"Xa nos advertiron de que o máis probable é que estean sen titor ata a volta das vacacións de Nadal". A principios da pasada semana, os pais e nais do alumnado dunha aula de Primaria nun colexio público galego recibiron a noticia da baixa do profesor e responsable da titoría dos seus fillos por un problema de saúde. Varios días despois, a clase deste colexio segue sen un docente cuxa ausencia está sendo paliada "como se pode" polos seus compañeiros á espera dun substituto que nin chegou aínda nin parece que vaia chegar ata o ano que vén. "Van amañándose como dan porque xa sabemos o que pasa cando se aproxima o Nadal", denuncian as familias.
O caso deste centro de ensino nunha cidade galega é o de moitos outros en decembro. Sindicatos educativos, varias ANPA e o propio profesorado levan días denunciando a falta masiva de cobertura das baixas docentes nas últimas semanas. Acusan a Consellería de Educación de non chamar o persoal substituto necesario ou atrasar a súa incorporación o máximo posible e "intentar así aforrar" evitando contratar docentes para un período que abranguería tamén as vacacións de Nadal.
"Pasa habitualmente antes do Nadal e tamén da Semana Santa; a Consellería procura atrasar ou evitar a cobertura das baixas para evitar ter persoal contratado durante as vacacións", denuncia Fernando Lacaci, presidente da Confederación Anpas Galegas, que denuncia que o "criterio economicista e de aforro que impera en Educación" leva a un "despropósito" que "impacta" no alumnado e na calidade educativa.
CIG-Ensino cifra en arredor dun cento as baixas docentes sen cubrir e advirte de que só a súa denuncia fixo recuar a Educación na súa intención de non cubrilas en todo decembro
A mesma crítica fai o sindicato maioritario na educación en Galicia, CIG-Ensino, que cifra en arredor en máis dun cento as baixas docentes que están actualmente sen cubrir, sobre 60 delas en Primaria. A central e Anpas Galegas advirten de que as vacantes pendentes nos centros públicos son facilmente comprobables na páxina web que a Consellería dispón para a súa xestión e advirten de que hainas sen cubrir desde decembro e mesmo algunha xa de finais de novembro.
A Federación do Ensino de CCOO de Galicia rexistrou tamén na Consellería un escrito esixindo "a cobertura de todas as baixas pendentes de cubrir nas diferentes etapas educativas" logo de coñecer a principios de decembro que "as baixas comunicadas polos propios centros educativos estaban sendo eliminadas pola Administración" e non eran cubertas todas desde o 30de novembro.
A Dirección Xeral de Persoal, segundo asegurou CCOO, confirmoulles a intención de non cubrir as baixas en decembro, "argumentando que a pouca duración e que parte das mesmas coincidían cos festivos da semana que vén". O sindicato cifra xa en 240 as vacantes sen cubrir e mobilizouse ante a Consellería para elixir unha solución inmediata.
Malia ser unha "práctica habitual", tanto o sindicato como Anpas Galegas denuncian que neste curso é "máis acusado" ao estenderse máis no tempo, así como "máis grave" por "partir a Consellería de Educación do seu criterio habitual como se a situación dentro dos colexios fose a de sempre". "E non é a de sempre porque a rapazada segue con máscara, con aulas burbulla e con problemas pola COVID", explica Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino, que advirte mesmo dalgún caso "anecdótico pero significativo" no que as restricións provocaron que un docente tivese que cubrir unha garda e impartir aulas a dúas clases nun corredor e coa separación debida para evitar xuntar grupos.
A Consellería de Educación asegura que as baixas cóbrense "con grande axilidade" e "destinando unha importante partida orzamentaria"
"Pretenden que en pleno gromo da COVID o profesorado de Primaria e Infantil entre en aulas nas que non ten docencia para substituír compañeiros enfermos; onde quedan as burbullas ou a seguridade mínima para evitar contaxios?", di CIG-Ensino, que considera que, "por enésima vez, á hora de cadrar os números, a Consellaría esquece todo o que ten que ver coa calidade do sistema educativo ou coa protección do alumnado e do profesorado".
Desde a Consellería, pola súa banda, aseguran que "durante toda a pandemia a Xunta vén cubrindo con grande axilidade as baixas, ás veces incluso esgotando listas, destinando a isto unha importante partida orzamentaria". Ademais, e respecto dos problemas que a COVID pode engadir á falta de profesorado, desde Educación aseguran que "a unha semana do remate do trimestre, non existe ningún problema neste sentido, dado que os positivos concéntranse no alumnado menor de 12 anos, non no colectivo do profesorado".
Anpas Galegas e CIG-Ensino acusan a Consellería de Educación de reducir as coberturas de baixas só "por aforrar": "Sae máis barato non contratar a xente necesaria"
CIG-Ensino, no entanto, asegura que soubo por fontes da propia Consellería que non estaba previsto cubrir as baixas durante o mes de decembro, unha situación que mudou "despois da denuncia e das xestións do sindicato". "Comezaron a chamar a algún persoal substituto, pouco, pero si que o fixeron", explica Bermello, que aclara que "ao atraso ordinario" que á difícil xestión ou á escaseza de persoal para a chamada de profesorado únese agora "unha decisión claramente económica" por parte da Xunta.
Anpas Galegas advirte de que o impacto das baixas no alumnado "é pequeno se hai outro docente que veña axiña a ocupar o posto", pero tórnase moito maior co paso dos días, cunha perda de docencia importante. "A persoa que está de garda, as máis das veces, non é da mesma especialidade, e en calquera caso non ten a opción de continuidade necesaria porque estas gardas son de hora en hora", din desde a confederación.
"Mención á parte merece a especial desatención que novamente sofre o alumando con necesidades específicas de apoio educativo, que ve agravada a súa situación dun xeito diferente, nomeadamente en Primaria, porque necesita cubrir de inmediato o referente que lles falta, cunha persoa que lles dea seguridade aínda que sexa por quince dias ou un mes, pero non ter un docente de garda cada hora, con todo o que iso supón para a súa estabilidade", engade Anpas Galegas.
"Se o persoal docente está de baixa hai que substituílo inmediatamente, en calquera momento do ano, sexan cales sexan os días nos que ocorra", asegura Anpas Galegas, que cre que a decisión da Xunta de reducir as coberturas de baixas previas ás vacacións "é ir contra o dereito á educación dos pequenos". "Privar o alumnado do profesorado que precisa, deixalo sen atención académica porque sae máis barato non contratar a xente necesaria é unha indignidade", rematan.