Galicia tivo no outono un 20% menos de casos COVID que o pasado ano e un 80% menos de mortes

Vacinación contra a COVID o pasado inverno e variación dos principais indicadores entre o outono de 2020 e o do 2021 en Galicia CC-BY-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza.gal

As subas da incidencia acumulada da COVID-19 nas últimas semanas, paralelas ás informacións a respecto da variante ómicron -aínda preliminares e necesariamente provisionais e incompletas- provocaron nos últimos días que responsables de diversos gobernos, entre eles o galego, especulasen coa reimplantación dalgunhas restricións. Entre elas, a do uso da máscara ao aire libre con independencia de exista distancia de seguridade

En vésperas da conferencia de presidencias autonómicas nas que o Goberno de España abordará cos responsables das autonomías as eventuais medidas, Galicia remata o outono aínda coa incidencia acumulada á alza. Pero tamén con menos casos, menos hospitalizacións e menos mortes acumuladas que hai un ano, cando a vacinación aínda non comezara.

Na liña do que se avanzara cando comezou a campaña de vacinación, a maior diferenza produciuse na mortalidade. Con datos da estación que vén de rematar (dende o 21 de setembro e ata as seis da tarde do 20 de decembro), Galicia rexistrou nestes meses unha caída de mortes de persoas coa COVID superior ao 80%: de 635 no outono de 2020 a algo máis dun cento neste 2021.

Deste xeito, atendendo a estes datos, é posible afirmar que as mortes se reduciron case catro veces máis do que o fixeron os casos detectados. No outono de 2020 foran máis de 37.000 e no de 2021, o Sergas diagnosticou algo menos de 29.000. Nos últimos sete días con datos completos roldan a media de 1.200 por xornada.

Estas cifras de casos novos sitúan a incidencia acumulada a 14 días na contorna dos 560 casos novos por cada cen mil habitantes e e arredor dos 320 a 7 días. Tras varias de semanas de claro freo no ritmo de incremento na incidencia, nos últimos días ese acougo pasou a ser un lixeiro estancamento. Non obstante, os datos do pasado luns deixan a porta aberta a que a tendencia dos vindeiros días poida volver ser de freo no crecemento, paso imprescindible para que se produza unha caída da incidencia que, polo momento, só se rexistra con claridade na área sanitaria de Ourense.

Galicia rexistrou no outono de 2021 algo máis dun milleiro de hospitalización de persoas coa COVID e hai un ano foran unhas 3.400. Os ingresos reducíronse tres veces máis que os casos novos detectados

Xunto á devandita caída do 80% no número de mortes e de máis dun 20% no número de casos acumulados no outono, tamén resulta significativa a diferenza nas hospitalizacións, toda vez que, xunto con frear a mortalidade, o obxectivo da vacinación é tamén minorar o risco de enfermidade grave en caso de infección. Atendendo aos datos do Ministerio de Sanidade -o Sergas non publica as cifras de novas hospitalizacións-, neste outono rexistráronse en Galicia algo máis dun milleiro de hospitalizacións de persoas coa COVID e no outono de 2020 foran unhas 3.400. Isto implica unha diminución de case o 70% e, polo tanto, supón que as hospitalizacións se reduciron máis do triplo do que o fixeron os casos novos detectados.

⬇️

Como amosan os gráficos sobre estas liñas, os picos de hospitalización da actual vaga quedaron notablemente lonxe dos rexistrados no outono de 2020 (con varias xornadas por riba dos 60 ingresos) e mesmo tamén un chisco por baixo dos do pasado verán. Cómpre ter en conta, non obstante, que os datos do Ministerio de Sanidade tardan uns días en consolidar, polo é posible que nos vindeiros días se rexistren algunhas novas hospitalizacións.

As 283 persoas hospitalizadas ás seis da tarde do luns eran unha decena menos que o mesmo día da semana anterior

Os datos do Sergas, que ofrece cada día unha foto fixa do número de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 van na mesma dirección. O ritmo deste indicador xa comezou a acougar sen chegar a superar -cando menos, polo momento- os 300 ingresos simultáneos. Mentres, no outono de 2020 chegaran a ser máis de 600.

Ás seis da tarde do día 20 de decembro eran 283 as persoas ingresadas nos hospitais galegos con test positivo da COVID, 50 delas na UCI. O total de persoas hospitalizadas supuña unha decena menos que sete días antes, a primeira redución semanal dende finais de outubro.

No que atinxe á mortalidade, a comunicación de 8 falecementos de persoas coa COVID nos últimos días elevou a media a 7 días por riba das 3. Son xa cifras próximas ás da vaga do pasado verán, pero moi afastadas do outono de 2020. O gráfico sobre estas liñas amosa ás claras a devandita redución de máis do 80%. Cómpre ter tamén en conta, non obstante, que a vaga outonal de 2021 comezou máis tarde que a de 2020, polo que aínda cabe a posibilidade de que se produzan nos vindeiros días máis falecementos de persoas contaxiadas durante o que semella ser o pico da vaga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.