A vicepresidenta económica, Nadia Calviño, pide a Feijóo que sinale os “dous ou tres proxectos” máis importantes para Galicia tras anunciar a Xunta nos últimos meses 247 iniciativas públicas, 107 privadas que non detalla e media ducia de proxectos “tractores” ou “transversais”
Antes mesmo de que a Unión Europea confirmase e aprobase as axudas comunitarias para a reactivación económica tras a COVID baixo a denominación xeral NextGenerationEU, hai máis dun ano o presidente Feijóo xa anunciaba algúns dos proxectos transversais que a Xunta quere que obteñan fondos e puña en dúbida os criterios que empregará o Goberno de España para seleccionalos. Neste tempo ademais de presentar media ducia de proxectos “tractores” ou “transversais” con denominacións cambiantes, o Goberno galego cuantificou en 247 as iniciativas públicas e 107 as privadas, sen detallar máis que o título dalgunhas das públicas e ocultando as características das privadas.
Este xoves Feijóo recibiu en Santiago á vicepresidenta económica do Goberno de España, a coruñesa Nadia Calviño, á que pediu que teña en conta os proxectos galegos e da que obtivo como resposta que a Xunta debera dicirlle cales son os “dous ou tres proxectos” que considera “máis importantes”. O Goberno central, argumentou Calviño, está a recibir propostas das comunidades autónomas que “nalgúns casos chegan a ser cen”, e o obxectivo do seu departamento é definir que proxectos son do ámbito dunha única comunidade, cales son de rango estatal e cales poden formar parte dos denominados PERTE (Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica), as actuacións estrela transversais que quere impulsar Sánchez.
A lista de proxectos que baralla a Xunta foi variando entre críticas da oposición e movementos sociais que o Goberno galego desvía acusando ao central de non explicitar os criterios de selección e, ao tempo, sentíndose xa agraviada dun reparto que aínda non se produciu
A petición de concreción e priorización por parte do Estado chega despois de que a lista de proxectos que baralla a Xunta fose variando e aumentando entre críticas da oposición e movementos sociais que o Goberno galego desvía acusando ao central de non explicitar os criterios de selección e, ao tempo, sentíndose xa agraviada dun reparto que aínda non se produciu.
Xa en xuño do pasado ano Feijóo avanzaba que a Xunta contemplaba declarar como proxectos tractores, figura que non sería creada por lei ata varios meses despois, iniciativas para a fabricación de fibras téxtiles a partir da madeira, o impulso da reciclaxe e a economía circular e a produción a partir de fontes enerxéticas renovables de hidróxeno que á súa vez sirva como fonte ou medio de almacenamento de enerxía.
Catro meses máis tarde sumaba á lista a “instalación de nova potencia renovable” -isto é, fundamentalmente máis parques eólicos-, pero tanto esa medida como a produción de hidróxeno desapareceron das peticións directas que Feijóo formulou a Sánchez o 29 de xaneiro deste ano para que fosen incluídas nas prioridades estatais, nas que xunto coa fabricación de fibras téxtiles e a economía circular apareceron o denominado polo aeroespacial no que a Xunta xa leva traballando anos, o desenvolvemento de novos procesos de fabricación sostibles para a automoción e a fabricación de vacinas contra a COVID e a tuberculose.
E menos dunha semana despois da reunión de Feijóo e Sánchez, o vicepresidente económico, Francisco Conde, anunciaba a creación dun denominado Polo para a Transformación de Galicia que presentou como unha iniciativa de colaboración público-privada que agrupa oito proxectos cos que optar aos fondos europeos, entre eles catro proxectos tractores entre os que volvían aparecer a xeración de hidróxeno verde e a instalación de nova potencia renovable, xunto coas fibras téxtiles e o impulso da economía circular.
Este xoves, tras a reunión coa vicepresidenta Calviño, a Xunta salientaba como “proxectos prioritarios para Galicia” os relacionados co “ámbito forestal, agroalimentario, da automoción, co sector aeronáutico e coa sanidade no eido tecnolóxico”, varios deles non incluídos nas peticións a Sánchez a comezos de ano. E sumaba ademais “a necesidade de que o naval conte co seu propio PERTE”.
Ademais dos proxectos tractores a Xunta tamén vén falando doutras “iniciativas transversais das que se beneficiarán os proxectos tractores” e que pretenden impulsar “cadeas loxísticas sustentables para o transporte; un centro de innovación en tecnoloxías renovables de hidróxeno; e un laboratorio dixital para afondar en sistemas 4.0”. A elas sumou posteriormente "un plan para a recuperación da terra agraria".
A listaxe de proxectos públicos combina iniciativas novas con outras xa previstas antes da pandemia e con mencións xenéricas como "eficiencia enerxética", "Ribeira Sacra" ou "Museo+"
Por baixo dese nivel xeral, o pasado abril a Xunta entregou ao Parlamento unha lista cos 247 proxectos públicos para os que quere obter fondos europeos. O "inventario" combina iniciativas novas con outras xa previstas antes da pandemia e con mencións xenéricas como "eficiencia enerxética", "Ribeira Sacra" ou "Museo+" que impiden coñecer o alcance dos proxectos. Pola contra, dos 107 proxectos privados que asegura que baralla a Xunta para desenvolver as iniciativas transversais, o Goberno galego nin sequera ofreceu os seus títulos amparándose na “confidencialidade” que requiren.
O que si fixo xa o Goberno galego, tamén en abril, á espera de que o Goberno central decida que proxectos reciben fondos comunitarios, foi constituír unha sociedade limitada de maioría privada e encabezada por Abanca na que a Xunta achega o 40% do seu capital inicial e que terá como obxectivo "apoiar a maduración das propostas incluídas na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation" e despois "axudar na busca de futuros investidores para o seu desenvolvemento". Unha sociedade que naceu con polémica por estar composto o seu consello de administración só por homes, situación que despois intentou corrixir a Xunta incorporando tres mulleres á súa directiva.