O único centro público de Educación Especial en Vigo, que acolle alumnado de ata 16 municipios diferentes, carece desde principio de curso da praza de traballadora social coa que contou nos últimos 50 anos. A xubilación da profesional que exercía ese labor deixou este colexio de referencia sen unha figura "clave, fundamental e decisiva" no día a día, o que ergueu hai semanas as protestas de toda a comunidade educativa, que chegaron da man da oposición ao Parlamento, que seguirán buscando o apoio da cidadanía e que continúan nos concellos desde onde chegan cada día algúns dos 110 escolares.
O Saladino Cortizo reclama que se manteña a praza de traballadora social, "clave" nun centro onde o 35% das familias vive en risco de exclusión social
A traballadora social, explica Daniel Costas, secretario da ANPA, é máis que importante nun centro onde "entre o 35% e o 40% das familias están en risco de exclusión social e acceden a servizos sociais comunitarios" e onde a "dispersión" da procedencia provoca unha "enorme variedade" que fai precisa esa atención profesional e experta. "Temos alumnado de moitos concellos, desde Cangas á Cañiza, e o traballo desa figura é básico porque hai moitas xestións que son imposibles de abordar no centro sen ela", insiste.
O CEE Saladino Cortizo, en Cabral, "atende familias do rural que non contan con moitos máis servizos deseñados para as súas crianzas con necesidades especiais que os que xestiona o centro", lembra o Colexio de Traballo Social de Galicia (COTSG) nunha reportaxe na que destaca que a "ruralidade", neste caso, é "un factor agravante" ante a falta de alternativas ás que ofrece esta escola referente polo seu traballo, as súas instalacións e, ata hai só unhas semanas, por contar coa praza agora eliminada.
Educación aclara que non hai "vacantes" de traballadores sociais en Galicia e a ANPA lembra que a praza estaba contemplada na relación de postos de traballo
"A praza estaba contemplada na relación de postos de traballo aprobada hai dous meses", advirte Costas sobre o que considera "un recorte". A Consellería de Educación aclara que "non ten vacantes de traballadores sociais nos seus centros" e explica que o caso do Saladino Cortizo foi diferente porque foi transferido á Xunta tras ser propiedade da Caja de Ahorros y Monte de Piedad de Vigo, subrogándose os deritos e obrigas laborais. Ao xubilarse, a praza non será resposta e a Administración asegura que o seu labor pode ser realizado por persoal administrativo, tal e como contestou a preguntas do BNG en comisión parlamentaria. "Unha traballadora social non é unha administrativa", rezan os carteis do Saladino Cortizo.
"Indigna porque na Consellería saben perfectamente o traballo que fixo a traballadora social e o importante que é", engade Costas, que aclara que desde a Xunta xustifican o innecesario da praza no feito de contaren xa cunha orientadora. "Non é o mesmo e sábeno ben, a non ser que non teñan nin idea do que significa e como funciona un centro de Educación Especial", insiste.
Desde o COTSG lémbrase que o labor da traballadora social é clave para "colaborar na prevención e detención de indicadores de risco que poidan xerar inadaptación social e escolar, facilitando a reincorporación do alumnado, orientando ao profesorado e informando sobre os protocolos existentes". "Detecta e aborda situacións de vulnerabilidade social, traballando por diminuír e/ou paliar a fenda dixital nas familias e reducir o efecto das desigualdades socioeconómicas entre o alumnado", insiste o Colexio, que lembra que a implantación desta figura no ensino ten experiencia xa en comunidades como Castilla y León ou as Canarias.
De feito, hai só unhas semanas, o COTSG acusara a Xunta de fomentar o "intrusismo laboral" descargando no profesorado funcións que non lle corresponden e advertindo da necesidade de persoal cunha formación especializada no seguimento ao "alumnado con maiores dificultades, tanto educativas como familiares".
No Saladino Cortizo, ademais de todo o anterior, Daniel Costas destaca como a figura da traballadora social servía tamén para axudar e facilitar trámites coas administracións, sobre todo entre familias en risco de exclusión sen habilidade ou acceso directo a internet ou sen coñecementos dos servizos dispoñibles. Tamén ante a inacción de moitas administracións públicas, especialmente en municipios pequenos onde os recursos para a rapazada con discapacidades ou necesidades especiais son menores.
Josefina Arrendo Caneda, a traballadora social do centro ata hai uns meses, amosou en declaracións ao COTSG o seu descontento coas administracións públicas por ir "liquidando prazas", primeiro coa perda da praza de psiquiatría infantil, coa de psicoloxía e agora coa que ela ostentaba. "É a gota que reborda o vaso para as familias", engadiu quen co seu traballo conseguiu melloras como un campamento de educación especial para o verán ou que fixo un acompañamento das familias "non só meramente burocrático", como lembra o Colexio.
"A traballadora social conseguía que as familias se sentisen arroupadas, non só no centro, senón procurando novos servizos e recursos no lugar de orixe"
"Conseguía que as familias se sentisen arroupadas, non só no centro, senón procurando que se creasen novos servizos e recursos no lugar de orixe, facendo un esforzo de coordinación cos 16 concellos de onde proveñen as crianzas, co único obxectivo de procurar unha atención integral tamén fóra do centro", engade o COTSG.
Para o Colexio de Traballo Social, a situación actual para o CEE Saladino Cortizo "non convida ao optimismo". "A estratexia da Xunta", din, consiste en derivarlle a responsabilidade de acompañamento, información, asesoramento e servizos aos municipios, "á vez que as familias e as crianzas seguen nunha situación de desamparo e de loita continua para non perder o conseguido ata o momento e manter e mellorar a súa calidade de vida".
De feito, como lembra, a situación no centro "é insostible" ao teren que asumir a directora e o xefe de estudos algunhas das funcións que antes desempeñaba a área de Traballo Social", como revisión ou petición de dependencia e outro tipo de trámites que as familias "tampouco poden asumir en soidade", como os servizos de ocio ou xornadas de formación. Un labor para o que estas persoas, como aclaran, non teñen formación suficiente para asumir na súa totalidade.
A directora e o xefe de estudos do centro ausumen agora trámites propios da traballadora social que as familias "tampouco poden asumir en soidade"
Todo, ademais, agravado polo feito de que o Saladino Cortizo sexa un "centro de referencia" en toda a área de Vigo e moitos outros municipios, tamén da provincia de Ourense. "Eramos o único centro deste tipo que tiña traballadora social, pero tampouco hai ningún outro centro coas nosas características, pola dispersión das familias e as diversas procedencias, que fan aínda máis necesaria esa figura", insiste David Costas desde a ANPA, advertindo de que o traballo que a discapacidade supón vai recaer agora nos concellos. "Vai aumentar a carga de traballo, a duplicarse o labor de xestión nun sistema xa colapsado", reitera.
Agora, e ante a primeira negativa da Xunta, a ANPA e toda a comunidade educativa do centro petará en máis portas. Desde a asociación de nais e pais enviaron xa un documento explicativo da situación a todos os concellos que ten alumnado no colexio, co obxectivo de acabar explicando aos alcaldes o que supón a perda da traballadora social. Ademais, BNG e PSdeG seguirán interpelando á Xunta e desde o Saladino Cortizo impulsarase unha recollida de sinaturas entre a cidadanía para solicitar o mantemento do posto laboral agora suprimido.