Unha concentración en Combarro pide non minimizar a agresión sexual que tivo lugar no Armadiña

Concentración na Praza da Chousa, este luns © Xabicas

Na madrugada do pasado sábado unha moza de 20 anos sufriu unha agresión sexual nun espazo próximo á zona onde se celebraba o festival Armadiña Rock de Combarro (Poio). Cando a muller se achegou ao lugar para poder ouriñar, foi abordada por un home de 38 anos que a apalpou, agarrouna e tentou levala a un lugar apartado. Ela defendeuse, conseguindo fuxir e puido denunciar o sucedido ante a Policía tras chamar ao número 016 de atención a vítimas de violencia de xénero. O presunto agresor, veciño de Marín, foi detido rapidamente, facilitando a súa identificación as marcas defensivas que lle deixara na cara a vítima da agresión. O home pasou a noite na Comandancia da Garda Civil e foi posto en liberdade na tarde do domingo, a espera de que sexa requirido de novo polo xulgado.

O manifesto pide que non se minimice o sucedido nin se busquen argumentos para xustificar o agresor

A ACDeM Armadiña, organizadora do festival, publicou un comunicado ese mesmo domingo pola noite, manifestando a súa repulsa polo sucedido e convocando unha concentración de protesta para a tarde do domingo na Praza da Chousa. Na concentración, á que acudiron veciños e veciñas da localidade, colectivos sociais e representantes de forzas políticas, leuse un manifesto redactado pola propia ACDeM Armadiña, baixo o título de "Xuntas, respectadas e libres". 

O texto manifesta o "apoio incondicional" á vítima e critica que o suposto agresor fora "posto en liberdade horas despois, permitíndolle poder reincidir nos seus actos", sinalando que a moza está nestes momentos "desprotexida ante o agresor". Así mesmo, pide que non se minimice o sucedido nin se busquen argumentos para xustificar o agresor. "Condenamos a complicidade dalgúns medios de comunicación cun sistema patriarcal que busca e ofrece xustificación baseándose nos comportamentos da vítima. O culpable dunha agresión sempre é o agresor", lese no manifesto, que tamén denuncia que "somos conscientes de que hai voces que minimizan os feitos acontecidos argumentando que 'non pasou nada'”. "Si que pasou, e non foi un intento, foi unha agresión", conclúe.

"Un home considerou que tiña o dereito a acceder sen consentimento ao corpo dunha muller. Feitos coma este non poden quedar na invisibilidade"

"Un home considerou que tiña o dereito a acceder sen consentimento ao corpo dunha muller. Feitos coma este non poden quedar na invisibilidade e por iso estamos hoxe aquí", díxose este luns na Chousa, dirixíndose así mesmo a todas as mulleres: "Compañeiras: a culpa non é nosa, pero recae sobre nós. Todas temos dereito a ir soas pola noite, vestirnos coma nos pete ou mesmo espirnos, consumir alcohol sen que ningunha persoa se escuse niso para xustificar unha agresión. Non é non".

 

Concentración na Praza da Chousa, este luns © Xabicas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.