Familias dun colexio coruñés denuncian o recorte de persoal de atención á diversidade

CEIP Labaca da Coruña © Igaciencia

A Asociación de Nais e Pais do CEIP Labaca, da Coruña, denuncia que o centro non conta neste momento con profesorado especialista de Audición e Linguaxe, unha persoa especialista que prevén e atende ás dificultades de aprendizaxe e desenvolvemento relacionadas coa fala, a linguaxe e a comunicación. Ademais, foilles retirado un auxiliar educativo, profesionais ambos cos que si contaba o curso pasado. As familias lembran que outros centros da Coruña, como o CEIP Rosalía de Castro, atópanse nunha situación semellante. 

Nais e pais denuncian que o centro non conta neste momento con profesorado especialista de Audición e Linguaxe e que foi retirado un dos dous auxiliares educativos

O curso pasado, este centro contaba cunha especialista a tempo completo, que chegou a atender ata a 19 nenos e nenas ofrecendo un total de máis de trinta sesións semanais de cincuenta minutos de atención individualizada. Todo ese alumnado, máis as novas incorporacións deste curso, non está a recibir a atención que precisa para o seu correcto desenvolvemento escolar. 

A asociación subliña que é o segundo ano que se recorta nesta dotación, posto que xa en cursos anteriores o que fora unha praza completa e outra media foran reducida pola Administración a unha única praza, sen que as necesidades se tivesen reducido dun curso cara o outro, senón máis ben o contrario. 

Así mesmo, a asociación salianta que foi suprimido un dos dous auxiliares educativos cos que contaba o curso pasado. O alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) que precisa desta atención "queda nunha situación penosa", xa que "unha única persoa ten que asumir o coidado e traslado de nenos e nenas que, pola estrutura do centro se atopan en edificios separados, cando algúns deles precisan acompañamento continuado", explican.

"Ao non dotar dos recursos axeitados para a súa correcta atención educativa a Xunta está, de feito, limitando o seu dereito á educación"

As familias denunciaron xa esta situación ante a Consellería de Educación, pero dez días despois do inicio do curso escolar continúan sen ter novas ao respecto. Nais e pais salientan a súa "preocupación" polas "consecuencias que esta carencia poida ocasionar para todas as crianzas, dado que tampouco se están podendo levar a cabo actividades especializadas de estimulación da linguaxe e prevención de dificultades con todo o alumnado".  

As familias denuncian que estas medidas "supoñen unha grave discriminación cara ao alumnado con NEE, pois ao non dotar dos recursos axeitados para a súa correcta atención educativa a Xunta está, de feito, limitando o seu dereito á educación".

No ano 2017 o TSXG condenou á Xunta a indemnizar unha familia que denunciou que o CEIP Salgado Torres da Coruña incumprira a súa obriga de atender adecuadamente un neno con necesidades educativas especiais. Esther Cuadrado, da Plataforma Galega pola Educación Inclusiva, alertaba nesta entrevista dos problemas que se poden derivar dunha deficiente atención temperá ás persoas con autismo.

 

Ciudadanos reclama a Xunta e Concello solucións para a falta de persoal

O grupo municipal de Ciudadanos uniuse ás críticas á falta de persoal de apoio para alumnado con necesidades específicas nos colexios da cidade. Ciudadanos denuncia que "os recursos son baixos e os recortes prodúcense neste tipo de cuestións" e que cada comezo de curso son as protestas dos pais as que consiguen aumentar o número de persoal de apoio nalgunhas ocasións. 

"Non se pode improvisar cada inicio de curso, por iso desde Cidadáns consideramos urxente o entendemento entre administracións. Non se poden pasar a pelota dun lado a outro. A pouca colaboración institucional non debe ser escusa para desviar problemas", sinala o partido.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.