O presidente Sánchez apela á “unidade” e asegura que “España necesitaba este AVE tanto ou máis que Galicia”, mentres que o da Xunta agradece o traballo das ministras e ministros das dúas últimas décadas agás a socialista Magdalena Álvarez
Este martes 21 de decembro de 2021 será a cidadanía a que comece a decidir, co uso que lle dea, para que vai servir o AVE entre Galicia e a Meseta, como antes xa fixo co Eixo Atlántico que revolucionou as comunicacións entre Vigo e A Coruña. Pero un día antes, este luns, as autoridades quixeron a súa cota de protagonismo cun acto inaugural no que os discursos foron da memoria máis ou menos selectiva do que se fixo nas dúas últimas décadas para chegar a este momento ata os prognósticos do que suporá a nova infraestrutura para Galicia e España.
A nova liña de alta velocidade permitirá reducir a dúas horas e cuarto as catro horas que se tardaba ata agora entre Madrid e Ourense, con novas rebaixas de tempos previstas para os próximos meses. Porén, a deste luns foi unha viaxe máis lenta do que serán os servizos comerciais que comezan este martes, xa que xunto coa liña inaugurouse tamén a nova estación da Gudiña-Porta de Galicia, que ao igual que a de Seabra foi planificada aproveitando as necesidades técnicas e de seguridade que teñen as liñas de alta velocidade de instalacións nas que poder parar ou estacionar trens para dotar ao tempo de acceso á alta velocidade a esas zonas do leste da provincia de Ourense e o norte da de Zamora.
Na chegada a Ourense a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, foi a encargada de iniciar as intervencións cun discurso no que quixo agradecer especialmente “a todos os que traballaron nesta liña, a quen co seu esforzo culminou esta liña que supón un labor titánico coa bela orografía de Galicia”. Foi a referencia máis achegada deste luns ás cando menos catorce mortes rexistradas nas obras da alta velocidade galega desde o seu inicio hai dúas décadas.
Tamén foi a ministra quen citou a Castelao para asegurar que a nova liña supón dar forma ao “heroísmo” que o galeguista desexaba, o de “transformar as ideas en realidades”.
Tras a responsable de Transportes, que este luns estivo acompañada, aínda que sen intervención, da titular de Traballo, a galega Yolanda Díaz, tocoulle intervir ao presidente da Xunta. Se a ministra Sánchez iniciou o seu discurso agradecendo aos obreiros, Feijóo fíxoo co rei pola súa presenza na viaxe inaugural, na que non realizou ningunha intervención. O presidente galego lembrou expresamente aos catro presidentes do Goberno de España que xestionaron as obras da alta velocidade galega (Aznar, Zapatero, Rajoy e Sánchez), pero ao citar tamén polos seus nomes aos ministros de Fomento ou Transportes que houbo neste tempo, sete, só enumerou a seis: Francisco Álvarez-Cascos, José Blanco, Ana Pastor, Íñigo de la Serna, José Luis Ábalos e Raquel Sánchez. Nada dixo da que sería a segunda en orde nesa lista, a socialista Magdalena Álvarez, responsable de varias das principais parálises e atrasos da alta velocidade galega.
Feijóo incluíu no seu discurso as súas últimas reclamacións a respecto das infraestruturas ferroviarias, como a de que se poñan en servizo canto antes para aproveitar o Xacobeo os trens Avril que nuns meses reducirán aínda máis os tempos de viaxe. Ou o resto de melloras na rede ferroviaria galega pendentes desde hai décadas e que só nos últimos anos comezaron a ser realmente planificadas.
Sen intervención do Rei, o acto deste luns na estación de Ourense pechouno Pedro Sánchez, quen asegurou que “España necesitaba este AVE tanto ou máis que Galicia”. O socialista apelou á “unidade” e asegurou que “necesitamos a mellor versión de Galicia para contribuír á modernización de España”, xa que “Galicia está chamada a ter un papel protagonista en transición enerxética, en sostibilidade, en reto demográfico”. Nese contexto apelou a que o AVE abra unha “ventá de posibilidades”
Malia que o xefe do Estado non pronunciou ningún discurso, a inauguración deste luns do treito entre Seabra e Ourense, o máis complexo da conexión entre Galicia e a Meseta, é a primeira de calquera treito da alta velocidade galega na que participa algún membro da Casa Real. Nin na inauguración do Eixo Atántico nin nos treitos Ourense-Santiago, Olmedo-Zamora ou Zamora-Seabra participou ningún representante real malia que no resto de treitos de alta velocidade inaugurados previamente no resto do Estado si foi habitual a presenza ou do anterior monarca, Juan Carlos I, ou de Felipe VI, xa fose antes como príncipe ou agora como xefe do Estado.
Os novos servizos
Os trens Avril, con entrada en servizo prevista para 2022, serán os que permitan estender o servizo comercial AVE ao resto de cidades ademais de Ourense, engadindo un novo aforro doutros 20 minutos aos recortes de tempo que se logran este martes
A partir deste martes 21 de decembro os anteriores seis servizos Alvia diarios entre Galicia e Madrid pasan a ser oito, aos que se engadirán dous AVE. Se os primeiros reducirán o recorrido Ourense-Madrid das actuais catro horas a menos de tres, os segundos deixarano en dúas horas e cuarto. Coas súas prestacións, a principal limitación que terán os Alvia a respecto dos novos servizos AVE será a necesidade de cambiar de ancho uns 17 quilómetros antes de Ourense, en Taboadela, unha operación na que deben reducir a velocidade a menos de 20 quilómetros por hora, demora case máis significativa que a diferencia de velocidade entre 250 e 300 quilómetros por hora que poden acadar un ou outro tipo de trens.
Estas prestacións mellorarán previsiblemente antes dun ano, cando ao longo de 2022 entren en servizo os trens Avril de ancho de rodadura igualmente desprazable, como os Alvia, pero preparados para acadar os 330 quilómetros por hora. Eles serán os que que permitan que o servizo comercial AVE non chegue só ata Ourense senón tamén ao resto de cidades galegas recortando outros 20 minutos os tempos de viaxe, de xeito que Santiago quedará a unhas tres horas de Madrid, Vigo a menos de catro horas e Lugo a menos de catro horas e media.
A esas melloras haberá que engadir ao longo desta década a que suporá a construción da variante de Taboadela ou variante exterior de Ourense, o novo trazado que permitirá evitar o sinuoso recorrido de 17 quilómetros polos que de momento seguen entrando os trens nesa cidade tras adaptarse as vías para que poidan circular por elas trens tanto de ancho ibérico como internacional. E moito antes deberan quedar rematadas tamén as obras de modernización da liña Ourense-Lugo que xa están en marcha para mellorar a súa fiabilidade unha vez que o anterior Goberno de España desbotou facer unha liña de alta velocidade de nova construción.
Xunto co custo económico duns 9.000 millóns de euros, o AVE deixou cando menos 14 mortes na súa construción e 80 no accidente de Angrois, ademais de danos ambientais e irregularidades na súa xestión
Á situación actual da rede ferroviaria galega chégase tras un investimento que pode estimarse en máis de 9.000 millóns de euros desde que o 21 de xullo de 2001 Fraga e Aznar puxeron a que denominaron como primeira pedra do AVE galego. Uns 2.600 millóns foron para o Eixo Atlántico, e o resto para a liña coa Meseta ata Olmedo, onde se une á que comunica con Valladolid e o resto de cidades ao norte.
Pero houbo máis custos que Praza.gal vén analizando nestes anos, como as cando menos 14 persoas mortas nas obras de construción, os ríos danados ou desaparecidos con eses traballos, as irregularidades na súa xestión, as supresións e carencias de servizos que implicaron as mudanzas ferroviarias dos últimos anos ou as 80 persoas falecidas no accidente de Angrois do 24 de xullo de 2013 no treito Ourense-Santiago.
Este luns vítimas do sinistro volveron manifestarse á saída do tren inaugural desde Madrid e entregaron unha carta ao presidente do Goberno e o Rei para reclamar que se investigue correctamente o accidente, algo que aínda non ocorreu máis de oito anos despois polo que consideran falta de vontade do Estado. Os afectados cualifican como "inaceptable" a inauguración deste luns "como se non pasase nada" co accidente de Angrois.