"O problema non é que o neno teña unha discapacidade, é un problema de terrorismo educativo”

CEIP Salgado Torres da Coruña © Autismo Diario

"Bos días, señor Presidente. Non sei se escribir esta carta entre indignada ou sorprendida de que se poida xogar así coa saúde dun neno", deste xeito comeza o texto que Esther Cuadrado vén de remitirlle ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, esixíndolle que o Goberno galego actúe para facer cumprir a normativa e os protocolos previstos para a escolarización de nenos e nenas co trastorno do espectro autista, como é o caso do seu fillo Arturo. Esther Cuadrado, membro da Plataforma Galega pola Educación Inclusiva, denunciou hai uns días o trato recibido no CEIP Salgado Torres da Coruña, un centro de escolarización preferente para nenos con TGD e que, polo tanto, debería estar perfectamente dotado para atender adecuadamente estes nenos.

Na carta que lle envía ao presidente da Xunta, describe os problemas que Arturo vén sufrindo dende comezos do curso escolar, xusto no momento en que se produciu un cambio de titora, e lembrando que a situación do neno no curso pasado era boa, tanto no que respecta ao seu comportamento e desenvolvemento nas clases coma na relación cos seus compañeiros. Porén, nos últimos meses o centro modificou o sistema de ensino de forma unilateral e sen informar os pais, e ao neno retiráronlle os apoios visuais da aula, onde tamén se alterara a disposición espacial dos seus elementos, e a localización dos materiais de traballo. Tamén denuncia que a titora adoitaba berrarlle a Arturo, creando unha situación de medo e tensión, e que polo xeral o centro non lles facilitaba aos pais do neno a información ou o rexistro de condutas ao que está obrigado. Despois de varias protestas, a nai recibiu do centro a resposta verbal de que "en realidade non teñen formación para facer eses rexistros de conduta".

A nai denuncia que "o colexio non está seguindo ningunha das indicacións do citado informe" e que “o neno está nunha situación clínica na que nin sequera se pode controlar a medicación”

Na carta, Esther Cuadrado destaca que hai unhas semanas Pilar Barreiro, que ocupa o posto de especialista en TGD do Equipo de Orientación específico da Consellería de Educación, emitiu un informe con indicacións "para reverter o actual estado de saúde" de Arturo. Porén, a nai denuncia que "o colexio non está seguindo ningunha das indicacións do citado informe" e que “o neno está nunha situación clínica na que nin sequera se pode controlar a medicación”.

Nunha demorada exposición das varias deficiencias detectadas no funcionamento dun centro que por lei debe contar con recursos e coñecemento para asegurar a escolarización e o benestar de nenos como Arturo, Esther Cuadrado destaca que só en febreiro se elaborou "un plan de intervención individualizada para un neno cun trastorno de conduta xerado a primeira semana do curso escolar", e no que ademais non se planifica un apoio condutual positivo, mantéñense uns desrexistros de conduta dignos de exposición e ademais desmóntase o sistema de comunicación alternativo do neno".

Sinala que é inaceptable que “tendo un neno que funciona moi ben nun entorno e nun sistema, que estivo funcionando moi ben durante un ano" esa situación mude "por incompetencia", provocando "un estrés continuo" e "un ambiente humillante para el"

Esther Cuadrado destaca a "situación de estrés continuo" xerada pola actuación do centro, e cre que "se non toma medidas é porque non lle dá a gana". Sinala que é inaceptable que “tendo un neno que funciona moi ben nun entorno e nun sistema, que estivo funcionando moi ben durante un ano" esa situación mude "por incompetencia", provocando "un estrés continuo" e "un ambiente humillante para el". “Non digo que o maltrataran, pero tiña síntomas que ter sentido un maltrato, e ese entorno intimidante para el mantívose ao longo do tempo e segue manténdose”, engade. Conclúe que neste caso "o problema non é que o neno teña unha discapacidade, é un problema de terrorismo educativo".

 

Sentenza do TC, máis dificultades

A sentenza, polo tanto, dificulta o obxectivo de que os nenos e nenas que sofren algún tipo de transtorno poidan ser escolarizados á par que outros nenos e nenas

Hai uns días coñeceuse unha sentenza do Tribunal Constitucional que desestimaba o recurso de amparo formulado polos pais dun menor contra a resolución da Consejería de Educación de Castilla y León, que decidira impoñer a continuación da escolarización do neno nun centro público de educación especial en lugar de nun centro ordinario, como solicitaban os demandantes. A sentenza, polo tanto, dificulta o obxectivo de que os nenos e nenas que sofren algún tipo de transtorno poidan ser escolarizados á par que outros nenos e nenas, nun ambiente que favoreza a súa integración, no canto de ser enviados a centros especiais. A sentenza tamén discute a liberdade de elección de centro por parte dos pais, que polo que parece só se respecta cando está relacionada con algunha escolla relixiosa, moral ou lingüística.

Aínda que a sentenza recoñece que o dereito á educación "comprende a facultade de elixir o centro docente, incluíndo a de escoller un centro distinto dos creados polos poderes públicos”, o texto afirma que este dereito "non inclúe o dereito dos pais a escolarizar o seu fillo nun centro ordinario de educación, en lugar de nun centro de educación especial, pues iso virá condicionado á acreditación por parte das autoridades competentes das necesidades educativas específicas do menor".

Federación Autismo Madrid afirma que "seguirá traballando para que a escolarización nun centro de educación especial non poida considerarse unha opción válida cando a decisión repouse nunha falta de recursos"

Sa sentenza xa foi duramente criticada por colectivos coma o Comité Español de Representantes de Personas con Discapacidad (CERMI), que lamentou a decisión "de non amparar un alumno con discapacidade, que ignora a Convención da ONU" e que "atrasará o proceso de adecuación do sistema educativo español ás esixencias internacionais". De igual xeito, Down España sinalou que "ao desestimar o recurso para impedir que sexa escolarizado á fuerza en educación especial, o Constitucional actúa en contra da Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade.

Finalmente, a Federación Autismo Madrid afirma que "seguirá traballando para que a escolarización nun centro de educación especial non poida considerarse unha opción válida cando a decisión repouse nunha falta de adaptación dos centros ordinarios, por unha ausencia dos axustes razoables e do diseño universal nos espazos e nos procesos, en definitiva, nunha falta de recursos e de adopción de medidas que facilitarían a educación dende un centro ordinario".

CEIP Salgado Torres da Coruña © Autismo Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.