As autoridades sanitarias galegas están pendentes dos datos epidemiolóxicos que cheguen a partir de mediados da semana vindeira e (sobre todo) da súa repercusión hospitalaria. Será daquela cando poida ponderarse o impacto que os encontros da recente ponte festiva tiveron sobre a evolución da COVID-19.
Sanidade agarda polos datos que reflectirán as cifras da ponte. Mentres, continúan os sinais de freo a comezar pola área sanitaria con maior incidencia acumulada, a de Ourense
Mentres, as cifras de novos casos detectados e a súa tradución en taxas de incidencia acumulada seguen falando de freo no ritmo de incremento. É o que vén sucedendo dende finais de novembro e, de continuar as tendencias, cabería agardar que dentro de arredor de dúas semanas Galicia puidese encarar unha tendencia claramente descendente.
Mentres Sanidade agarda para certificar se isto sucede ou non, ultima o dispositivo para a vacinación contra a COVID-19 da infancia de entre 5 e 11 anos, a comezar polo grupo de 9 a 11 a partir do día 15. Están xa preparadas, segundo datos da Xunta, unhas 60.000 doses para esta fin.
Mentres, a incidencia acumulada a 14 días para o global de Galicia achégase ao limiar dos 400 casos novos por cada cen mil habitantes e a sete días rolda os 225 (máis da metade que a dúas semanas e polo tanto, con tendencia aínda á alza). Por áreas sanitarias, o indicador máis inmediato (a 7 días) tamén amosa sinais de freo precisamente na que está a ter datos máis desfavorables nesta vaga, a de Ourense. A área ourensá, xunto coa de Vigo, seguen sendo as que concentran a preocupación do Sergas.
A hospitalización COVID segue aumentando en termos semanais, pero o ritmo de suba tamén frea. As actuais 252 hospitalizacións son menos da metade que na vaga outonal de 2020, con incidencias semellantes
Os sinais de freo rexístranse na incidencia e tamén na ocupación hospitalaria, aspecto clave á hora de determinar eventuais restricións no actual contexto de alta extensión da vacinación. O número de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID segue aumentando en termos intersemanais, pero ese ritmo de suba tamén acouga, como amosa o gráfico baixo estas liñas.
Ás seis da tarde do venres eran 252 as persoas ingresadas co coronavirus e 43 delas estaban na UCI. Son 47 hospitalizacións máis que unha semana antes, cando a suba intersemanal era de +101. A ocupación hospitalaria de pacientes COVID é na actualidade menos da metade que a rexistrada no outono de 2020, con datos de incidencia acumulada semellantes e mentres estaban vixentes restricións moito máis severas á vida social e económica ao abeiro do estado de alarma.
O impacto da vacinación tamén é obvio nas cifras de mortalidade de persoas coa COVID en comparación co vaga outonal do ano pasado. A sete días, os falecementos de pacientes co coronavirus en Galicia son agora, de media, algo menos de 3 por xornada. Na vaga outono de 2020, con incidencias equiparables ás actuais, a media de mortes a sete días chegou a roldar as 12. O total sitúase agora en 2.695.
O grupo de 5 a 11 anos é o que segue rexistrando maior incidencia e a Xunta anuncia a posibilidade de que as familias retiren un test de balde nas farmacias para estas nenas e nenos
Mentres todo isto sucede, o Sergas continúa nestes días a administrar doses de reforzo a pacientes maiores de 60 anos. No caso da poboación maior de 70, son xa case un 90% os que levaron a terceira inxección (segundo datos do Ministerio de Sanidade que, nos últimos días, están en "revisión" para Galicia. Aínda que a un menor ritmo, tamén continúan aumentando as pautas completas nos grupos menos cubertos pola vacinación.
Dende a vindeira semana, cabe agardar que comece o avance na poboación menor de 11 anos, a que actualmente rexistra as maiores taxas de incidencia acumulada. É neste contexto no que a Xunta anunciou tamén que, dende a vindeira semana, as familias con nenas e nenos de entre 5 e 11 anos poderán retirar de balde nas farmacias un test de antíxeno "que se complementará cunha PCR de contraste no caso de que dea positivo".