Moito se ten escrito neste mes e medio da situación educativa que estamos a vivir e da suma de despropósitos con que a Consellería de Educación atenta cada día contra alumnado, profesorado e familias. Quixera dirixir a ollada a aqueles nos que se centra a miña labor educativa, como docente de Pedagoxía Terapéutica, os máis vulnerables e, por tanto, os que máis sofren as consecuencias das nefastas decisións que se están tomando, o Alumnado con Necesidade Específica de Apoio Educativo (en adiante ANEAE).
Para a Consellería de Educación a xestión de procesos de ensino-aprendizaxe convértese nestas circunstancias nun mero enviar actividades a distancia a través das canles que cada centro e docente teña á súa disposición e bo entender
Parafraseando a lexislación vixente, o ANEAE é aquel alumnado que require, temporal ou permanentemente, “apoios ou provisións educativas diferentes das ordinarias”. Con esta definición, a situación de ensino-aprendizaxe producida durante o confinamento, amplía as necesidades educativas identificadas en todos e cada un dos centros e aparecen unha serie de circunstancias que dan lugar a novo alumnado con necesidades e agravan as situacións xa detectadas. Xeran ou acentúan necesidade específica de apoio de diferente índole realidades como a falta de conectividade, a carencia de dominio das ferramentas tecnolóxicos nas adultas responsables de alumnado de certa idade ou condicións, a ausencia ou falta de dispoñibilidades de persoas adultas que podan apoiar ou supervisar os procesos de aprendizaxe na casa. Se a estas circunstancias lle sumamos necesidades educativas previas ou dificultades de aprendizaxe, os factores de exclusión en determinado alumnado multiplícanse. Isto obrigaría necesariamente a establecer dende a política educativa, unha serie de criterios de identificación e provisión de recursos e pautas de actuación que brillan pola súa ausencia.
Para a Consellería de Educación a xestión de procesos de ensino-aprendizaxe convértese nestas circunstancias nun mero enviar actividades a distancia a través das canles que cada centro e docente teña á súa disposición e bo entender. O caso é que alumnado e profesorado estean ocupados, que teñamos algo en que pasar o tempo, que pareza que a aprendizaxe se desenvolve con normalidade. Esquécese a natureza procesual da aprendizaxe. Fálase de actividades en todo momento, mandar tarefas así e asá, soltas, illadas, discretas, atomizadas, palabras como proceso ou secuencia de aprendizaxe foron borradas do mapa.
Se a natureza de toda aprendizaxe é secuencial, máis no alumnado con necesidades específicas, onde ese proceso é un elemento que sigue un ritmo propio, debe ser exquisitamente mimado, vai e ben, estáncase, de novo colle pulo, nunha continua e fermosa danza, como ben sabemos os que xestionamos estes procesos. Aprendizaxes habituais a desenvolver neste alumnado é a competencia nas técnicas instrumentais básicas, así por exemplo, o asentamento de procesos lecto-escritores; da comprensión lectora; da capacidade de cálculo e resolución de problemas; de procesos cognitivos como a atención ou a memoria. Este traballo non se resolve a golpe de envío de actividades á casa, require competencias profesionais específicas, un acompañamento diario, unha revisión constante da planificación á luz dos progresos e retrocesos e da influencia de variables emocionais.
A segunda variable que esquece a Consellería de Educación é a natureza relacional da aprendizaxe. Aprendemos con outros. Tal vez os nosos responsables políticos deberían ler os postulados de Vygostky e tratar de entender que a aprendizaxe se desenvolve mediante a interacción social. Levado ao ANEAE e ás circunstancias tan excepcionais en que estamos, os outros dispoñibles neste momento son exclusivamente o clan familiar. Non podemos tirar para diante pretendendo que menores con dificultades de aprendizaxe aprenderán en solitario no seu domicilio con unha serie de tarefas que fagamos chegar. De querer incentivar algún tipo de aprendizaxe, non deberiamos dirixirnos só ao alumnado, senón tamén a eses “outros” cos que aprende. O profesorado especialista en apoio educativo deberiamos tamén asesorar, apoiar e acompañar, de existiren, aos adultos dispoñibles para acompañar o progreso do alumnado.
Con frecuencia, o alumnado con necesidades educativas específicas precisa de materiais adaptados e incluso dispositivos específicos de acceso ao currículum. Non é posible trasladar o traballo escolar ao fogar sen trasladar tamén todos estes materiais e dispositivos de apoio
Outra dimensión a ter en conta é a dos recursos materiais. A conectividade e a existencia de dispositivos tecnolóxicos é a primeira traba a solventar. A Consellería deu instrucións aos centros para identificar ao alumnado sen este tipo de recursos. En boa lóxica, o seguinte paso sería a provisión a nivel institucional do equipamento preciso. Nada máis lonxe da realidade, o único xesto foi unha dotación de portátiles con conectividade promocionada a bombo e platillo que se traduciu á hora da verdade en tres ordenadores para cada centros de ensinanza secundaria. Establécese, iso si, que nos casos de alumnado desconectado, os centros deben elaborar “plans específicos de recuperación do vínculo escolar e de reforzo”, así como plans personalizados o vindeiro curso. Literatura de fición burocrático-administrativa. De novo, a pelota no tellado dos equipos docentes, non se poñen os recursos precisos para atallar a situación, non hai investimento público, digámolo claro, e a responsabilidade de xestión da situación e as súas consecuencias é para docentes, familias e alumnado.
Ademais, con frecuencia, o alumnado con necesidades educativas específicas precisa de materiais adaptados e incluso dispositivos específicos de acceso ao currículum. Non é posible trasladar o traballo escolar ao fogar sen trasladar tamén todos estes materiais e dispositivos de apoio. En ningún momento a Consellería proveu mecanismos para efectuar estes traslados. Nos casos en que se deron, foi a iniciativa de concellos e entidades que colaboraron.
Unha avaliación do progreso do ANEAE só tería cabida cun sentido formativo, no día a día, ter indicadores de como vai o proceso, que precisa o menor e a persoa adulta que acompaña, que axustes deben facerse. A cualificación ven, máis que nunca, a embarralo todo
Tampouco as provisións respecto aos procesos de avaliación se axustan ao ANEAE. A pesar de que se fala de avaliación formativa e diagnóstica, a realidade é que as instrucións están orientadas a resolver a avaliación formal, a sumativa, a nota para sermos claros. Hai que establecer criterios e estándares e un baremo numérico que nos permita obter a cualificación final. De novo, que pareza que todo transcorre con normalidade, os alumnos e alumnas fan as súas tarefas, os profes cualifícanas, a mamá e a papá reciben o boletín. Non pasou nada!
Unha avaliación do progreso do ANEAE só tería cabida cun sentido formativo, no día a día, ter indicadores de como vai o proceso, que precisa o menor e a persoa adulta que acompaña, que axustes deben facerse. A cualificación ven, máis que nunca, a embarralo todo, a distorsionar a percepción que todos temos da meta, a que os acompañantes traballen pola nota e non polo proceso. Apoiamos igual se pretendemos sacar unha boa nota que se pretendemos un avance seguro afianzando competencias?
E por se fose pouco, en caso de dúbidas sobre a nota final, rematamos a faena autorizando a realización de probas específicas telemáticas para poder xustificar a cualificación. Como moi ben dixo o compañeiro de profesión Javier García, todo vale!