Familias e alumnado convocados por Dereitos, Non Parches, colgaron globos nas cancelas dos colexios contra os recortes do profesorado de atención á diversidade
Os colexios Ramón de la Sagra, Labaca, Emilia Pardo Bazán e Sanjurjo de Carricarte na Coruña, o Vila de Rutis e o Ría do Burgo de Culleredo, e o Valle Inclán de Oleiros. Foron os centros educativos da comarca coruñesa que este mércores apareceron inzados de globos atados nas cancelas por familias e rapazada para protestar pola "situación límite" do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo pola "infradotación docente, tanto de profesorado especialista en atención á diversidade como de mestres xeralistas".
Convocados pola plataforma Dereitos, Non Parches, únense ás denuncias polos recortes no ensino público e a "escaseza de recursos persoais" que os sitúa, din, nunha situación A piques de estoupar, tal e como advirten co lema das mobilizacións que é secundada por pequenos e familias de centros "que este ano viron como non se cubrían as necesidades de atención ao seu alumnado". "Ata onde incha unha profe?", pregúntanse tamén sobre o exceso de carga de traballo que asume o persoal educativo ante a falta de medios.
Segundo denuncia a plataforma, que xa alertara destes problemas noutras ocasións, no inicio deste curos nin o CEIP Labaca nin o Vila de Rutis contan con especialista de Pedagoxía Terapéutica que lles correspondería por catálogo, mentres que o colexio Ría do Burgo ten media xornada menos de Audición e Linguaxe e o Valle Inclán sofre redución de docentes tanto nunha especialidade como na outra.
O colectivo denuncia que varios centros carecen de especialistas de Pedagoxía Terapéutica ou Audición en Linguaxe ou teñen asignadas menos horas
A estes recortes en atención á diversidade súmanse, segundo denuncian, a non dotación de postos de mestres xeralistas ou doutras especialidades, como no caso do CEIP Sanjurjo de Carricarte, tamén conta con media xornada menos de Pedagoxía Terapéutica, ou o Ramón de la Sagra, sen un profesor titor de Primaria, ou o Emilia Pardo Bazán, sen especialista asignado de Educación Física.
As protestas son apoiadas por ANPAs doutros centros que non están directamente afectados pero que apoian as reivindicacións dunha agrupación de familias xurdida en 2019 co apoio de diferentes asociacións de nais e pais. Agora, volven ás mobilizacións para "denunciar que os recortes de profesorado, e especialmente aqueles en profesorado especialista de atención á diversidade, convertéronse nunha tradición de principio de curso que non se pode tolerar”.
"As docentes non poden estirar a súa capacidade de atención ao alumnado ata o infinito e aquel que máis o precisa, ao facer que o profesorado asuma máis alumnado do que lle corresponde, é vitima dun abandono institucional que só se pode cualificar de cruel”, denuncia Dereitos, Non Parches, que agarda que a Consellería de Educación "tome as medidas precisas para solucionar a situación" e cuxas protestas foron apoiadas este mércores por concelleiros da Marea Atlántica.
Esta iniciativa na comarca da Coruña únese á que un grupo de familias e membros da comunidade educativa de distintos centros de ensino galegos lanzaron o pasado xoves cos “ColesNegros”. Nela, denuncian os recortes introducidos na educación pública e fan un chamamento a crianzas, familias e persoal docente e non docente para que todos os xoves aos coles vestidos de negro ou cunha cinta ou fita negra "que evidencien a intención da Xunta de deixar morrer a escola pública".
Ademais, tamén na Coruña, nas últimas semanas familias e ANPAs doutros centros denunciaron tamén os recortes de profesorado. No CEIP Sagrada Familia mobilizáronse para reclamar un especialista de Música, logo de que, segundo aclaran, a Consellería de Educación decidise a contratación dunha docente interina a xornada incompleta sen especialidade na materia, "o que incumrpe o catálogo do centro", que aclara que debe ter dous especialistas de Educación Musical a tempo completo.