustrialización”.

Estas son as propostas lanzadas nos últimos tempos pola CIG que o sindicato lembrou de cara á mobilización deste domingo:

  • O recoñecemento da enerxía como dereito fundamental a unha vida digna que obriga ás Administracións Públicas a desenvolver e fomentar políticas públicas de intervención no sector eléctrico coas que garantir o aceso de todas as persoas á mesma.
  • Reversión das instalacións hidroeléctricas que teñan rematado e rematen a concesión, destinado os beneficios da produción hidroeléctrica a abaratar o custe da electricidade.
  • Creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade que xestione as centrais hidroeléctricas cuxa concesión vaia vencendo e, tamén, controle as participacións accionariais que ten a Xunta noutras empresas enerxéticas.
  • Fiscalización das concesións hidroeléctricas en vigor de acordo á lexislación de augas vixente en Galiza e no Estado español a fin de garantir que a enerxía reservada en favor das Administracións Públicas se destina a baixar o prezo da electricidade.
  • Modificar o sistema tarifario, limpando a factura de todas as peaxes que non teñen relación directa co funcionamento do sistema eléctrico, coa produción de electricidade: primas renovábeis, custes extrapeninsulares...
  • Retirada do pool, do mercado maiorista, para fixar o prezo da electricidade, as centrais hidráulicas e as nucleares.
  • Modificar transitoriamente os impostos que actualmente están presentes na tarifa eléctrica e que pagan inxustamente as persoas consumidoras mentres non entren en vigor as medidas anteriores, reducindo o tipo máximo de IVE actual, do 21%, ao 4% que se aplica aos produtos básicos e, así mesmo, que as empresas deixen de repercutir nas usuarias e usuarios o 7% do imposto á xeración.
  • Implantación da tarifa eléctrica galega, dunha tarifa eléctrica máis baixa en Galiza, partindo dunha redución do 30% das peaxes do sistema eléctrico.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.