Galicia rolda o 'pico' da actual vaga outonal da COVID con incidencia semellante á de 2020 e a cuarta parte de mortes

Xiringas para a administración de vacinas contra a COVID nun dos recintos de vacinación masiva do Sergas CC-BY-SA Xunta

A lectura da foto fixa da COVID-19 ofrecida pola Consellería de Sanidade neste 9 de decembro de 2021 en Galicia trae consigo que o país volveu atravesar dúas barreiras simbólicas, as dos 10.000 casos activos e a dos mil novos casos detectados en vinte e catro horas. Foron 1.034 entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores, cómputo posiblemente afectado pola ponte festiva. En termos de días naturais, non obstante, a media de diagnósticos a sete días rolda os 800.

A incidencia a 14 días rolda os 350 casos novos por cada cen mil habitantes e o seu ritmo de incremento segue a frear

Alén desas barreiras simbólicas ou psicolóxicas e da súa tradución en titulares, estas cifras tradúcense nunha incidencia acumulada a 14 días próxima aos 350 casos novos por cada cen mil habitantes, un chisco por riba do pico da vaga da COVID no outono de 2020, mentres os casos activos tamén son practicamente os mesmos que daquela. Pero cunha diferenza clave a aquel momento, aínda sen vacinas: as mortes de pacientes coa COVID son, en cifras redondas, unha cuarta parte que as rexistradas daquela.

Todo isto sucede nun contexto no que o pico da actual vaga semella próximo. Esta afirmación susténtase no indicador coñecido como razón de taxas, a división da incidencia acumulada de cada día coa da mesma xornada da semana anterior, que serve para medir a velocidade de incremento ou diminución deste indicador epidemiolóxico. Ese ritmo de incremento está freando dende finais de novembro e ségueo facendo tanto a 14 como a 7 días. As previsións do Sergas apuntaban cara a mediados de decembro como data previsible para ese pico.

Mentres se albisca o pico, as cifras de mortalidade de pacientes coa COVID roldan as 2,7 mortes diarias nos últimos sete días. Como amosa o gráfico baixo estas liñas, é unha liña ascendente pero moi inferior á da vaga outonal de 2020. Daquela, aínda sen vacina ningunha, o país chegou a rexistrar unha media a 7 días dunhas doce mortes diarias, con varias xornadas por riba da decena de falecementos.

A media a 7 días dunhas 2,7 mortes diarias contrasta coas máis de 12 do outono de 2020 e as 256 persoas ingresadas coa COVID son menos da metade das que se rexistraran daquela

O freo á mortalidade e á enfermidade grave asociada ao virus é, precisamente, unha das principais vantaxes da vacinación, tal e como veñen acreditando as autoridades sanitarias e numerosos estudos. Así o amosan tamén os datos de hospitalización: ás seis da tarde deste 8 de decembro eran 256 as persoas ingresadas coa COVID nos hospitais galegos, 37 delas na UCI. Na vaga do outono de 2020 chegaran a ser máis de 600, con máis dun cento en coidados intensivos. 

Os datos do Ministerio de Sanidade relativos aos novos ingresos de pacientes coa COVID -o Sergas transmíteos ao Estado, pero non os divulga- tamén ratifican esta tendencia. Ata finais da pasada semana (con datos aínda por consolidar e daquela provisionais), os novos ingresos de pacientes COVID eran un terzo dos rexistrados hai un ano.

Terceiras doses ao grupo 60-70 en vésperas da vacinación infantil

Mentres todo iso sucede, o Sergas avanza nestes días coa administración das doses de reforzo á poboación do grupo de entre 60 e 70 anos. Entre maiores de 70 (segundo datos do Ministerio de Sanidade que se atopan en revisión), a cobertura coa terceira dose en Galicia rolda o 87%. O seguinte grupo en ser chamado á vacinación será o da infancia de 5 a 11 anos. Mentres, no resto de grupos de idade, o último en traspasar a barreira do 80% con pauta completa, o da poboación de 30 a 39 anos, chegou a comezos desta semana ao 81%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.