Galicia suma oito veces menos mortes coa COVID que no outono de 2020 coa metade dos casos que daquela

Comparativa de casos COVID e mortes de persoas coa doenza nos outonos de 2020 e 2021, sobre unha imaxe da vacinación na Coruña o pasado abril CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza.gal

No tempo que leva transcorrido do outono de 2021 -dende o 21 de setembro ata o 10 de decembro, último día con datos completos dispoñibles no momento de elaborarmos esta información-, o Sergas levaba detectados en Galicia case 17.800 casos novos da COVID-19. Son practicamente a metade -en rigor, o 47%- dos que sumou o país no mesmo período de 2020, con case 33.800.

Os novos casos da COVID detectados no que vai de outono son case un 50% menos que no de 2020, antes da vacinación, e as caída de mortes de persoas coa enfermidade rolda o 90%

Naquelas semanas de hai un ano, o Goberno de España decretou o segundo estado de alarma, naquel caso co presidente da Xunta como autoridade competente delegada para Galicia. Ao abeiro daquela figura, o Executivo galego ditara diversas restricións, dende peches perimetrais ata numerosas limitacións á vida social e económica, incluíndo o toque de recollida. Todo, mentres a sociedade agardaba pola chegada das vacinas, que comezarían a administrarse en residencias da terceira idade cando faltaban tres días para rematar o ano.

Dende o comezo da vacinación, as autoridades sanitarias e diversas voces expertas veñen subliñando que o impacto da inmunización se percibiría, sobre todo, nunha redución dos casos da COVID-19 que derivaban en enfermidade grave e morte. E tamén, nun segundo nivel, nunha mingua da transmisión do virus. Os datos galegos acreditan que isto está sucedendo: nun período con condicións atmosféricas semellantes (co empeoramento do tempo, aumentan as actividades en locais pechados) e moitas menos restricións, os casos novos son practicamente a metade, pero as mortes son ata oito veces menos.

Ata a chegada das vacinas, as curvas epidemiolóxicas de casos novos -e as conseguintes taxas de incidencia acumulada- e mortes de persoas que contraían o virus levaban ritmos semellantes. Como amosan os gráficos baixo estas liñas, esa correlación xa non se produce coa mesma intensidade dende que entraron en xogo as vacinas. Así, a vaga outonal -máis temperá en 2020- implicou o pasado ano 590 mortes ata o 10 de decembro e este ano son 73, case un 90% menos. Ou, o que é o mesmo, unha media diaria superior ás 7 mortes o ao pasado fronte a menos dun falecemento diario neste ano.

As diferenzas tamén son evidentes ao observamos as medias diarias a 7 días de falecementos de persoas coa COVID. O pico da vaga outonal de 2020 chegou a superar as doce mortes ao día. A actual, cando menos ata o momento, non chega ás tres no seu pico.

Aínda que hai semanas que o ritmo de crecemento amosa sinais de freo, a actual incidencia acumulada é superior á do pico da vaga outonal de 2020

Todo isto sucede nun contexto no que, ademais, a incidencia acumulada da COVID-19 a 14 días xa superou en Galicia a que acadara no outono de 2020. Daquela, este indicador principiara a descender -en boa medida, ao abeiro das fortes restricións- antes de chegar aos 350 casos novos por cada cen mil habitantes. Agora, aínda que amosa sinais de freo dende hai semanas, xa superou os 400 casos novos por cada cen mil habitantes nun contexto sen moitas máis restricións xerais que a obriga de portar máscara en espazos pechados e no exterior cando non é posible gardar a distancia de seguridade, así como a introdución do certificado COVID en determinados contextos.

Sanidade xa cita para a terceira dose a persoas de 50 a 59 anos, grupo aínda non incluído polo Consello Interterritorial nas inxeccións de recordo

Con este pano de fondo, o Sergas disponse a iniciar esta semana a vacinación da infancia menor de 11 anos, a comezar polo grupo de 9 a 11 a partir do día 15. Mentres, continúa a administrar doses de reforzo a maiores de 60 anos e tamén comezou a citar para a terceira dose a persoas de entre 50 e 59 anos, segundo confirmou a Consellería de Sanidade a preguntas de Praza.gal.

Estas citacións a menores de 60 anos para a terceira dose por parte do Sergas prodúcense aínda que, polo momento, a inxección de recordo para este grupo de idade aínda non foi aprobada no Consello Interterritorial de Saúde. Este órgano xunta o Ministerio de Sanidade coas comunidades autónomas e vén sendo o encargado de coordinar o proceso de vacinación no Estado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.