O xuíz non ve delito nas gravacións de mulleres na festa da Maruxaina subidas a páxinas porno

Festa da Maruxaina © Turgalicia

No verán do ano 2019, durante a celebración das festas da Maruxaina, en San Cibrao (Cervo) entre 60 e 80 mulleres foron gravadas en vídeo mentres ouriñaban na rúa. Posteriormente os vídeos foron subidos a varias webs porno. Varias das afectadas e a asociación Mulleres en Igualdade de Burela presentaron unha denuncia por estes feitos. Porén, o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Viveiro vén de desestimar a denuncia.

O xuíz non atopa delito nas gravacións realizadas a mulleres e posteriormente subidas a páxinas porno, xa que foron realizadas nun espazo público

O xuíz considera que "non está suficientemente acreditada a perpetración dun delito" e argumenta que, dado que as gravación se realizaron nun espazo público, non existe ilícito penal, a pesar de que foron realizadas sen consentimento das mulleres, atentando contra a súa intimidade e que posteriormente foron difundidas a través da web. "Debe terse en conta que se trata dunha serie de gravacións de mulleres ouriñando nunha rúa, é dicir, nun lugar público no que poderían ser vistas por calquera persoa que por alí transitase, e é por iso que non supoñen ningún ataque nin vulneración da intimidade no sentido recollido no artigo 197 do Código Penal", sinala o auto.

Festa da Maruxaina © Turgalicia

A asociación Mulleres en Igualdade xa anunciou a presentación dun recurso ante a decisión do xulgado, cualificando de "inaceptable" o auto do tribunal. "É unha vulneración dos dereitos fundamentais das mulleres: do seu dereito á intimidade e á imaxe. Se se acepta esta sentenza, damos pé a crear un precedente, a que se xustifique este tipo de accións e a que a sociedade vexa un acto permisible no feito de vulnerar os dereitos das mulleres", sinala a presidenta da asociación, Mary Fraga.

A asociación subliña que o número de afectadas "é moi alto" e que entre elas "hai menores de idade"

A asociación lembra que as gravacións foron feitas "por unha cámara profesional" e que despois foron despois subidas "a diferentes páxinas porno". Subliña así mesmo que o número de afectadas "é moi alto" e que entre elas "hai menores de idade". Destaca que nestas festas, ante o reducido número de baños públicos, é habitual que as mulleres teñan que facer as súas necesidades na rúa, polo que "alguén situou unha cámara estratexicamente". Con todo, aínda que fose un espazo público, o avogado que leva o caso en nome da asociación, subliña que si existiu un atentado contra a intimidade e que as mulleres optan por ouriñar nun lugar "retirado", precisamente para ter intimidade e evitar ser espiadas.

 "Non podemos volver a épocas nas que atentar contra os dereitos das mulleres se vía como algo normal. Levamos moitos anos traballando e avanzando e aínda nos queda moito, pero o que non podemos é retroceder"

Ademais, critica que entre as argumentacións empregadas polo xuíz estea a comparación con casos supostamente equivalentes, nos que unha gravación se entendeu como legal, pero que presentan grandes diferenzas co sucedido nestas festas: "no seu auto o xuíz compara o sucedido con outro caso no que unha parella entrou nun caixeiro automático para manter relacións sexuais e foi gravada polas cámaras de seguridade, denunciando posteriormente esta gravación. Naquel xuízo ditaminouse que a gravación foi legal, pero é un caso que non ten nada que ver co que sucedeu na Maruxaina".

"Esperamos que o xuíz rectifique. Non podemos consentir que se cree un precedente, que se vulnere así a nosa intimidade e que se normalice un ataque así contra os dereitos das mulleres", conclúe Mary Fraga. "Non podemos volver a épocas nas que atentar contra os dereitos das mulleres se vía como algo normal. Levamos moitos anos traballando e avanzando e aínda nos queda moito, pero o que non podemos é retroceder", remata.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.