As protestas da comunidade educativa pola falta de profesorado nos centros de ensino levan semanas estendéndose por toda Galicia. Desde que comezara o curso, moreas de colexios e institutos acollen semanalmente mobilizacións de familias, alumnado ou docentes contra os recortes e a falta de resposta da Consellería de Educación ás súas demandas, que son máis masivas que nunca, como recoñecían xa no verán as principais federación de ANPAs galegas.
As mobilizacións céntranse na falta dos docentes necesarios, pero adoitan sinalar especialmente os múltiples problemas que os recortes supoñen para a atención a alumnado con necesidades especiais, tal e como destacaron as protestas de hai tan só uns días en varios centros da Coruña ou o caso que denuncian varias familias en Carril (Vilagarcía de Arousa). Agora, é Vigo e a súa área a quen se ergue contra a escaseza de profesorado.
As ANPA de Vigo inician este xoves mobilizacións pola falta de profesorado, sobre todo entre os docentes para a atención a alumnado con necesidades especiais
A Federación Olívica de Anpas (Foanpas), que aglutina a máis de 80 asociacións de nais e pais de centros educativos de Vigo e Chapela, comeza este xoves un calendario de mobilizacións para denunciar estes recortes por parte da Consellería de Educación nos colexios, afondando sobre todo nas eivas de atención a estudantado con necesidades especiais.
Nunha rolda de prensa celebrada este mércores, a presidenta de Foanpas, Iria Salvande, advertiu de recortes "xeneralizados” entre o profesorado. Ademais, e con respecto a ese alumnado con necesidades especiais, calcula que “entre o 60 e o 80 % dos centros” de Vigo necesitan reforzo de profesionais de Pedagoxía Terapéutica ou Audición e Linguaxe.
Foanpas calcula que “entre o 60 e o 80 % dos centros” de Vigo necesitan reforzo de profesionais de Pedagoxía Terapéutica ou Audición e Linguaxe
Para exemplificar os problemas, Foanpas explicou a situación da escola infantil Hernán Cortés, que "só dispón dun profesor de Inglés e só vai un día á semana”, os problemas no transporte para os alumnos do CEIP San Salvador, a a agrupación de cursos nalgún centro ou a “saturación” no IES Santo Tomé, con aulas de máis de 30 alumnos.
A vaga de mobilizacións iniciarase este xoves -serán os "xoves negros"- no Alfonso Daniel Rodríguez Castelao de Navia, onde a ANPA denuncia a falta de profesorado especializado malia que aumentaron os alumnos con necesidades especiais, ata o 30 % do total do alumnado segundo a asociación, que aclara que só hai dous profesores para atender a todos.
Desde Foanpas, como ocorre con moitas outras ANPA en Galicia, critícase a ausencia de resposta e de solucións por parte da Consellería de Educación ante as demandas. E insisten en que a Xunta non pode ampararse no catálogo do curso pasado para decidir os recursos por haberen este ano “máis alumnos”.
Así, Foanpas anuncia que está a elaborar un informe a partir dos datos achegados por todas as ANPAs para detallar as necesidades e reforzos que se precisan e que será trasladado á Consellería de Educación.