O "dobre castigo" das familias de Baamonde: sen colexio e agora sen transporte escolar

Manifestación en defensa da continuidade do CEIP de Baamonde © Defensa do cole de Baamonde

O Diario Oficial do pasado 6 de agosto certificou o peche do CEIP de Baamonde e a súa "integración" no CEIP Virxe do Corpiño, situado tamén no Concello de Begonte. Era a culminación dun proceso iniciado o pasado mes de decembro co anuncio do Goberno local da "agrupación" dos dous colexios do concello no situado na capital municipal, o que implicaba o peche do situado en Baamonde e a obriga do traslado dos seus 30 alumnos e alumnas. 

Un dos principais argumentos empregados polo Concello de Begonte era que o peche da escola de Baamonde e a súa "unificación" co CEIP Virxe do Corpiño levaría a incrementar "a potencia a calidade do ensino nos cursos vindeiros"

A comunidade educativa do centro mobilizouse durante meses contra a decisión, asumida pola Consellaría de Educación, denunciando o peche como un ataque máis ao rural e lembrando o bo funcionamento do colexio, cun número de alumnos e alumnas moi superior ao mínimo legal.

Un dos principais argumentos empregados polo Concello de Begonte, gobernado polo PP, era que o peche da escola de Baamonde e a súa "unificación" co CEIP Virxe do Corpiño, sería beneficioso para todo o actual alumnado e tamén para o futuro, pois a suma do estudantado dos dous centros levaría a incrementar "a potencia a calidade do ensino nos cursos vindeiros", atraendo nenos e nenas doutros concellos.

Interior do CEIP de Baamonde, hoxe baleiro © TIC-Servizo de Audiovisuais

De igual xeito, no Parlamento galego o portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, asegurou que co traslado do alumnado de Baamonde a Begonte "poderá crearse un aula para cada nivel educativo mellorando o funcionamento do centro, compatibilizando a racionalización da oferta educativa e o uso eficiente dos recursos coa calidade do ensino”. Fíxoo nun debate no que o PP botou abaixo unha proposición do PSdeG para manter aberto o centro.

Porén, a realidade que trouxo o novo curso é que tan só 9 dos 30 alumnos e alumnas do CEIP de Baamonde se trasladaron finalmente ao colexio de Begonte, situado a uns sete quilómetros de distancia

Porén, a realidade que trouxo o novo curso é que tan só 9 dos 30 alumnos e alumnas do CEIP de Baamonde se trasladaron finalmente ao colexio de Begonte, situado a uns sete quilómetros de distancia. Foron máis (13, en concreto) os que optaron polo colexio de Parga (Guitiriz), mentres que o resto se dispersou entre outros centros de ensino de Guitiriz, Vilalba e mesmo da cidade de Lugo. Ademais da proximidade entre Parga e Baamonde, unha nai antiga representante da ANPA explica para Praza.gal que este colexio de Parga é o máis semellante ao modelo ao que estaban afeitos en Baamonde: "unha escola pequena e familiar, pegada á terra". Ademais, engade que o fixeron por razóns de "dignidade", despois das presións recibidas durante meses para que finalizasen as súas protestes.

O Colexio de Baamonde, con máis de 50 anos de historia, pechou as súas portas e hoxe en día é un edificio baleiro, á espera de que se concrete a instalación aquí dun conservatorio profesional de música, xestionado pola asociación Músico Crisanto, algo que polo momento aínda non se produciu. A ANPA do CEIP de Baamonde sempre observou con desconfianza a ocupación das instalacións do seu colexio por parte desta entidade privada, criticando o que na práctica se ía converter na "privatización" dun espazo anteriormente público. 

As familias de Baamonde que non optaron por trasladar os seus fillos e fillas ao colexio de Begonte enfróntanse a un problema engadido: a ausencia de transporte escolar público

Ademais do propio peche da escola, agora as familias de Baamonde que non optaron por trasladar os seus fillos e fillas ao colexio de Begonte enfróntanse a un problema engadido: a ausencia de transporte escolar público para os centro situado en Parga (Guitiriz), a pesar de que a maior parte do alumnado do CEIP de Baamonde optou por este colexio. A razón esgrimida polo Goberno galego é que a escola está noutro concello, o que obriga a pais e nais a levar en coche os seus fillos e fillas a diario. As familias tentaron contratar un servizo de taxis, pero non puideron facelo e denuncian "presións" para que os taxistas rexeitasen a contratación do servizo.

Protesta de alumnado e familias do CEIP de Baamonde ante o Parlamento © Defensa do cole de Baamonde

Un dos autobuses escolares do colexio Santo Estevo de Parga, que dá servizo aos nenos e nenas de Pígara (Guitiriz), pasa por Baamonde da súa ruta, pero non realiza aquí a parada correspondente

Curiosamente, un dos autobuses escolares do colexio Santo Estevo de Parga, que dá servizo aos nenos e nenas de Pígara (Guitiriz), pasa por Baamonde da súa ruta, pero non realiza aquí a parada correspondente. Pais e nais reclaman que así o faga, pois conta con prazas libres. "Non ten sentido que o autocar pase polas nosa porta e non pare, o que nos obriga a levar os nosos fillos e fillas en coche", denuncia unha das nais, que sinala a "dificultade de conciliar horarios" e lembra que o establecemento dunha parada en Baamonde non suporía ningún custo extra. Na súa opinión, estas familias están a sufrir un "dobre castigo": primeiro o peche do seu colexio e agora a imposibilidade de contar con transporte público.

As familias sinalan que os alumnos e alumnas de Baamonde que acoden ao CEIP de Parga cumpren con todos os requisitos para acceder ao transporte público

Sinala que os alumnos e alumnas de Baamonde que acoden ao CEIP de Parga cumpren con todos os requisitos para acceder ao transporte público e citan a orde da Consellaría de Cultura e Educación do 1 de marzo de 1991 "pola que se dictan normas sobre racionalización do transporte escolar" Esta orde recolle que, aínda que este alumnado non tería dereito ao transporte público, limitado ao estudantado matriculado nos centros "da área de influencia que lle corresponde", prevese que "ante a eventualidade de que haxa vehículos que conten con prazas vacantes", poderase "autorizar excepcionalmente". As únicas condicións neste senso serías que non supoña modificar a ruta, que non se incremente a duración do traxecto e que non se precise incorporar un novo acompañante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.