Só a área de Ourense superou o pico da vaga outonal da COVID a catro días da Noiteboa

Persoal sanitario da área de Ourense, con disfraces de superheroes no inicio da vacinación infantil contra a COVID CC-BY-SA Sergas

A incidencia acumulada da COVID-19 reflicte nestes días os efectos dos contaxios que se produciron en torno aos días da ponte da Constitución e posteriores contactos. As autoridades sanitarias agardaban por estes datos para obteren unha fotografía epidemiolóxica máis precisa cara ao Nadal e, no caso galego, o resultado é que, tras semanas no que o ritmo de incremento tendía a frear, ese freo virou en estancamento.

O freo no ritmo de incremento da incidencia acumulada global para Galicia está a ser substituído nos últimos días por un estancamento, e a área sanitaria de Vigo é a que ten agora as cifras máis elevadas

Nos últimos sete días con datos completos, o Sergas diagnosticou unha media diaria de case 1.200 casos novos nun contexto no que as taxas de positividade das probas de infección activa duplican amplamente o 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como referencia para dar a pandemia por controlada nun territorio. Isto dá lugar a unha incidencia acumulada na contorna dos 540 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e achegándose aos 300 a 7 días.

Neste contexto, só unha das sete áreas sanitarias galegas non só chegou, senón que xa deixou atrás o pico da vaga outonal. É a de Ourense, a que viña encabezando a incidencia dende finais de outubro e que xa emprendeu dirección descendente na incidencia acumulada tanto a 14 como a 7 días. Mentres, no resto de áreas a tendencia segue sendo á alza, coas cifras máis avultadas na de Vigo (máis de 455 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días seguida por Pontevedra-O Salnés (uns 430).

A coñecida como razón de taxas, indicador que serve para observar o ritmo de incremento ou diminución da incidencia acumulada, amosa como a tendencia ao freo nese ritmo de incremento deu sinais de estancamento nos últimos días. Cando este indicador volva ser inferior a 1, será sinal de que o que xa acontece en Ourense sucede no conxunto do país.

Un ano despois da suspensión de restricións polo Nadal

A conferencia de presidencias autonómicas para abordar a situación epidemiolóxica chega un ano despois de que, cando aínda non comezara a vacinación, o groso das restricións fosen suspendidas ou flexibilizadas polo Nadal

Con este pano de fondo, os gobernos autonómicos abordarán a situación este 22 de decembro, a dous días da Noiteboa, na conferencia de presidencias convocada por Pedro Sánchez. Ese encontro chegará un ano despois de que, daquela en estado de alarma e cando aínda non comezara a vacinación, a Xunta -e outros Executivos- decidira suspender ou flexibilizar boa parte das fortes restricións que estaban en vigor (entre elas, peches perimetrais ou toques de recollida, así como fortes limitacións á actividade económica e social) cadrando coas celebracións centrais do Nadal e do Aninovo. Daquela o Goberno galego pedira, non obstante, que a cidadanía non fixese uso desas flexibilizacións.

Polo momento, as mudanzas nas medidas en vigor céntranse esencialmente na extensión da esixencia do certificado COVID de vacinación, test negativo ou recuperación da enfermidade a novos ámbitos. A eventual imposición de novas restricións ou recomendacións estará moi ligada, en boa medida, á evolución dunha situación hospitalaria que segue moi lonxe do pico da vaga outonal de 2020 e mesmo un pouco afastada da que se rexistraba en Galicia hai doce meses.

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, ás seis da tarde do domingo eran 292 as persoas ingresadas en Galicia con test positivo do coronavirus. Ao contrario do que acontece coa incidencia acumulada, as cifras de hospitalizacións seguen amosando unha tendencia ao acougo en termos semanais. Non en van, ese total de persoas hospitalizadas é exactamente o mesmo que se rexistraba unha semana antes (o día 12, reflectido nos datos do 13), cando á súa vez había 55 persoas ingresadas máis que unha semana antes. A mortalidade nos últimos sete días rolda os 3 falecementos de persoas coa COVID por xornada.

Todo isto sucede mentres xa comezou a vacinación infantil contra a COVID e mentres o Sergas administra, tamén doses de reforzo á poboación de entre 50 a 59 anos. A infancia menor de 12 anos segue sendo a que rexistra unha maior incidencia acumulada en Galicia, segundo os datos do Ministerio de Sanidade, aínda que cunha tendencia a afrouxar o seu ritmo de incremento. Na banda contraria segue a poboación maior de 80 anos e tamén a de 70 a 79, entre a que xa comezou a diminuír a incidencia.

Os datos máis recentes de vacinación dispoñibles no Ministerio para Galicia aínda non reflicten o inicio da inmunización infantil. A última actualización, do pasado venres, reflicte os datos a 15 de decembro e amosan como a administración de doses de reforzo no grupo de 60 a 69 anos xa roldaba o 90%, mentres que a pauta completa ordinaria xa chegaba a algo máis do 85% do total da poboación de Galicia.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.