Malia que a UE vén reclamando a España unha nova análise técnica do sinistro, o ministerio argumenta que xa non pode pedirlla á comisión de investigación porque agora é independente, e esta négase
Cinco meses despois de asumir o cargo, a ministra de Transportes, Raquel Sánchez, recibiu este xoves á plataforma de vítimas do accidente de Angrois, que como fixeron cos seus antecesores seguen pedindo ao Goberno de España que cumpra coa reclamación da Comisión Europea de que se realice unha investigación técnica independente do sinistro. Tras a reunión, dunha hora e media, os representantes das vítimas amosaron a súa impresión de que non hai vontade de resolver o bloqueo existente por parte do ministerio, que se remite ao argumento da Avogacía do Estado de que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) agora é independente e non pode darlle ordes para que investigue nada.
Na investigación penal do accidente de Angrois de 2013 xa rematou a fase de instrución e está pendente de fixarse a data para xulgar o maquinista do tren Alvia por despistarse e o daquela director de seguridade de Adif por non habilitar medidas fronte ao erro humano previsible do condutor. Porén, a investigación técnica que en 2014 realizou a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do ministerio centrouse só no maquinista e obviou outras causas do sinistro, segundo constatou en 2016 a Axencia Ferroviaria Europea, que tamén certificou a falta de independencia do organismo estatal por estar os seus membros nomeados polo ministerio.
Desde aquela a Comisión Europea pediu en varias ocasións a España que realice a investigación técnica independente que esixe desde hai anos a normativa comunitaria e que non considera cuberta co informe da CIAF de 2014. Pero ao tempo o ministerio reformou en 2016 a CIAF para dotala de máis independencia. E segundo vén defendendo a Avogacía do Estado desde a época do Goberno do PP, o ministerio xa non pode pedirlle á CIAF, agora xa independente, que faga unha investigación, porque estaría atacando esa independencia. Tería que ser a propia CIAF a que por vontade propia o decidise, pero vense negando porque defende a validez da súa investigación de 2014.
A solución que reclama a plataforma de vítimas é que o ministerio destitúa os integrantes da CIAF por incumprimento das súas funcións ao ser incapaces de cumprir coa normativa comunitaria que obriga a realizar unha investigación independente dos sinistros que analice todas as súas causas. Unha vía que levou á plataforma mesmo a abrir unha causa xudicial paralela á penal contra o ministerio para tentar obrigalo a cumprir coa normativa comunitaria. Ata agora o ministerio vense negando a actuar contra a CIAF, e este xoves segundo as vítimas a ministra limitouse a dicirlles que estudará a súa proposta.
O ministerio pon o foco nas melloras de seguridade na rede ferroviaria desde o accidente e na futura creación dun ente aínda máis independente que aglutine as investigacións de accidentes de tren, avión e barco
Por parte do ministerio, polo contrario, optouse este xoves por poñer o foco nas melloras de seguridade implementadas en toda a rede ferroviaria española desde que ocorreu o accidente de Angrois e por salientar o traballo que está a realizar para poñer en marcha unha nova 'comisión de comisións' de investigación, un novo ente aínda máis independente que englobe as investigacións técnicas de sinistros tanto de trens como de avións ou barcos e supere eivas como as ocorridas coa análise de Angrois, cando non se tivo en conta ás vítimas nin se analizaron aspectos organizacionais ou relacionados co factor humano.