O pasado marzo, o titular do Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro ditaminou o arquivo das denuncias que varias mulleres interpuxeran tras detectaren que, durante as festas da Maruxaina de San Cibrao (Cervo) do 2019, foran gravadas na vía pública sen o seu consentimento mentres ouriñaban e que, posteriormente, esas imaxes foran publicadas en webs pornográficas. A decisión xudicial suscitou un amplo movemento de protesta baixo o lema Xustiza Maruxaina, pero tamén a interposición de recursos que o xuíz vén de rexeitar cos mesmos argumentos: non observa no acontecido condutas tipificadas no Código Penal porque as gravacións se efectuaron na vía pública.
O xuíz sinala que, ao seren gravacións na vía pública, os feitos non encaixan no artigo do código penal relativo á vulneración da intimidade e "tampouco cabe apreciar delito contra a integridade moral". Considera que as eventuais sancións corresponden ao eido civil
Nun auto datado no pasado 6 de setembro, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, o maxistrado indica que o acontecido non encaixa no artigo do Código Penal relativo á vulneración da intimidade sen consentimento, porque "se refire á utilización de artificios técnicos para captar imaxes" en "lugares pechados" ou para "gravar dende fóra o que sucede nun lugar pechado". Ao "non apreciarse o delito tipificado" nese artigo, sinala, tampouco "pode concorrer" o tipo agravado que especifica o propio Código Penal -a relativa a difusión das imaxes con connotacións sexuais ou se atinxen a menores de idade.
Ao tempo, agrega, "tampouco cabe apreciar o delito contra a integridade moral". Para afirmalo, apela a xurisprudencia do Tribunal Supremo, segundo a cal este delito implica "ánimo de quebrantar a resistencia física e moral" das afectadas.
Indica o xuíz que, dado que as gravacións foron realizadas na rúa e polo tanto, "nun lugar público", os feitos denunciados non poden ser abordados no marco penal. O "tratamento sancionador" das "gravacións clandestinas efectuadas en lugares públicos", advirte, debe situarse no eido civil, ao abeiro da lei que, dende 1982, regula o dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.
Mulleres afectadas polas gravacións recorrerán o novo arquivo ante a Audiencia Provincial de Lugo
O percorrido xudicial deste caso non finaliza, así e todo, con este auto. A asociación Mujeres en Igualdad (Bumei Burela) confirma que xa presentou recurso ante a Audiencia Provincial de Lugo e a súa presidenta, María Fraga, sinalou en diversas declaracións públicas que é previsible que tamén o fagan afectadas polas gravacións a título individual. "Non imos desistir", mantén. O colectivo indica que son unhas 80 as mulleres afectadas polas gravacións.
Como tras o primeiro arquivo, foron diversas as reaccións políticas de rexeitamento. Así, por exemplo, a ministra de Igualdade, Irene Montero, sinala "que unha muller, na rúa ou no espazo público segue tendo intacto o seu dereito á intimidade" e "facer fotos a unha muller sen o seu consentimento e difundilas é violencia sexual". A conselleira de Traballo e Igualdade, María Jesús Lorenzana, coida que cómpre unha maior "regulación" para frear estas accións contra a "dignidade das mulleres". O BNG, pola súa banda, considerou que "unha xustiza machista non é xustiza" e subliñou o seu apoio ás afectadas. Nun sentido semellante, a voceira do PSdeG en materia de Igualdade, Noa Díaz, pregúntase "que máis faría falta para violentarnos". Este apoio foi tamén rubricado, o pasado abril, polos tres grupos do Parlamento.