Alén das especulacións das últimas semanas ou das recomendacións que poidan chegar en días vindeiros, a Xunta xa ten definido o seu marco de medidas ligadas coa COVID ata despois das festas de Nadal, Aninovo e Reis. Alén das restricións xerais relativas ao uso da máscara en espazos pechados ou cando non haxa distancia de seguridade no exterior, o Goberno galego aposta esencialmente por estender a máis ámbitos a esixencia de amosar o certificado COVID de vacinación, test negativo ou recuperación da enfermidade.
Unha vez autorizado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Xunta fixo oficial este venres no DOG esta extensión, que rexerá canda menos ata o 18 de xaneiro. Fixa ata esa mesma data tamén a obriga de presentar o certificado COVID onde xa viña sendo obrigatorio. Daquela, en resumo, este requisito está vixente nos seguintes ámbitos [Consulta aquí a orde completa]
- Visitas a hospitais, hospitais de día e hoteis de pacientes.
- Restaurantes durante todo o día e bares e cafetarías dende as 21h.
- Pubs e discotecas.
- Albergues turísticos.
- Visitas a residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade.
- Ximnasios, piscinas cubertas e outras instalacións de deporte non federado.
- Eventos festivos, competicións deportivas, cinemas, teatros, concertos e similares con máis de 200 persoas no interior ou máis de 500 ao aire libre.
- Os mesmos eventos, con independencia do número de asistentes, se neles se serve e consome comida ou bebida.
Esta extensión do pasaporte COVID, engadido a unha mínima variación no resto de restricións -a prohibición dos "cócteles e actos de recepción con aperitivo e público de pé"- chega mentres, en termos epidemiolóxicos, Galicia semella estar transitando xa polo pico da vaga outonal do coronavirus. Así o apuntan, cando menos, os últimos datos dispoñibles tanto no Sergas como no Ministerio de Sanidade.
Como amosan os gráficos sobre estas liñas, o Sergas notificou este 17 de decembro algo máis de 1.200 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. En termos de días naturais, a media das últimas sete xornadas sitúase nuns mil diagnósticos diarios que dan lugar a unha incidencia acumulada duns 490 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e arredor de 275 a 7 días.
A comparación das incidencias acumuladas de cada día coas das mesmas xornadas da semana anterior, a coñecida como razón de taxas, permite seguir afirmando que Galicia se aproxima ao pico da vaga outonal. Así o expresa o gráfico sobre estas liñas, que representa a evolución dun indicador segundo o cal a incidencia tende a baixar cando é inferior a 1. Resulta especialmente significativo que a tendencia a frear o ritmo de incremento continúe nuns días en que o Sergas está a aumentar significativamente o número de probas PCR procesadas (máis de dez mil nos últimos dous ciclos de vinte e catro horas).
Freo no incremento semanal da hospitalización COVID
As 277 persoas ingresadas con test positivo da COVID son 17 máis que hai sete días, cando o ritmo de incremento semanal era de 63 pacientes
Mentres todo isto sucede, as cifras de hospitalización COVID dos últimos días tamén amosan sinais de freo. As 277 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus ás seis da tarde do xoves eran 17 máis que unha semana antes, o que implica que segue acougando o ritmo de suba semanal. Sete días antes, o incremento intersemanal de pacientes con test positivo da COVID nos hospitais galegos era de +63.
No que atinxe á mortalidade, a media a sete días de falecementos de persoas con test positivo do coronavirus segue un chisco por baixo das 3. Na vaga outonal de 2020, cando aínda non comezara a vacinación, Galicia chegou a superar unha media a sete días de doce mortes por xornada.
Case o 90% de asistencia no primeiro día de vacinación infantil
Este é o pano de fondo epidemiolóxico co que comezou a vacinación contra a COVID-19 para a infancia de entre 5 e 11 anos. Segundo informou verbalmente a Xunta, na primeira xornada en que nenas e nenos estaban citados para recibiren a súa primeira dose, a asistencia aos puntos de vacinación roldou o 87%. O grupo de menores de 11 anos segue sendo o que presenta maiores taxas de incidencia acumulada en Galicia, con case 900 casos novos por cada cen mil persoas nos últimos 14 días en Galicia. Na banda contraria segue o grupo de 70 a 79 anos, cuxa incidencia acumulada emprendeu xa a liña descendente dende hai días.