O Colexio de Traballo Social acusa a Xunta de fomentar o "intrusismo laboral" descargando no profesorado funcións que non lle corresponden

Presentación do Plan Recupera a cargo do conselleiro de Educación, Román Rodríguez © Xoán Crespo / Xunta

O COTSG eleva a crítica pública á actuación do Goberno galego, nun comunicado no que subliña que se necesita persoal cunha formación especializada no seguimento ao "alumnado con maiores dificultades, tanto educativas como familiares"

O pasado mes de xuño a Consellaría de Educación presentou a Rede de Acompañamento e Orientación persoal e familiar de Galicia no marco do Plan Recupera. "O obxectivo desta rede -sinalaba daquela o conselleiro Román Rodríguez- será desenvolver actuacións de seguimento ao alumnado con maiores dificultades, tanto desde o punto de vista educativo como familiar". Un total de 32 docentes compoñen esta rede, atendendo as necesidades de reforzo do alumnado doutras tantas zonas. Cada un destes docentes é responsable dunha Unidade de Acompañamento e Orientación persoal e familiar (UACO).

Dende a presentación destas unidades o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG) amosouse crítica coa súa formulación, alertando de que no seu funcionamento se estaba a producir un "intrusismo laboral", descargando sobre os docentes labores que son propias de profesionais especializadas en Traballo social. 

Acción do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, nunha imaxe de arquivo © COTSG

Agora o COTSG eleva a crítica pública á actuación do Goberno galego, nun comunicado no que subliña que se necesita persoal cunha formación especializada nesta cuestión "para a procura de solucións integrais ás situacións complexas que se pretenden abordar no eido educativo a través da Rede Galega de Acompañamento e Orientación persoal e familiar". A entidade sinala que o profesorado "non pode nin debe asumir estas funcións, dado que non conta nin coa formación nin coas ferramentas necesarias para levalas a cabo". 

A entidade sinala que o profesorado "non pode nin debe asumir estas funcións, dado que non conta nin coa formación nin coas ferramentas necesarias para levalas a cabo"

O Colexio destaca que as funcións indicadas na Resolución do 14 de xuño de 2021 da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional "nada teñen que ver coas levadas a cabo polo profesorado, senon que describen de maneira contundente as que levan a cabo os e as profesionais do Traballo Social tanto no sistema escolar como tamén en Servizos Sociais". "Todo isto pode dar lugar a situacións de intrusismo laboral, entendido este como o exercicio dunhas funcións sin contar coa titulación ou ferramentas necesarias", conclúe.

O obxectivo principal destas unidades é o de facer o seguimento individualizado do alumnado mais vulnerable educativamente e colaborar coas súas familias e a súa contorna, ademais de actuar como canle de comunicación directa entre centros educativos, familias, administracións e outras entidades, tendo en conta a singularidade do alumnado das zonas rurais.

O COTSG reivindica a figura do Traballo Social Escolar

O COTSG, que reivindica a figura do Traballo Social Escolar, lembra que a atención e intervención social "prestada por profesionais non cualificadas a persoas especialmente vulnerables que requiren de unha atención integral trasnversal e con coñecementos especificos no ámbito, nunca podería acadar os parámetros mínimos de calidade". O Colexio solicita á Xunta a modificación desta Resolución e critica que "todas as veces que este organismo tentou abrir comunicación coa consellería foron improductivas".

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.