Ata agora a escola contaba con dúas aulas e as súas mestras correspondentes. Agora, quedaría unha única aula con 18 alumnos dos tres cursos de Infantil xuntos
O pasado verán a Consellaría de Educación decidiu o peche da escola unitaria de Luaña, en Brión, por non acadar o número mínimo de matrículas, un peche que se uniu á sucesión de clausuras decididas nos últimos anos, máis de 200 en pouco máis dunha década. De nada serviu a mobilización da comunidade eductiva, que destacou o bo funcionamento da escola, a súa "calidade educativa" e a súa seguridade ante posibles contaxios, maior á doutro tipo de escolas.
Alumnado da escola e tamén a súa mestra trasladáronse a outra escola unitaria próxima, a EEI de Sabaxáns, tamén no concello de Brión. Porén, a comunidade educativa deste centro vén de saber que este curso pechará alí unha das súas dúas aulas.
Alumnado da escola unitaria de Luaña, pechada o pasado ano, trasladouse coa súa mestra a outra escola unitaria próxima, a EEI de Sabaxáns, na que agora pode pechar unha das súas dúas aulas
Ata agora a escola contaba con dúas aulas e as súas mestras correspondentes, ademais de recibir durante unhas horas á semana a mestras de relixión, de inglés e a de apoio AL e PT para meniños con algunha dificultade. Porén, este ano o número de matrículas quedou a dúas do número mínimo establecido por Educación para manter dúas unidades. Finalmente, quedaría unha única aula con 18 alumnos dos tres cursos de Infantil xuntos. Ademais, hai dous nenos con necesidades específicas.
As nais e pais dos nenos e nenas matriculadas reclaman "que se manteña a escola igual que o ano pasado, mantendo así as distancias de seguridade e as horas da mestra de apoio". Alegan "motivos de saúde, distancia social e prevención fronte a COVID".
Nais e pais reclaman que se manteña a escola igual que o ano pasado, mantendo así as distancias de seguridade e as horas da mestra de apoio". Alegan "motivos de saúde, distancia social e prevención fronte á COVID"
Así mesmo, advirten de que un dos nenos, cunha enfermidade de inmunodeficiencia, foi matriculado nesta na escola unitaria precisamente "para garantir a súa saúde e que poida manter as distancias e ten como referencia o curso pasado, no que as aulas foron burbullas e non tivemos que pechar en ningún momento", sinala unha das nais, que alerta de que "ese meniño é probable que non asista a escola".
A comunidade educativa xa iniciou movementos para tentar que a Consellaría de Educación reconsidere a súa decisión. Enviaron unha carta aos responsables da Consellaría e acadaron o apoio do Concello de Brión e de todos os grupos políticos con representación municipal.
Ademais, realizaron o pasado luns unha andaina dende o centro ata a Praza do Concello de Brión. Así mesmo, valoran a realización dunha cazolada ante a sede da Consellaría de Educación.
Como curiosidade, a EEI de Sabaxáns é unha das escolas de emigrantes, xa en funcionamento hai un século. En 1950 engadíuselle un segundo andar e funcionou tamén como local do sindicato agrario