Baixadas de ratios, mellor atención á diversidade, un plan real de eliminación de burocracia ou un incremento retributivo para o persoal docente. Estas son as principais reclamacións da folga no ensino convocada para o 28 e 29 de outubro pola CIG-Ensino canda ao STEG e co apoio da CUT.
Logo de mobilizacións anteriores e da folga do profesorado do pasado 25 de setembro, a CIG —sindicato maioritario na ensinanza en Galicia— convocou estas dúas xornadas da folga pero a expensas de desconvocala no caso de que os Orzamentos ou a postura da Consellería amosasen un cambio de actitude cara ás súas reivindicacións. Non houbo tal, segundo advirte a central, que acusa a Educación de "inmobilismo" e dun "único xesto" nos últimos días, consistente en "cubrir algunha vacante que levaban reclamando centros de Infantil e Primaria desde comezos de curso".
Ante iso, manteñen as convocatorias de folga e a "man tendida" para "iniciar unha negociación na que se aborden as principais reivindicacións do profesorado galego despois de 15 anos de recortes".
"Levamos moitos anos con reivindicacións logo de tantos recortes: primeiro a desculpa era a crise, logo colleunos a COVID e había outras prioridades e hai dous anos asinouse un acordo co que non estamos de acordo. O profesorado está farto e o que atopamos enfronte é unha Consellería que se pecha; non hai un mínimo achegamento", denuncia Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino.
"O profesorado está farto e enfronte hai unha Consellería que se pecha; non hai o mínimo achegamento", denuncia Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino
O sindicato, ademais das dúas xornadas de folga, convoca varias mobilizacións. A primeira delas é o martes, cunha "cadea humana en movemento" coa que os sindicatos convocantes propoñen rodear o edificio da Xunta en San Caetano. Trátase, din, de "simbolicamente forzar á administración galega a darlle un xiro ás súas políticas, rectificando os recortes dos últimos anos para que o profesorado recupere os seus dereitos e se vexa recoñecido como merece". Será, ademais, con ruído a modo de cazolada e con instrumentos de todo tipo que levarán os e as profesoras, que tamén pousarán as súas cabazas de Samaín ao conselleiro, Román Rodríguez, "en sinal de rexeitamento pola súa falta de diálogo".
Ademais, o mércores 29 están convocadas catro manifestacións de forma simultánea nas capitais de provincia galegas. Todas elas finalizarán nos edificios das delegacións territoriais da Consellaría de Educación, confluíndo ás 12 do mediodía, e sairán do CEIP Alborada, no caso da Coruña; da Praza da Horta do Seminario, en Lugo; da Dirección Territorial de Educación, en Ourense; e no IES Valle Inclán, no paseo de Montero Ríos, en Pontevedra.
Á marxe das dúas xornadas de folga, o martes o profesorado rodeará a Xunta nunha cadea humana e o mércores haberá manifestacións nas catro capitais provinciais
Desde CIG-Ensino, Arroxo destaca que Educación tampouco atende ás últimas demandas, como por exemplo para maior dotación de persoal de atención á diversidade, e que os Orzamentos que se veñen de presentar "non medran na proporción que deberían, facéndoo moito menos que o IPC" e continúan mantendo moitas "limitacións", como no caso do "ínfimo orzamento dos equipos de dinamización da lingua galega".
"A Consellería segue desprezando o ensino público e, particularmente, o seu profesorado", explica Laura Arroxo, que lembra que a CIG xa resumiu ao conselleiro as seis esixencias nas que sustenta a convocatoria de folga, alén doutras transversais como as referidas á "situación da nosa lingua no ensino" ou "garantías de liberdade e de respecto polo traballo".
Educación, advirten, debe amosar "disposición real de negociar" aspectos como unha "baixada de ratios en todas as etapas educativas" dende o curso 26-27 e a "recuperación do horario lectivo recortado en 2011 e 2012". Isto é, 21 horas semanais en Primaria e Infantil e 18 horas no resto de niveis.
"A redución de ratios vai moi lenta; despois de dous anos só se implantaron en 4º e 5º de Infantil e non se cumpre co cómputo dobre ou triplo do alumnado con discapacidade nin o número máximo aplicable ás aulas mixtas", di Arroxo, que asegura, ademais, que as "excepcións que se saca da manga a Xunta" provoca que as reducións propostas "non se fagan con carácter de máximos" e de maneira global. "A redución de ratios non lle supón absolutamente ningún gasto ao Goberno galego porque xa son produto da baixa natalidade", di.
CIG-Ensino reclama tamén un paquete de "medidas concretas" que "garantan unha correcta atención á diversidade". Pasan, sinalan, por accións como máis persoal de orientación, "cómputo como dobre ou triplo do alumnado con necesidades especiais en todas as etapas", máis aulas desdobradas ou mellores criterios para dotar os colexios e institutos de persoal especialista.
"Notamos e sentimos o fastío dos e das docentes; non é só unha folga para recuperar dereitos, senón tamén por dignidade"
Tamén pide "un plan real de eliminación da burocracia" que inclúa máis horas de dedicación para labores directivos ou de titorías ou a redución da xornada laboral do profesorado a partir dos 55 anos figuran tamén nunha táboa reivindicativa que toca tamén o eido salarial. Neste sentido, a CIG-Ensino reclama "un incremento retributivo lineal" para todo o profesorado que "permita recuperar o poder adquisitivo perdido", así como "recuperar o cobro de verán para o persoal substituto que traballe cinco meses e medio".
Arroxo cre que, ante estas peticións e a actitude da Consellería, "a demanda de mobilización mantense entre o profesorado". "Notamos e sentimos o fastío dos e das docentes; non é só unha folga para recuperar dereitos, senón tamén por dignidade", engade quen asegura que os profesionais do ensino ven como "cada ano van recortando dereitos e limitando o seu labor".
"Atacan o profesorado e xa é unha cuestión de dignidade", insiste quen lembra uns datos que, na súa opinión, explican ben a situación. "O profesorado agora é premiado por manterse máis aló dos 65 anos traballando e máis do 90% marcha; faino porque está queimado", di quen lembra tamén que cada vez hai máis problemas para conseguir docentes, sobre todo nalgunhas especialidades. "Non é unha profesión atractiva agora mesmo; isto está ocorrendo agora mesmo en Galiza e o goberno ten que estalo vendo", expresa.
Malia non haber "nin un mínimo achegamento" coa Consellería e ter pouca "esperanza" de que mude a súa postura, Arroxo asegura que CIG-Ensino "manterá o pulso ata que o profesorado nos diga o contrario". "Agardamos conseguir que Educación rectifique, porque o certo é que a presión dos e das docentes, xunto á presión social que exercen familias e alumnado xa está conseguindo cousas", explica quen asegura que "o goteo constante de vacantes" nas últimas semanas só se explica por esta presión. "Sen ela estariamos agora con moito menos profesorado do pouco que xa temos", remata.