Ducias de centros de ensino acollen acotío mobilizacións de familias, alumnado ou docentes que protestan polos recortes en profesorado e recursos
Desde os colexios Ramón de la Sagra, Sagrada Familia ou Emilia Pardo Bazán da Coruña, ata o de Fontiñas en Compostela, pasando polo Saladino Cortizo de Vigo ou o Pontecarreira de Frades. Os institutos de Espiñeiro en Boiro, o Concepción Arenal de Ferrol, o de Poio ou o de Becerrá... Nas últimas semanas, e desde que se iniciara o curso, son incontables os centros de ensino que acollen acotío mobilizacións de familias, alumnado ou docentes polo recorte de profesorado e recursos e a falta de resposta da Consellería de Educación ás súas demandas, que son máis masivas que nunca, como recoñecían xa no verán as principais federación de ANPAs galegas.
A comunidade educativa leva tempo advertindo dun "drástico" recorte de profesorado que nega a Xunta, que desbota manter o reforzo que trouxera a COVID. E o inicio das aulas non fixo máis que aumentar as protestas e demandas en numerosas localidades. Ruidosas algunhas, con globos nalgúns casos e mesmo con cortes de tráfico noutros, pero tamén máis silenciosas e non menos desesperadas. Como a que levan a cabo varias familias de alumnado do CEIP Rosalía de Castro de Carril, en Vilagarcía, e sobre a que xa actúa a Valedora do Pobo.
A Valedora investiga xa o caso do CEIP Rosalía de Castro en Carril, onde familias demandan máis persoal para a atención de seis nenos con necesidades especiais
O pasado 30 de setembro admitiu a queixa impulsada por un dos pais afectados e deulle quince días á Consellería para que facilite información sobre o porqué da situación. As familias advirten da urxente necesidade de reforzar o persoal para poder atender os catro nenos con discapacidade recoñecida e dous con necesidades educativas especiais nun centro onde só hai unha coidadora, unha pedagoga e unha logopeda para estes casos.
"Non só os prexudica a eles, senón ao resto de alumnado porque o profesorado está desbordado", explica Alfredo Irixoa, un dos pais que reclaman máis persoal ante unha "dotación insuficiente" e demandan outro coidador, así como un especialista máis en Audición e Linguaxe (AL) e outro en Pedagoxía Terapéutica (PT), nunha reivindicación que o BNG levará ao Parlamento.
"É moi evidente a insuficiencia de profesionais, tanto para garantir a axeitada atención para o alumnado con necesidade de apoio como para que esta atención non afecte ao resto. Unha mostra é que o neno con síndrome de Down do centro pasou de ter asignadas no curso pasado tres horas de AL e 3 de PT a telas reducidas á metade", explica Irixoa, que recorreu á Valedora ante a nula resposta da Xunta, á que pide garantir "unha educación inclusiva, equitativa e de calidade para todos".
A "infradotación docente" en profesorado especialista en atención á diversidade foi tamén denunciado por familias de alumnado de varios colexios da comarca da Coruña, onde pais e nais do CEIP Sagrada Familia cortaron o tráfico en demanda dun profesor de Música que lles corresponde por catálogo pero que foi substituído pola contratación dunha docente interina a xornada incompleta sen especialidade na materia.
En Vigo, a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais (Foanpa) iniciaron tamén unha serie de mobilizacións en protesta polo déficit de persoal en varios centros e levará a cabo unha primeira concentración en Navia o vindeiro xoves para reivindicar máis profesores de apoio a rapaces con necesidades especiais.
Son só exemplos de casos que se repiten por toda Galicia. Nalgúns deles, as protestas provocaron xa a marcha atrás de Educación, que pasou de negar as demandas a aceptar unha negociación ou mesmo recuar de vez acceder ás peticións.
As protestas fixeron recuar á Consellería, que permitiu en varios centros formar grupo en aulas que non chegaban aos cinco alumnos que puxera como mínimo
Así ocorreu no caso de varios centros onde, tras as mobilizacións, a Consellería de Educación acabou por permitir que alumnado da ESO e do Bacharelato poida cursar materias en aulas con catro alumnos malia non alcanzarse os cinco que Educación puña como mínimo para formar grupo. Ocorreu no IES Eduardo Pondal de Ponteceso ou no CPI San Sadurniño. Neste último, por exemplo, mantense o itinerario de Letras en 4º de Secundaria, evitando que a rapazada teña que optar polo de Ciencias ou cambiar de colexio, logo de que mesmo representantes do goberno municipal erguesen a Voz ante a Xunta.
Noutro caso, como no do IES de Poio, Educación nomeou finalmente un profesor substituto para ocupar a vacante de Xeografía e Historia, desconvocándose así as protestas que se iniciaran o pasado martes reclamando "dereitos" para o alumnado" tras dúas semanas sen que se cubrise a praza.
CIG-Ensino, sindicato maioritario do sector, anima a "todas as comunidades educativas a reaxir, mobilizarse ou seguir mobilizándose"
No IES Fermín Bouza Brey de Vilagarcía, e tres semanas despois de que se iniciasen as clases, o cento de alumnos que se mantiñan sen profesor de Matemáticas poderán volver con normalidade á aula desta materia logo de que Educación asignase o pasado martes o docente que se incorporará axiña ao centro. Foi a ANPA quen denunciou a situación e anunciou mobilizacións no caso de que non se arranxase outro dos tantos problemas rexistrados no inicio de curso en Galicia.
Non son estas as únicas situacións onde a Consellería deu marcha atrás, tal e como puido comprobar Praza.gal a través de testemuños de ANPAs e familias mobilizadas que advirten de recentes chamadas de Educación para intentar buscar solución aos conflitos ou mesmo prometendo unha rápida resposta ás súas demandas. Mentres, CIG-Ensino, sindicato maioritario, anima "a todas as comunidades educativas a reaxir e mobilizarse ou seguir mobilizándose", convencida de que son as protestas as que fan recuar a Xunta.