As denuncias sobre o comedor do colexio María Mariño poñen o foco sobre as numerosas eivas do centro

Entrada ao C.E.E. María Mariño da Coruña © Google Maps

Nos últimos días o Centro de Educación Especial María Mariño foi noticia en todo o Estado, a raíz da emisión en La Sexta do programa ¿Te lo vas a comer?  de Alberto Chicote. Alí o cociñeiro denunciaba, en conversa con nais e traballadoras do centro, as deficiencia do comedor e outras eivas do colexio chegando a confrontar con representantes da Consellería de Educación os menús e alternativas de alimentación ofrecidas aos nenos e nenas con necesidades especiais.

As eivas son, sobre todo, de persoal, pois o centro dispón dun número reducido de coidadoras que teñen que atender unha media de 10 alumnos e alumnas, en moitos casos con dificultades de mobilidade

A polémica, que inicialmente xiraba ao redor do servizo de comedor, serviu para poñer o foco nas múltiples deficiencias que presenta o centro, e que as nais e pais levan anos denunciando sen atopar unha resposta satisfactoria por parte da Xunta de Galicia. As eivas son, sobre todo, de persoal, pois o centro dispón dun número reducido de coidadoras que teñen que atender a unha media de 10 alumnos e alumnas, que en moitos casos teñen dificultades de mobilidade, desprázanse en cadeira de rodas e necesitan supervisión en todo momento. Ademais, no que atinxe á alimentación e ao uso do comedor, varios deles e delas teñen problemas para tragar a comida, polo que necesitan un menú especial e unha atención específica para inxerir os alimentos.

"As coidadoras sempre nos din que os pais e nais somos os únicos que podemos facer algo e insístennos para que denunciemos a situación. Din que están sobrepasadas de traballo, desbordadas, e que non poden atender a todos os nenos que teñen ao seu cargo", comenta Manoli -unha das nais- en conversa con Praza.

"As coidadoras sempre nos din que os pais e nais somos os únicos que podemos facer algo. Din que están sobrepasadas de traballo, desbordadas"

Tamén se critican eivas estruturais no edificio, comezando pola propia carencia dun comedor, que obriga a alumnado e coidadoras a trasladarse todos os días ao do Centro de atención a persoas con discapacidade Santiago Apostol, dependente da Consellería de Política Social. Denúncianse igualmente problemas de mantemento no inmoble, deficiencias na calefacción e a ausencia de baños adaptados. "Que nun colexio de educación especial non haxa baños adaptados é algo incrible, pero é así", salienta Manoli, que destaca que "só reclamamos o que teñen outros centros públicos, nin máis nin menos".

 "Que nun colexio de educación especial non haxa baños adaptados é algo incrible, pero é así"

As outras denuncias refírense á carencia doutro tipo de profesionais: un bedel, unha persoa para labores administrativos, un ou unha fisioterapeuta..., figuras que segundo destacan dende a ANPA do centro son "fundamentais" e que neste momento non existen ou teñen que compartir con outros colexios, como sucede co fisioterapeuta. As críticas tamén chegaron por parte do comité de empresa da Consellería de Política Social, que sinala que hai anos que vén alertando á Xunta sobre o número insuficiente de traballadores e traballadoras que deben atender este grupo de nenos e nenas que necesitan atención especial.

Fachada do centro © C.E.E. María Mariño

A ANPA do centro leva anos demandando estas melloras a través dunha sucesión de escritos, visitas ás consellerías afectadas (Educación e Política Social) e xuntanzas con responsables do Goberno galego, pero ata o momento estas protestas non tiveran ningún resultado. "Nesas reunións directamente díxosenos que non había medios suficientes", quéixase a nai entrevistada por Praza

Esa foi a resposta oficial por parte da Xunta durante anos, que apelou á falta de orzamento e de recursos para manter as deficiencias do centro. Hai uns días, iso si, a emisión do programa de Alberto Chicote fixo que o presidente da Xunta anunciase que solicitara un informe á Consellería de Educación sobre a situación neste colexio. "A ver que informe lle pasan", di Manoli, que en todo caso lamenta que nos últimos días ningún representante do Goberno galego se dirixira á ANPA.

A ANPA critica as dificultades burocráticas produto da dependencia de dúas consellerías, Educación e Política Social, xestionada nos últimos anos por Beatriz Mato e José Manuel Rey Varela

Outra das críticas que nos últimos anos realizou a ANPA refírese ás dificultades burocráticas engadidas, produto da dependencia do centro de dúas consellerías, Educación e Política Social, pois aínda que o colexio é xestionado pola Consellería de Educación, parte dos seus servizos, comezando polo comedor, realízanse no Centro de atención a persoas con discapacidade Santiago Apostol, dependente da Consellería de Política Social, e posto en marcha en 2011 cando era conselleria Beatriz Mato, hoxe candidata do PP á Alcaldía da Coruña. Esta dualidade púxose de manifesto esta semana unha vez máis cando o ex-conselleiro de Política Social José Manuel Rey Varela (hoxe candidato do PP á Alcaldía de Ferrol) negou a preguntas de La Sexta que este problema tivera que ver co departamento que dirixira, a pesar de que o comedor si se atopa nun centro dependente de Política Social.

"É incrible que teñamos que saír nos medios para que a Xunta nos escoite", conclúe Manoli, que non manifesta excesiva confianza en que desta vez haxa unha solución aos problemas destas familias: "Non vai haber cambios. Cando remate todo o ruído este dos medios, todo vai seguir igual", di. Con todo, deixa unha porta aberta á esperanza: "O ano que vén hai eleccións autonómicas, igual entón si que nos fan caso".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.